xoves, 10 de abril de 2008
SOSgroba: MÁIS CRUCES EN PERIGO
mércores, 9 de abril de 2008
MÁIS CRUCES EN PERIGO
A vella Fonte de San Cosme ao pé do río do mesmo nome.
Esta fonte foi estragada e desfeita totalmente. Unha denuncia fixo que o que levara as pedras as repuxera no seu lugar de orixe. Mais, xa vedes en que estado quedou a fonte e os seu vellos compoñentes: Os canos rotos, colocados aos lados da cruz. A pía, totalmente desfeita, está sen repoñer.
Así coidan algúns o patrimonio do Val Miñor - aínda que sexa o patrimonio pobre, é patrimonio e ten un grande valor-.
O Cruceiro da Trinidade.
Esta maginífica xoia do noso patrimonio - cantos concellos desexarían ter unha peza do valor e beleza que ten esta- está nunhas condicións deporables. O paso do tempo e, os aires do mar e os fumes teñen a pedra moi deteriorada. Os liques e as rolas que teñen o seu niño enriba do cruceiro, non lle fan moito ben. Dende eiqui pedimos unha intervención e unha restauración para esa peza tan bela e extraordinaria do noso patrimonio. Mereceo.
luns, 7 de abril de 2008
TOMANDO MEDIDAS
Seica andan tomando medidas da forza do vento moi pertiño da Groba. Hai que explorar tódolos posibles emprazamentos para novos muíños de vento. A tarta está aí para ser repartida é o que non teña os deberes feitos non lle vai tocar nada.
Neste caso esta torre de medición da forza do vento está situada nos altos de Gondomar, nun punto dos montes da parroquia de Couso que se mete case ata a Portavedra. Tamén lle chaman o alto de Piquetes. Aí, como vedes, hai unha caseta forestal e uns petroglifos que no apuntamento de onte púñamos como en perigo inminente. Para montar esa torre fíxose unha base de formigón e movéronse varios outeiros que alí había. Tiñan permiso para facer esa obra? Consultáron con alguén se o patrimonio catalogado que se atopa a menos de 15 metros do lugar se ve afectado?. Parece ser que non, pois a distancia que marca a lei neste caso non se cumpriú e, asemade, case se estraga parte do patrimonio que está alí. Ese patrimonio non son as cruces gravadas ao lado do marco, é algo que está alí e que o que deu permiso para pór a torre desprezou ou ignorou. Que pregunte que é o que hai alí, que está catalogado e ten protección. E, tamén de paso que diga cando e quen lle deu o "permiso" para pór no monte case enriba dun elemento protexido, esa torre.
Si o monte só vale para que cada un faga o que lle peta cando quere desprezando a lei e o patrimonio, mal imos. Si só vemos diñeiro que ven voando e que, non se sabe si tamén , voando se vai, coido que necesitamos ir ao oftalmólogo. Hános prescribir uns lentes especiais para ver mellor e valorar o que valen as cousas. Nin os nosos devanceiros nin as xeracións futuras merecen tanto desleixo e desprezo co noso patrimonio.
Loxicamente, como diciamos no titúlo da entrada, efectivamente haberá que tomar medidas.
domingo, 6 de abril de 2008
VÍA CRUCES MIÑORÁN
Hoxe:
Algunhas cruces no Val Miñor que están en perigo
Nas ruínas dun dos muíños da Fraga de Oliveira, esta cruz nunha das pedras do marco da porta de entrada.
Cruces como marcas de termos. Estas son dos Altos de Gondomar, na parroquia de Couso, pertiño da Portavedra.
O que queda dun vello cruceiro situado nunha paraxe espectacular que está entre as Abelosas e a Portavedra, a beira do río, tamén en Gondomar.
Para finalizar a xeira de hoxe unha cruz máis artística, aínda que do patrimonio tamén popular: O Cruceiro do Loureiro, na antiga verea vella en Sabarís, en situación de perigo "inminente", como na película. Só hai que botar unha ollada ao que lle pasou a casa que estaba detrás e a ponte que hai a uns metros.
