sábado, 16 de agosto de 2008

NOITE NA GROBA

A xeira do xoves día 14 de agosto pola Serra da Groba, a pesares da chuvia que nos acompañou antes de inicar a camiñada, foi todo un éxito. Éxito pola xente que nos acompañou - arredor de 150 persoas- e polo ambente. Néboas nos cumes e nubeiros que deixaban pasar, por momentos, a luz da lúa. Non choveu no camiño nin ao remate cando recuperamos folgos con froitas, mentres se pasaban imaxes dos Tesouros da Groba nunha pantalla e a película dos anos setenta dos Curros da Groba.
Agardamos que tódolos que nos acompañastes quedarades satisfeitos, e que poidesedes observar algúns dos tesouros que defendemos dende SOS Groba. O parque eólico e a riqueza natural e patrimonial da Serra da Groba son incompatibles.
As fotos, son algunhas das que se fixeron perante a marcha.

xoves, 14 de agosto de 2008

OS TESOUROS DA GROBA A LUZ DA LÚA

Hoxe estamos preparando os últimos detalles para esta tarde achegarnos ata a Cruz de Pao, onde iniciaremos o paseo polos Tesouros da Groba, entre o lusco fusco, coa lúa como testemuña, faremos un paseo pola Serra da Groba vendo algúns dos seus tesouros.
Os que queirades subir en autobús, tedes que recoller na entrada do Parador do Monte do Boi, en Baiona, os boletos que iremos entregando a partires das 20 h. Hai prazas limitadas. Os que queirades ir nos vosos coches, podedes esperar no aparcamento da Virxe da Roca. Por alí pasaremos ás 20,40 h. Tentaremos estar no punto de partida ás 21 h. para iniciar o paseo e aproveitar as últimas raiolas de sol, se o hai, e botarlle unha ollada ao mar que se come ao sol. A Meniña da Chans, O Foxo Pedriño, a paisaxe e os cabalos ceibes, e para rematar A Laxe Cruzada ou Pedra das Cruces co labirinto máis grande da península, xa sen luz natural e con luz rasante dos focos que levamos.
Recomendamos que levedes lanternas ou focos e roupa para abrigarse por si hai corisco nos altos.
Ao remate, ao chegar de volta a Cruz de Pao, faremos unha pequena festa natural, con música, a proxeccción dunha película e fotos dos tesouros da Groba. Teremos agasallos naturais para todos/as.
Vémonos hoxe pola tarde.

mércores, 13 de agosto de 2008

MEDIAS VERDADES

Os nosos políticos dín que non minten. Ás veces iso é asi. Non minten, só dicen medias verdades ou non dín a verdade toda.
Cal é a diferencia? A diferencia está en que actuacións vergoñentas e ofensivas para intelixencia de calquera ciudadán, son disimuladas e ocultadas detrás dunha chea de fume e nubeiros que só deixan ver o que convén.
No caso do señor conselleiro de Medio Ambiente e a ampliación da Rede Natura na Serra da Groba, hai que dicir que, efectivamente, non vai nengún muíño na ampliación da Rede Natura. Só iso nos faltaría. Non minte o conselleiro. Agora, para que é e foi feita e se amplía a R.N?. Amplíase para protexer as zonas máis valiosas e que corren máis perigo de desaparecer e que teñen valores naturais máis salientables. Na Serra da Groba as mellores zonas quedan sen protección e impúdicamente fánse reviravoltas na raia divisoria para que os muíños queden fóra. Os humedais e turbeiras, os cumes nos que habitan os Cabalos Ceibes da Groba non son protexidos, nen o seu ecosistema vital. Pola contra, os eucaliptais que baixan cara ao mar si son protexidos.
Nón é protexido o río da Groba e as Fragas de Oliveira e de toda a súa ribeira. Non é protexida A Chan do Cereixo e os humedais da Portavedra, onde hai especies animais e vexetais en perigo de extinción pola presión antrópica e de cambios de uso dos solos.
En fin. Señor conselleiro: é vostede un maleducado e un mentiroso, cando ofende e dí que os que defendemos á terra, á vida e a natureza, sen cobrar un soldo ou salario por elo, mentímos. Vostede cobra, é o seu traballo defender o que nós defendemos, e escoitar ás xentes que dan o mellor das súas vidas en tentar deixar un mundo mellor aos que veñan detrás, non insultalas e tentar descalificalas por que pensan distinto a como vostede pensa.
O tempo pon a cada un no seu sitio, e vostede señor conselleiro de Medio Ambiente, creo que se está gañando a pulso o seu entre os depredadores históricos do noso país. Tempo ao tempo. As palabras só son palabras. O que conta son os feitos. Ises non enganan a ninguén.
NON ESQUEZADES: MAÑÁN
XOVES 14 DE AGOSTO 2ª XEIRA NOCTURNA POLA SERRA DA GROBA . VISITA GUIADA POLAS MÁMOAS, FOXOS DE LOBO, PETROGLIFOS, CABALOS SALVAXES, CURROS, SENDEIROS . . PROXECCIÓN DUNHA PELÍCULA E IMAXES DO PATRIMONIO NATURAL E CULTURAL .VISTAS ESPECTACULARES DA SERRA DA GROBA. . HABERA UNS PETISCOS E FESTA AO REMATAR A XEIRA SAÍDA: ÁS 20,30 h. dende a Entrada do Parador de Baiona Autobus ata completar aforo por orde de chegada. Os que queiran ir no seu coche: punto de encontro A Virxe da Roca ás 20,35 h. REGRESO: Ao rematar a xeira/festa ( +_ 1 da noite) TOTALMENTE GRATIS S.O.S A SERRA DA GROBA A GROBA PATRIMONIO NATURAL E CULTURAL NON AO PARQUE EÓLICO NA SERRA DA GROBA

martes, 12 de agosto de 2008

XA O DICIAMOS NÓS

Dende ADEGA denuncian a sospeitosa coincidencia da ampliación da Rede Natura con uns espazos libres, sen ampliación da Rede na que van o Plano Acuicola e as Eólicas como a que nos toca a nós, o Albariño I da Serra da Groba. Esa pretendida ampliación deixa libres os espazos nos que se tenta pór as novas piscifactorías e o Parque Eólico Albariño da Serra da Groba, facendo para iso, unhas inxustificables rebiravoltas que, os que coñecemos o terreo e o que nel hai, non entendemos nin lle vemos xustificación. Pódese ver nos planos que acompañan a noticia, como nengún dos aeroxeradores cae dentro da nova ampliación da Rede Natura. ¡Que casualidade! Iso mesmo lle dixemos persoalmente ao director Xeral de Medio Ambiente, e aínda estamos a esperar unha contestaccción racional e crible. A política vai por unha banda e cidadanía parece ser que ímos por outra. O señor conselleiro non ten credibilidade ningunha, e o único que fai é interpretar un papel como se fose un mal actor nun drama do teatro clásico, no que os papeis están moi ben definidos e a trama intuese dende o principio. ¡Basta xa de mentiras e de tomaduras de pelo! Un político que tente servir de verdade a este país , ten que ser valente e sinceiro, e si non o é, ten que irse para a casa. Iste pobo non pode, no século XXI e despois de todo o vivído, seguir a sufrir a clase política que temos e que está a traizoar tódalas esperanzas que nos quedaban. Polo dito, non nos queda máis que seguir denunciando, e loitando, contra a mentira e a desfeita organizada que nos queren botar enriba. ¡GOBERNE QUEN GOBERNE, GALIZA NON SE VENDE!. ¡Que lle quede claro, señores conselleiros!. NOTICIA DE ADEGA http://www.adega.info/index.php?option=com_content&task=view&id=1044&Itemid=2 Lembrade: OS TESOUROS DA GROBA. O xoves ás 20,30 h na entrada do parador saíra a visita guiada a Serra da Groba. Non faltedes. Hai que ver o que temos e espallalo a todo o mundo, para defendelo e non deixar que o destruian.

luns, 11 de agosto de 2008

O CURRO DA MOSCA DE MOUGÁS

Onte domingo día10 de agosto, celebrouse o Curro da Mosca de Mougás.
Moitos animais e un día bo para a celebración do curro, con nubeiros e claros cunha temperatura ideal.

AS EÓLICAS E A POLÍTICA FORESTAL

No xornal de onte e na mesma páxina, aparecen dúas novas referidas a política forestal e o tema do diñeiro que produce a enerxía eólica e como se reparten os beneficios. Consideramos moi interesantes os dous artigos e recomendamos a súa lectura para poder afondar no debate. http://www.lavozdegalicia.es/opinion/2008/08/10/0003_7050099.htm http://www.lavozdegalicia.es/opinion/2008/08/10/0003_7050123.htm