sábado, 29 de marzo de 2008

PARABÉNS















En primeiro lugar temos que felicitar aos compañeiros de Salvemos Monteferro, e en especial a Angel e Xosé Reigosa Solleiro, polo seu traballo e o recoñecemento que significou a recollida do "V Premio de Xornalismo Nano Cambeiro", nun acto moi bonito e emotivo no Pazo da Escola de Mañufe, Gondomar, onte sábado. Dende Pilar Barreiro a Xoan Hermida e Mabel Rivera que, xunto cos premiados, tomaron a palabra, e o fermoso texto escrito por Rexina Vega que non poido asistir por problemas de saúde- que se recupere pronto, e parabéns polo magnifico texto que no seu nome leeu Mabel -, todos estiveron a unha grande altura que foi premiada con fortes aplausos polo público que enchía o Pazo da Escola.


Moitos foron os amigos que acompañaron aos premiados neste día. O Instituto de Estudos Miñoranos vai consolidando iste premio que quere honrar a un dos seus fundadores xa desgraciadamente desaparecido, e dende Fernando Casás, artista que fai a peza para honrar aos premiados, ata as pandereteiras, as "Teloneiras de Marita", que puxeron un rítmico e alegre peche ao acto, a todos/as temos que agradecerlle a súa contribución e aportación por actos coma este que fan máis grande ao noso país, recoñecendo ás verdadeiras xentes que sempre están aí, loitando, traballando e aportando grans de area para construir un futuro con esperanza. Reiteramos os nosos parabéns a todos/as.


En segundo lugar un anuncio



SOS A SERRA DA GROBA HOXE SÁBADO EN MOUGÁS.




Continuámos coas "misións pedagóxicas" e esta tarde, ás 19 h. estaremos no centro Veciñal e Cultural de Mougás expoñendo as nosas opinións e alternativas para a Serra da Groba. A información e o diálogo son ferrramentas básicas para un pobo que quere ser dono de seu e construir proxectos para a convivencia e o desenrolo sostible. Pola nosa parte, sempre estaremos dispostos a aportar o noso traballo e os coñecementos que entre todos poidamos sumar.



En terceiro lugar, algunhas novas que aparecen en distintos medios.

Primeiro unha reflexión do amigo X.L.Méndez Ferrín no seu Fondo dos espellos do Faro de hoxe http://media.epi.es/www.farodevigo.es/media/documentos/2008-04-29_DOC_2008-03-29_01_05_22_elsabado.pdf




Tamén varios artigos e informacións no boletín Novas da Galiza, sobre o negocio eólico no noso país



Cada quén que valore segundo lle pareza. Nós recollemos as informacións que atopamos, e xa coñecedes cal é a nosa postura ao respecto.

No xornal La Voz de Galicia de hoxe


outra nova de coma vai o negocio das eólicas e a súa produción.

























xoves, 27 de marzo de 2008

CASETA FORESTAL DAS TEIXUGUEIRAS







Algunhas das obras feitas na Serra da Groba hai uns 60 anos, foron construcións para que os vixiantes forestais pasaran as horas a cuberto. Situadas nos cumes da serra, en lugares as veces de difícil aceso, teñen a vantaxe de estar rodeadas polas mellores vistas sobre grandes extensións do mar e a terra. Son un patrimonio que está aí, debuxando nos cumes un pequeno punto mimetizado coa paisaxe, feitas coa pedra dos arredores e cun feitío común. No seu interior, unha planta ás veces cuadrada, outras rectangular, hai un pequeno lar para facer lume e quentarse nos días fríos do inverno. Unha pequena cheminea, tamén de pedra, para facer tiro, situada tendo en conta os ventos dominantes do lugar. Un pequeno banco completaba o aparello constructivo. As paredes de perpiaños, igual que o teito, tiñan unha ou dúas xanelas, dende as que se podía vixiar o monte sen saír a fóra. Hoxe son as cabras e os cabalos os que as utilizan para acobillarse nos días duros do inverno ou cando hai mal tempo. Seguen aí, prestando un servizo e sen estorbar nin impactar cando as ollamos ao lonxe, como se foran unha pequena escultura integrada no seu medio. Son unhas cantas as que se conservan en bo estado. Nós propomos que se conserven e coiden para que sigan a prestar servizo e se consideren patrimonio da Serra da Groba. Para algúns, o patrimonio pobre, mais a fin de contas, patrimonio. Estamos a ver como nalgúns casos o vandalismo e a ignorancia están a danar ás nosas casetas do monte. A tódolos que tedes sensibilidade, e aos que non tamén, pedimosvos que espalledes a voz e que as coidemos. Hai moitas historias arredor destas casetas e queremos que haxe moita máis no futuro.



Imos a poñer, en sucesivos apuntamentos, algunhas fotos dende e dás casetas forestais. Agardamos que vos gusten. Si sabedes algunha história ou conto relacionado, podedes axudarnos e completar a serie anotando nos comentarios as vosas impresións.






Nota: Xa nos imos afacendo a esto do Blog, e xa demos co tintimán de abrir o apartado dos comentarios. Perdoade pola impericia e as imperfecións. Pómoslle boa vontade, aínda que non sempre nos acompañe a fortuna.
Si queredes ver mellor as fotos, podedes picar enriba da foto para ampliala.

mércores, 26 de marzo de 2008

¡VENTE VINDO QUE XA TE VEXO!




Aí ven a nova vaga que se quere espallar polas nosas costas. Os proxectos para levar os aeroxeradores ao mar está aí e como nos despistemos imos ver unhas fermosas postas de sol con muíños abollando aló onde antes só víamos o famoso ovo fritido e o escintilar das raiolas no mar.

Botadelle umha ollada a ista nova dos amigos da Peneira


Os creentes que vaian rezando e os que non creen que se organicen e que lle boten unha man os que, cada día máis, dicímos que fai falla máis sentidiño e menos egoísmos e operacións especulativas. Ao remate, polo que se ve, parece que é o que queda: especular e ganar cartos. O problema enerxético e demais, propaganda dos de sempre.

luns, 24 de marzo de 2008

VALOR ENGADIDO



Unha das grandes preocupacións de SOS Groba está no negro futuro que lle albiscamos ao noso Cabalo Ceibe da Groba (CCG), si non se lle pon remedio antes con algunha actuación urxente. Temos feito algunha proposta xa as autoridades e aínda non se fixo nada. As cousas do pazo van despazo, mais non imos a rebaixar o noso ritmo de denuncia e de propostas en positivo. Son moitas as accións e os xeitos que se poden dar para remediar e botar atrás isa crónica dunha morte anunciada -co permiso de García Marquez-. Iste ano periga a celebración dos nosos curros. Os donos dos cabalos non atopan solucións aos seus problemas e, como diciamos, a administración vai lenta, demasiado lenta, lentísima. Si algo ten que cambiar na administración urxentemente, é o ritmo e rematar coas inercias do pasado. Xa sabemos que non só os políticos fan, tamén os funcionarios.
Hai que pór a traballar con outras miras a todo o país para que non se perda o noso patrimonio. Como dirían os médicos, temos que facer máis mediciña preventiva e menos curativa. Hai que educar. Fan falla "misións pedagóxicas" polo país adiante para informar e dicirlle a xente que é o que ten e cal é o seu valor. Deixarse de falar só de euros. Aí, na toma de conciencia pola xente do valor do que temos está a raiz do problema e tamén a solución .

O venres santo vin nas abas do Coto Ladredo nacer a primavera. Vína chegar dando chimpos torpes arredor da nai e atoutiños no seu ventre na percura dunha teta chea de leite de egua recen parida. A primeira cria do noso Cabalo Ceibe da Groba diste ano. Isa é a primavera que eu quero e non outra.


A nova que vos engado niste enlace ao Faro de Vigo e, tamén, unha raiola para alumear o futuro. Todas xuntas, ista e outras, han compoñer un sol con moitas máis de mil primaveras para a nosa serra e os nosos Cabalos Ceibes da Groba. Que os nosos netos as vexan.