sábado, 3 de maio de 2008

DÚAS ÁRBORES QUE RESISTEN













Hoxe ímos falar de dúas árbores que resisten o paso do tempo en medios moi dispares, mais con moitos perigos arredor.
A primeira é un lamigueiro ou chopo negro (populus nigra) que está coas súas raigames enterradas bebendo das veas da fonte da Estación, en Panxón, mesmo por baixo da vella estación do Tranvía. Estas árbores necesitan auga e soense dar alí onde abonda todo o ano. No sabería dicír cantos anos ten este exemplar, mais coido que moitos. Os máis vellos do lugar seguro que poden dar conta delo. O vello exemplar resiste case na calzada, chantado na beirarúa tendo o seu carón a fonte por baixo e, moi perto, o cemiterio de Panxón. O mar é dende a súa copa, un pano azul que ondea entre a area das praias de San Xoan, Gaifar e Canido e, xa máis lonxe, Lourido onde tamén resisten outros vellos irmáns. Si a memoria da súa codia poidese falar, cantas cousas contaría?.















Exemplares arboreos en perigo por mor do pouco respecto e os grandes ataques que sofren de coches, máquinas e público en xeral que non ve máis aló que madeira vella na que se pode chantar calquera cousa. A urbanización do litoral, o piche e o formigón non se paran a pensar se lle fan mal a algo que estaba aí xa fai moitos anos e que ben merece máis respecto.

Coidemolos pois entre todos, para que poidan estar entre nós moitos anos máis e nas mellores condicións posibles.









A outra árbore é un Salgueiro cincento (salix cinerea) que se atopa no Chan do Cereixo acompañado por varios irmáns e un Estripeiro. Nunha moi fermosa paraxe, este exemplar resiste na chaira asolagada escoitando o balbordo que producen neste tempo os milleiros de ras que están a reproducirse. As prantas de auga, os parrulos, as garzas, os cabaliños do demo, as abellas e todo un sen fin de bechos que manteñen un armonioso equilibrio ecolóxico, xunto coas vacas , cabalos e ovellas que pacen a vizosa herba que pinta de un verde distinto cada recanto da chan que un pode ollar, son os seus compañeiros.












Resiste este vello Salgueiro ao pé doutros exemplares xa moi deteriorados polo paso dos anos e os empurres do vento e os animais que os utilizan para refregarse contra deles para desparasitarse e deitalo pelo vello. Sós no meio e meio da chaira son a testemuña dun biotopo en perigo. Non hai aínda un ano alguén quería converter estas terras en campos de golf e urbanizacións de chalets. Hoxe, as nosas autoridades medioambientais -Consellaría de Medio Ambiente- pechan os ollos e deixan fora da Rede Natura estes humidais e os das Chans de Torroña e os altos da Groba. Ou non teñen ollos ou non queren ver. Dende aquí convidámolos a que nos visiten e paseen demoradamente por estas zonas. Si esto non e digno de estar na Rede Natura que nos expliquen por que sí o son os eucaliptais que caen cara o mar dende os cumes de toda a Groba.



Estas dúas vellas testemuñas que hoxe pómos aquí, dende ángulos moi diferentes, non o entenden non.


venres, 2 de maio de 2008

ALGO NON FUNCIONA BEN











Dende os primeiros días de xaneiro viñeronse sucedendo na Serra da Groba os partos das vacas que a habitan. Os xatos co seu coiro limpo, mimetizanse entre o mato cando a súa nai non esta perto. Fican parados aproveitando as raiolas do sol, ou anobelados como lenes fíos do liño cando o curisco bate nas chans entre o toxo e as uceiras. Compoñen, xunto coas "burras", unha estampa que nos trae lembranzas doutros tempos nos que aínda se respectaba o monte e todo o que nel había, como fonte de recursos que era e que supuña a canle pola que viña a mantenza para moitos fogares. O leite, a carne, a leña, o estrume, o pasto, a pedra, a madeira, o mel, as plantas medicinais, a caza, a auga ... todo viña do monte e alí pasaban as horas os nosos avós nun trafego de labores que ocupaban as horas entre lúas, e para os que tiñan algo máis de sorte, entre sol e sol.


Agora ímos á Groba a ver dende o coche os cuxos mamando ou dando brincos entre as abrutias, perto das patas da nai, nunhas estampas que ollamos como de postal ou de película, alleas ao devir das nosas vidas. Ou, cecais non tan alleas?


Xa encetando un maio que ven florido despois dun abril chuvioso, os xatos son xa vitelos e seguen o camiño na súa crianza para ser becerros. Pouco máis adiante han de ser levados polos tratantes para os mercados, ou directamente polos seus propietarios ao matadoiro, para converterse en carne, xarretes, solombo, falda, agulla, callos, costeletas ... Carne da Groba para padales que saiban apreciar as esencias dun bo bocado.


Este sábado, aló polas terras da Serra do Quinxo, en Olelas, no concello de Entrimo, fan unha festa para por en valor e comercializar as saborosas carnes das vacas Cachenas. As Cachenas son esas vacas de pouca alzada e grandes cornas, que teñen o coiro roibo e un ollos de fada engaiolada, con grandes pérfebas mouras e ollada doce e maina. Levan pacendo polas nosas serras milleiros de anos, segundo contan algunhas fontes documentais dos tempos da romanización da Gallaecia. Contábanos o vello e admirado mestre Xoaquin Lorenzo, que as Cachenas eran moi apreciadas polas nosas xentes pois, a pesares da sua pouca envergadura, tiñan unha grande adaptación ao terreo, moi duro, e aproveitaban moi ben a vexetación propia da alta montana para convertela en carne e leite dunha grande calidade. O seu pequeno tamaño permitíalle pasar por lugares onde outros animais máis grandes teríano máis difícil.


Non sei se os ventos da Groba algunha vez levarán a dirección da Serra do Xurés, do Leboreiro e o Quinxo, ou ao revés, sexan os ventos raiotos os que cheguen as encostas da Groba que bican o mar, mais si sei que por isa banda anda o deus Eolo a facer das súas ceibo, empreñando as éguas como na lenda. Que os fados o conserven ceibo e sen aparellos castradores é o noso desexo. Que a festa de Olelas sexa un éxito e que, no futuro, os nosos xatos vaian virando a súa xenética cara a esas razas que tanto teñen do noso e que tanto nos teñen dado ao longo dos anos coa súa presenza nas nosas serras. Cónstanos que dende a Consellaría do Medio Rural estase a apoiar o desenvolvemente de programas para a cría de estes animais. Na Groba temos as características necesarias para producir carne ecolóxica e con razas autóctonas. Só nos queda falar e xuntar esforzos entre todos. Aí estaremos para apoiar a quen queira subir a ese carro, que agardamos non se perda na nosa serra.


Mentres, en Santiago e por todo o país, os nosos gandeiros andan a loitar polo que é de xustiza: que lle paguen o leite e a carne consonte aos prezos que hai no mercado, repercutindo en orixe as subas dos forraxes, cereais e gasoil. Algo non funciona ben. Non pode ser que aqueles que fan o traballo duro e máis arriscado perdan cartos ou ganen menos e, os que fan de intermediarios leven a mellor tallada. Dende aquí pedimos que se axude aos nosos gandeiros e leiteiros. Consumamos os seus produtos, e esixamos aos provedores xustiza cos nosos paisanos que están a manter o sangue que mantén vivo o corazón do noso país: o agro. Ladrillos e perpiaños non se comen, cemento e piche non se beben, leitugas e cebolas, leite e carne si.

xoves, 1 de maio de 2008

ARTIGO DE BIEITO IGLESIAS














A Pexa, de Bieito Iglesias (ECG 1.05.2008)








A pexa ou apea para trabar as patas dos cabalos foi estorbo de uso xeral ata hai poucos anos. Tratábase dunha soga atada a dúas pernas dos solípedos que acurtaba as alancadas e impedía que abeirasen lonxe. Nunha foto de imprensa vexo que se segue utilizando ese xénero de impedimentos co gado equino bravo ou mostrengo: a instantánea -tomada no monte Xiabre- retrata unha besta que leva un pau en forma de forquita prendido nun artello. Infórmame amais o xornal de que tal práctica está hogano prohibida pola Lei de Protección dos Animais Domésticos e Selvaxes en Captividade de Galiza. Parece lóxico e necesario lexislar contra as apeas porque nos incendios de pasados veráns morreu moita cabalada que, por pexada, non pudo fuxir da labareda. Pero, á marxe desta constatación, o feito de que existan esas leis proteccionistas revela a muda profunda que experimentou a sociedade nas últimas décadas, pois non hai tanto que semellantes providencias resultarían estrañas á mentalidade popular. Eu vin afogar unha egua que quería pasar o Miño, desde o coiñal da Chavasqueira ata os prados de Angelita Varela situados na outra banda do río, precisamente porque coas patas enredadas na traba non se remexía e non foi capaz de vadear as correntes. A xente que presenciaba o incidente lamentou esa morte pero non pensaba que atar a besta fose unha crueldade a prohibir. Rexía unha concepción utilitaria no trato coas animalias, exenta de todo sentimentalismo:tanguíanse coa aguillada os bois pousóns; ás vacas lionas púñaselle unha táboa (atada nas cornas) sobre a testa, para dificultarlle a visión e evitar que escornasen.Tense a impresión de que o avanzo da civilización dulcificou o corazón dos humanos, do que se benefician os brutos. No entanto, en escenarios bélicos iraquianos e en domicilios con marido maltratador ou asasino, nótase que o home continúa sendo un lobo para o home. Dito sexa sen ánimo de difamar ao lobo

mércores, 30 de abril de 2008

PRIMAVERA NA GROBA








Recomendamos facer unha visita a Groba. Esta renacendo a vida despois do inverno e do lume. Os poldros novos xa dan chimpos de ledicia e aproveitan as raiolas do sol primaveral. Xa temos aí a volta duns días o primeiro curro de este ano, A Valga o día 11 de maio. Xuntaránse os cabalos ceibos e as súas crías. Chegará un novo ciclo no desenrolo vital da nosa serra que loita por sobrevivir - si, sobrevivir, esa é a palabra exacta dados os tempos que corren- nesta primavera que vai cumprindo co que lle toca: auga e sol.
A rexeración do monte, os ciclos vitais dos paxaros, os anfibios, reptís, as prantas... Todo é vida e explosión de vizosa enerxía xa sexa nos cantos dos paxaros, os rinchos dos garañons e as nubes de inseptos zoando por riba das toxeiras e as lucidas uces.! A Groba vive unha primavera máis. Como dixo o benquerido Cunqueiro "mil primaveras máis para a língua galega", nós engadimos o mesmo para a nosa Groba.
Invitamos a tódolos que queiran seguir o noso consello, que visiten a Groba e vexan vir a primavera nas azas do vento e os arrulos dos pombos, nos delongados solpores co mar ao lonxe e o seu escintilar en movemento lene. E, o día 11, compartir a primeira celebración da resistencia vital dos nosos équidos. Alí estaremos .

luns, 28 de abril de 2008

O QUE PENSAN OS DEMAIS




















Este sábado aistimos en Baiona a celebración do 1º Serán na beira do mar, organizado pola Asociación Cultural O XIMBALEU. Tódolos medios de comunicación mencionaron o feito de que nun mesmo día se celebraran dúas manifestacións festeiras moi distintas. Por unha banda a Feira de Abril andaluza organizada pola asociación ACEBA e o Concello, e pola outra o Serán popular, con música popular galega, regueifas, gaitas, pandereteiras, neste caso feita por músicos de todo o Val Miñor e da provincia de Pontevedra. Houbo xente para as dúas festas. Houbo festa e, neste caso si que lle acae ben o adxectivo, foi total pois pola tarde unha boa nova esperada chegou, ao fin, e fixo que os bombos e as gaitas entoaran nun coro popular cheo de ledicia a peza " catro mariñeiros" adicada aos veciños que nese intre estaban a ser liberados en Somalia. Xa pola mañán foran lembrados e se lle fixera unha pequena homenaxe ante a casa dun familiar que non poido conter as bágoas. O desexo, manifestado guindando ao aire coa música dos punteiros un aturuxo solidario, cumpriúse.

Todo ben pois. Mais aínda algúns parece que non entenderón ben este urro que algunhas persoas quixemos espallar nas ondas do ar de Baiona e tamén nas do mar sempre esquencido. Esta festa non foi contra ninguén. Xa se demostrou nas rúas. Foi unha chamada de atención para aqueles que con tódolos medios están a facer do Concello de Baiona un concello pouco solidario cos seus, coa súa historia e as súas raigames que están aí, no mar e as xentes que ao longo dos séculos fixerón dese anaco de terra, arredor do Monte do Boi, un pobo de portas abertas e horizontes infindos.







Unha chamada de atención para as xentes de Baiona que gustan de divertirse e compartir os intres de ledicia - xa, de cando en vez, chegan sen seren chamados os malos fados e as novas tristes- con tódolos os que se achegan. Si, unha chamada de atención para os que se esquencen de onde veñen e quen lle da e deu a personalidade que teñen e que, baixo o noso humilde ponto de vista, non deberían perder. Non estamos a refugar nada. Todo ten cabida. Mais, cada cousa non seu xusto sitio . Xa apuntamos hai uns días que nos parecía un exceso esa música obrigada para todos _ qúen regula o volume deses altofalantes?- nas rúas. Tres días de carpa na praza do concello?. Si ou non. Depende. De que depende?. Das proporcións dos actos que se celebran en Baiona e as súas consecuencias. Que queremos dicir con esto? Que si botamos unha ollada as actividades culturais que se celebran en Baiona organizadas polo concello, saénos unha listaxe curta e pobre, e non somos só nos os que o dicimos. A calidade e a cantidade de produtos culturais nun concello que quere presumir de excelencia turística, que foi un dos portos máis importantes do atlántico ibérico e que tibo e ten grandes e excelentes mariñeiros a navegar por tódolos mares do mundo, é máis ben pobre.

Sería de desexar que os organizadores da feira de abril fixeran unha enquisa entre as xentes que nos visitaron e lles preguntasen que é o que pensan desta festa. Este sábado sen querelo, algúns de nós fomos receptores dunha enquisa non demandada e que, de motu propio, contestaron achegandose a nós visitantes de lugares tan dispares como, Badajoz, Bilbao, Barcelona, Londres, Wasinton, Sevilla, Porto, León, Navarra, Ourense, Madrid e San Sebastian.

Aí, no que pensan os demais igual está a explicación do que sucedue este sábado en Baiona. Os demais, que viven lonxe e veñen a visitarnos. Os de aquí, xa o sabemos.









!Ah¡ E ¡ que vivan os noivos!

domingo, 27 de abril de 2008

¡NORABOA!













Felizmente os mariñeiros do Playa de Bakio foron postos en libertade. Segundo as noticias están ben de saúde e navegando libres. Parabéns para todas as familias e un grande saúdo para os tripulantes do atuneiro. Que teñan unha boa singladura e cheguen sans a casa. O son das gaitas soou hoxe en Baiona na súa memoria agardando a nova que por fin chegoua: a liberación sen danos.


Parabéns a todos.