xoves, 19 de xuño de 2008

COMEZA A FEIRA





















EL FARO DE VIGO





LA VOZ DE GALICIA


EL PAÍS

DE FEIRA A FEIRA
O meu avó era tratante e gandeiro. Andivo polas feiras do país a mercar e vender gando, polas casas e os pobos. Andivo. Antes a xente ía camiñando aos sitios, aínda que estiveran moi distantes. Erguíanse de noite e ían camiñando arreando os xatos, as vacas ou as récuas de bestas atadas polo rabo. Cando amañecía tiñan que entrar na feira para poder vender.
Pouco máis adiante, chegou o coche mixto, o que levaba ao gando e ás persoas e tódolos productos que se levaban para vender. Xa a cousa foi mellorando e aforrou moitas horas de andar camiños de noite, arriscándose aos perigos dos bandoleiros, que asexaban tralos carballos a que chegasen os feirantes cos petos cheos de moedas, queixos, pan, chourizos e xamóns. Eran outros tempos.
Agora parece que comeza outra feira. Os tratantes preparanse para chegar antes que nadie á feira. O que chega tarde nin oe misa nen come carne. E como feirantes tentan vender o seu producto - neste caso mercar- ofrecendo e prometendo o ouro e o mouro. Mesturando churras e merinas. Mil ofertas, a cada cal mellor. Os nosos empresarios apostan polo país e prometen facer un grupo lácteo, unha fabrica de papel... Todos acordaron agora que este país existe, que ten futuro . Onde estaban antes e que foi o que fixeron. Como chegaron a ser ricos e que axudas tiveron das administracións anteriores?. Como tratan aos seus traballadores? A terra, o medio ambiente, a paisaxe... preocupoulles algunha vez?
Xa sabemos que de todos os que van a feira, só alguns van a traballar e a comerciar honradamente. Outros andan a apañar o que poden, sen importarlle moito as formas.
Con tódolos respectos para todos, a esta feira hai que ir coas mans nos petos e os ollos ven abertos, non vaia ser que nos rouben a carteira.





mércores, 18 de xuño de 2008

¡CANTOS ERAN!

http://www.farodevigo.es/secciones/noticia.jsp?pRef=2008061800_4_234892__Galicia-Ence-grupo-gallego-ofrecen-trasladar-Celulosas-cambio-parques-eolicos http://www.lavozdegalicia.es/dinero/2008/06/18/00031213809918677894581.htm http://www.lavozdegalicia.es/dinero/2008/06/17/00031213738881340555980.htm Xa sabemos cantos eran. Mil.Agora toca esperar para saber quenes son os que van a levar parte do pastel que se vai a repartir. O que está claro é que son máis os que queren que trozos hai. Como nunha festa de cumpreanos dun neno, sempre hai quen quere o trozo máis grande do pastel aínda que outros quden sen nengún. Falamos de pastel e de reparto, pois polo que estamos vendo nas novas que se escoitan e se ven, esto parecese máis a un "pasteleo" que a un concurso. Si prometes tal o cual cousa e te portas ben, levas premio, se non, quedas sen nada. Vergoñento, dende o noso punto de vista. As boas intencións finais, aínda que parezan albiscarse, non son suficientes para tratar a cidadanía como se está tratando. Alguns tícs e movementos que apareceron no conselleiro e os seus axudantes e compañeiros de partido, fánnos desconfiar. Xa nos gustaría poder estar celebrando que, por fin, Galiza sae ganando. Non. Seguímos a dicír que os que ganan son eles, os de sempre, os do capital. E, para esto todo o tempo e arelas postos en que chegasen ao poder os nosos, as esquerdas democráticas que tanto traballo fixeron, que tanto criticaron?. Non basta con dicír que Galiza gana por que o capital das empresas é galego, por que van a reinvestir no país, etc. Onde queda o beneficio dos propietarios do terreo? Canto vai ser ese beneficio? Onde vai a estar o respecto polo patrimonio natural e cultural? A paisaxe, que agora queren protexer cunha lei, onde queda verdadeiramente? Estragamola primeiro e facemos unha lei para dicír que a protexemos? Que é esta tolería contradictoria que nos asolaga e tenta embebedarnos con vagas de informacións? Non. Nós non acreditamos, non nos fiamos nen temos fé nos chamados, cada vez máis, con bulra, "os nosos". Estamos agardando a que alto, claro e a luz do día se nos demostre o contrario. Sería unha das máis grandes alegrías que nos poderían dar. Mentres, seguímos a esperar as constestacións das alegacións feitas contra o parque eólico ( cando van a ser contestadas e de que xeito. Van facer igual que facían os do PP?).

luns, 16 de xuño de 2008

EFECTOS COLATERAIS










Os compañeiros da Asemblea do Suído publican na páxina Webb de Galicia Non Se Vende esta noticia



http://galizanonsevende.org/?p=417



Os efectos dos parques eólicos e o seu impacto sobre a fauna, que tanto desprezan algúns minimizandoos e ignorandoos.



Só a denuncia diaria e a loita sen descanso poden pòr remedio a grande desfeita que nos espera.







CONTA ATRÁS







Faltan doús días para o 18 de xuño.



Faltan cinco días para o curro de San Cibrán.



Faltán oito días para a festa do san Xoán. O sol marca ese día unha equidistancia entre a luz e a escuridade. A Serra da Groba vestese cos mellores solpores e alboradas do ano.


















OS CURROS DA GROBA


Un ollo máxico percorre o ceo pairando

como a águia na percura do coiro roibo

e negro dos garañóns en celo,

arrexuntan as bestas en mandas que se ven dende o outo

coma luares en movemento na pel da serra.

¡Aí veñen!,¡ aí veñen! , ¡serra nosa!

Xa cheghan os días de xotar as burras e marcar os poldros.

Xa toca sementar futuro para que abrolle en flor na primavera nova.

Cando de novo rinche o gharañón na serra

abeirado polo tabao e a carracha famenta,

agarrade a ghalla de encabestrar,

prendede o lume para quentar o ferro

e aguzade as tesouras,

cheghan os días do curro,

de rapar as bestas.

¡Xotalos! ,¡ xotalos!

¡que se van polo Costado para o Alto da Lebre!.

Han chegar co vento como se foran familia,

fillos de Eolo que preñou as éguas,

para inzar de caste

a Pura Raza Galega.

¡Acurralos, home! ¡Acurralos!

que non hai deus no mundo que empipe o vento.

Homes do Miñor,

acurra-las burras como a noite ás estrelas do ceo.

Mañán hai curro na Groba,

vínde xinetes a pelo.

Quen manda no mundo?,

nen deus nen demo.

No mundo manda o noso cabalo galego.

x.m.







ARTIGO DE FERRÍN


Hoxe Ferrín fala no Faro da estrela vermella da bandeira e a súa orixe.

Fala, tamén da deriva do BNG que se arrisca a apañar uns votos perdendo, case seguro, outros.


Mención especial ao conselleiro de insdustria e as eólicas.

O tempo dirá quen se trabucou e os por que de moitas das cousas que hoxe, parece que non se entenden.

domingo, 15 de xuño de 2008

OS NERVOS DALGÚNS E O FUTURO DE TODOS






































Un domingo máis o xornal La Voz de Galicia, segue a traballar a favor dos seus amigos. Sen contar nengunha mentira, manexa a información para que os que deciden acheguen a súa vontade a dos seus propios intereses. Presión mediática, chámanlle agora.


É certo que, como díciamos hai uns días, o 18 de xuño vai a ser unha data histórica a ter en conta no futuro. A pesares de toda a carga "mediatica", nós, que non temos o poder nen os medios para chegar tan lonxe ou a tanta xente, seguimos a dicír o mesmo: non podemos deixar o país en mans dos empresarios e os seus intereses. Non podemos esperar tranquilos na casa, agardando que un xornal nos comunique o que está ben ou está mal. Non podemos agardar a que sexan os medios de comunicación e os aparellos dos partidos políticos os que falen por nós. A cidadanía, a sociedade civil, hoxe máis que nunca, temos que dicír o que nos interesa e o que se pode mellorar, o que realmente axuda a resolver os nosos problemas, os cotiáns, os de todos, os dos nosos fillos e os do futuro do país. Se non o facemos así, virá o que ven de camiño dende a "nova Europa e a jodida America do Norte". Así de claro, unha nova carga laboral de máis de 60 horas -¡Non hai memoria!-, e a desfeita da chamada sociedade do benestar.


Somos nós, a sociedade que está durmida, a que ten que despertar do seu sono. Somos nós, os que temos que turrar forte para que a nao non vai ao pairo polos mares ignotos do desvarío. Falando claro, ou loitamos ou imos pasalas p.... , mal, moi mal.

Exemplos hoxe en día abondan, e se non botarlle unha ollada ao que din os camioneiros, os mariñeiros e a xente do noso agro. ¡Basta xa!. Abonda.

¡NON AO PARQUE EÓLICO NA SERRA DA GROBA!

¡NON A DESFEITA DO PAÍS!

GOBERNE QUEN GOBERNE, GALIZA NON SE VENDE.