sábado, 22 de marzo de 2008

ESTA É A MIÑA PATRIA




Artigo de X.L.Mendez Ferrín no faro de Vigo.


Esta é a miña Patria


X.L. Méndez Ferrín
Os comentaristas políticos galegos favorabeis á dereita e á súa "idea de España", especialmente a fracción ben articulada dos procedentes do vello e glorioso PCE-PCG, están a facer retiro espiritual; ou ben calan ou ben falan crípticos, circunspectos e a modiño. Mesmo hai xornais enteiros e grandísimos que semellan ter entrado nun período de instrospección e reserva que lles eu desexo moi fructífero para as súas almas empresariais. Utilizan coralmente a palabra chave escenario, que vén do inglés (ou latinglish) scenario, a cal significa o mesmo que entre nosoutros "guión cinematográfico". Os comentaristas de política na prensa de Galicia poñen (non todos, non) cara de circunstancias, amósanse taciturnos ou biliares e parecen estar á espera, coma no drama de Pirandello, dun autor que lles prescriba as novas palabras. A derrota do PP nas pasadas eleccións foi tamén a derrota dunha parte considerábel dos colaboradores, dos xornalistas e dos xornais presentes en Galicia. Esta é a miña Patria.Os escritores (merecedores do título) en lingua galega pasaron pola confrontación electoral sen lle daren moitos apoios á dereita e prestándollos, uns máis e outros menos, a todo aquilo que se moveu contra a barbarie. Entre outras cousas foi por iso mesmo polo que esta pasada tempada electoral se falou e escribiu tanto e tan agresivamente contra os escritores en lingua galega. E por que me virá agora á memoria aquela famosa carta de intelectuais galegos a favor da entrada de España na OTAN que non quixo asinar ningún verdadeiro escritor galego? Agora eu quixera felicitarme a min mesmo polo feito de que os escritores de Galicia, de Rosalía ás Redes Escarlata (por pór un simple exemplo de colectividade socio-cultural), pasando por Don Ramón María del Valle-Inclán, soen ser así ou, se non, chámanse Vicente Risco.Días antes da campaña, unha manifestación nutridísima alagou as rúas de Compostela baixo o lema de Galicia non se vende. Tal mobilización ensinaballe á coalición autonómica que existe unha esquerda, un ecoloxismo, unha clase obreira e un nacionalismo vivos e actuantes que non van permitir a destrucción do noso ambiente e da nosa vida por moito que o BNG e o PSOE estean e prevariquen no goberno de Santiago. Sempre decimos que o Parlamento de Galicia amosa o atraso político da Nación ao non teren asento nel máis ca deputados de tres partidos, cando no de Euskadi fanno seis e no de Cataluña cinco (ou é ao revés?). Falamos do atraso político de Galicia.O cal nos leva a albiscar un futuro no que, a consecuencia das vindeiras eleccións autonómicas, o retroceso do voto ao PP (elisión dos seus siareiros galeguistas ou simplemente demócratas), a ampliación desproporcionada e utilitarista do voto ao PSOE por parte de subxectividades verdadeiramente progresistas e a concentración no BNG da maioría dos sufraxios independentistas e de esquerda (ao que habería que asociar o voto patriótico e e marxista branco/nulo, tan numeroso) abran paso a unha mudanza política que sitúe no Hórreo electos ceibes e dispostos a aquilo que alguén chamaba "servir o pobo". Xa veremos a ver. "Mudam os tempos, mudam as vontades" - dicía V. nunhas viñetas ou cadradiños perdidos do chiste (sic) V. for Vendetta, da autoría de Alan Moore e David Lloyd.

mércores, 19 de marzo de 2008

CHEIRA A DIÑEIRO










Nova nos xornais de hoxe e na TVG de onte:


http://agalega.info/videos/?orixe=0&emi=2017&data=2008-03-18&hora=14:27:45&canle=tvg1#



http://www.elpais.com/articulo/Galicia/Unions/Agrarias/critica/contratos/parques/eolicos/elpepuespgal/20080319elpgal_12/Tes


http://www.lavozdegalicia.es/dinero/2008/03/19/0003_6664580.htm





Vai só un día dende que se abrira o prazo para solicitar novas concesións e xa se escoitan algunhas queixas. Non estamos sós, diría un optimista. Xa hai máis voces que reclaman "dereitos" e que se sinten discriminados. Parécenos ben que se reclame, mais teremos que analizar máis polo miúdo que é o que pide a xente e como o pide.


É innegable que os propietarios da terra son os que menos beneficio tiran diste negocio. Os especuladores xogan con avantaxe. Seica agora algúns escomezan a decatarse de que, efectivamente, algo renxe en todo iste xogo do negocio eólico. Aínda son moitos os privilexios que seguen a ter os empresarios. Ista partida xógase coa baralla marcada.


SOS Groba dende o primeiro día está tentando explicar isto todo, e non só denunciando o feito de que o parque eólico na nosa serra ten máis de perxudicial que de benéfico.


Recomendamos moita atención as novas que van ir saíndo. Aínda fican agochadas moitas opinións que van a querer ser escoitadas en público. A súa orixe vai a vir da banda dos empresarios, sen dúbida, dos concellos e, como non, dos propietarios. Nós, e outros moitos coma nós, que temos aínda moito que dicir.


Polo de agora gostaríamos repetir aquilo que vimos defendendo e que é vital para entender o verdadeiro problema: !NON IMOS FALAR DE DIÑEIRO¡


(Por si non se entende, os que teñen o diñeiro teñen moito e con íl xa se sabe, pódense facer moitas cousas e, como dí o refran, o diñeiro chama ao diñeiro.)


Boa semana santa, e para os Pepes, Pepitas e derivados do santo do día, boa festa a todos/as.

luns, 17 de marzo de 2008

¡O QUE NOS ESPERA!










Hoxe comeza o prazo para solicitar concesións de novos parques eólicos.


En La Voz de Galicia de onte, na última páxina do suplemento Mercados, aparece o seguinte titular " El viento calienta a Galicia". Máis de 1500 muíños, 5500 millons de euros de inversión e 2235 megavatios para repartir. Como vimos repetindo ao longo de istes días, o problema vai a estar na ubicación de todo iste pastel que as empresas se disputan.


No xornal El País de hoxe luns vemos a seguinte nova






Dista vez é a nosa emblematica e ameazada serra do macizo central, os cumes de Trevinca, onde aínda temos retallos do que foi o noso bosque máis primixenio co Teixadal, un dos poucos que se conservan en Europa.
Agardamos que o sentidiño ilumine aos nosos políticos e non se deixen levar pola forza dos € e dos que os moven.


domingo, 16 de marzo de 2008

MÁIS FOTOS DA SERRA DA GROBA








Algunhas partes do patrimonio que se atopan en perigo son as regueiras, regueiros ou regos, pequenos curso de auga que, segundo a época do ano na que nos atopemos, están cheos de auga a correr e burbullar (recomendo subir a escoitar as regueiras que vedes nas fotos, na boca da Groba, unha tarde serea de primavera e ceo limpo ) emitindo sons que ecoan en múltiples notas evocadoras. Istas regueiras teñen unha vida propia que vai trocando ao longo dos días, ofrecendo estampas de vida xermolando en tódolos recantos no seu devalo cara ao mar e os días do verán.

Por outra banda están os camiños , isas veas a seguir polo corpo da nosa serra, que teñen un feitío ás veces lene e pracido e outras rexo e duro, mais sempre evocador e respectable. Un camiño é a memoria viva do paso do tempo polo corpo esgrevio da nosa serra, os renglóns escritos de baril caligrafía nas raigañas da codia da serra, a tatuaxe do guerreiro repousando entre as batallas co tempo e os elementos. Non merecen nin esquecemento nin desprezo. Só botando unha ollada cara atrás e imaxinar o trafego cotían que tiñan, cando ises camiños se ían facendo con grandes esforzos por parte dos que no seu ir e vir erguían o pó da nai terra que os mantiña. Animais e persoas, carruaxes con estrume, pedra, leña, madeira, herba... A memoria dun pobo está aí, agochada nas reviravoltas dos seus camiños, nos chanzos e encostas, nos pousiños, nas lousas e rodeiras impresas a forza de pasar, cantandolle o eixo, os carros.

Máis respecto, e moitos folgos para ser pegoreiros do século XXI polos camiños da Groba.