venres, 12 de setembro de 2008

MÁIS TESOUROS NA GROBA

Estes últimos días descubríronse na Groba algunha peza máis para sumar ao total dos Tesouros da Groba. Por unha banda, apareceron máis petróglifos reticulados, o que fai que sexa a Serra da Groba o lugar onde máis petróglifos de este tipo hai. Agora son os expertos os que teñen que estudar e valorar por que na nos serra se atopan en tanta cantidade e calidade estes enigmáticos petróglifos, moitas das veces á carón de muíños naviculares, que por outra parte, tamén son moi abondosos e singulares nesta parte da nosa terra. Asemade, esta semana apareceron algún outro petróglifo de coviñas e círculos e, unha vez máis, álí onde non debía estar, un anaco dunha extraordinaria peza de pedra tallada que seguramente formaba parte do dintel dunha porta. Case con toda seguridade a orixe desta peza e a parroquia de Panxón. O lugar onde a atopamos é nunha pista da comunidade de montes de Baíña, que se ten caracterizado por encher de lixo e entullo os montes e pistas. Unha veces máis a vista e outras menos, pero sempre facendo o mesmo dano a unha zona de cautela arqueolóxica que debería ter máis protección e coidado por parte de todos. Agardamos que as autoridades tomen boa nota e, dunha vez por todas, se poñan as pilas no que atinxe a protección do noso patrimonio, que é un dos grandes valores que temos e non coidamos o suficiente.

mércores, 10 de setembro de 2008

SEN REMEDIO

NOVA MOI INTERESANTE NO FARO DE VIGO http://www.farodevigo.es/secciones/noticia.jsp?pRef=2008091000_26_257198__CienciayTecnologia-urogallo-europeo-peligro Cando vemos na prensa novas coma a de hoxe entranos un profundo desacougo. Xa son moitas as novas que veñen confirmando as afirmacións que os distintos grupos ecoloxístas teñen feito ao longo deste últimos tempos. Os intereses ecónomicos non se paran -nin lles interesa -a valorar as afeccións menos visibles a curto prazo: as ecolóxicas. Cando unha especie desaparece por que se modifica o seu habitat, temos que pensar que ise é un mal que non ten remedio, e que non se pode tentar solucionar póndo máis ou menos millóns enriba dunha mesa ou creando programas de rehabilitación e de mellora de impacto ambiental. ¡Que falsas son ás veces as palabras e que fácil é manipular a linguaxe para facer todo o contrario do que se dí!. Como temos apuntado repetidamente, non é por falla de lexislación nin por "incumprir a lei". Na maioría dos casos -non en todos, como estamos vendo a cotío- son precisamente as leis as que permiten que se estrague o patrimonio natural, polo que logo botamos teóricas e sentidas bágoas. Fánse orzamentos para salvar o Lince Iberico, o Oso Cantábrico, a Pita do Monte, o Lobo Galego, o Cabalo de Pura Raza Galega, a Rá Arborea, o Teixo, as Aciñeiras, e milleiros máis de especies que estamos destruindo día a día. Mais, polo que estamos a comprobar, iso só é como unha esmola que paga o penitente polos pecados cometidos para atopar a absolución. Moral cristiá para solucionar os problemas na outra vida, despois da morte. Hoxe na Galiza, na Serra da Groba, o que fai falla é sentidiño e firmeza na defensa do patrimonio natural que temos, que nos veu dado, e que temos que preservar e mellorar, deixándonos de egoísmos persoais e de vaidades que o único que fan e empeorar a nosa situación actual e estragar o futuro das vindeiras xeracións. Está demostrado que o dito de que as enerxías renovables non contaminan e son inócuas é mentira. Como dicia o cantante: depende todo depende, de que depende. Asegún cono se mire, todo depende...