sábado, 21 de febreiro de 2009

SOS GROBA

Onte tivemos a oportunidade de render contas ante a xente que se achegou ata Gondomar a asmblea xeral de SOS Groba.
A nosa secretaria Alicia López, e o presidente Xosé Lois Vilar, fixeron un resumo das actividades e xestións levadas a cabo polo colectivo ao longo do ano e medio que levamos en activo. Case nos sorprende a todos o ver, un detras do outro, tódolos actos e actividades realizados. Aínda así fica moito por facer e non ímos a quedar parados.
Os asistentes aprovamos a integración do noso colectivo na Europeam Platform Agains Windferms, que está por un desenrolo sostible da enerxía eólica, e non a calqueira prezo e en calqueira lugar.
Tamén decídimos recurrir ao Parlamento Europeo para denunciar o noso caso e a vulneración da lei co proxecto Albariño I no seu estudo de impacto ambiental e no catálogo de patrimonio e a súa repercusión co implantación do parque eólico. A, ao noso entender, manipulación da futura Rede Natura na Serra da Groba, ao ser marcada polos lugares non de verdadeiro interese, se non por aqueles que liberen os espazos necesarios para implantación de industrias como as Plantas acuículas na costa e os aeroxeradores en lugares de grande interese natural, humedais e nacentes de fontes e ríos, e paisaxístico.
Informouse das xestións realizadas coas distintas autoridades locais, nacionais e europeas e dos plans para o futuro.
Comentouse e analizouse a manifestación de Galiza Non se Vende do día 15, e aprobouse debater despois do día 1 de marzo a postura colectiva de SOS Groba ante a posible disparidade de opinións ao respecto, para non interferir en posibles intereses políticos, lícitos, de calquera dos nosos integrantes. O colectivo non ten dúbidas ao respecto dos seus fins nin do camiño a andar.
Para rematar Xavier Simón, da Universidade de Vigo, deu unha conferencia sobre a enerxía eólica no país moi ilustrativa e einteresante, analizando os datos de toda a industria e o que aporta a cada quen, promotores e propietarios da terra, e a propia sociedade vía Xunta de Galicia.
O público asistente participou no debate final e preguntou sobre alternativas e futuro do problema enerxético, ata as 22,30 h.
Ao remate, continuamos cunha cea no Pazo da Escola en Mañufe, e aínda lle demos algunha volta máis o tema ata 1,30 da noite.
Moitas grazas, dende aquí, ao profesor Xavier Simón polas súas aportacións e a súa perfecta exposición de datos e gráficos.
Grazas, tamén, a tódolos/as compañeiras e compañeiros que fan posible o traballo que levamos adiante.
Para rematar, indicar que aproveitamos para inagurar unha Exposición sobre a Serra da Groba que estará nas instalacións da Aula de Cultura Ponte de Rosas de Gondomar e que logo pretendemos prestar a quen nola solicite para ilustrar todo o patrimonio que atesoura a Groba.

xoves, 19 de febreiro de 2009

ASAMBLEA DE SOS GROBA

Mañán venres, ás 19,30 h. na Aula de Cultura Ponte de Rosas de Gondomar, na Avda. da Feira ( o local do IEM), teremos a Asamblea Xeral de SOS Groba co seguinte orde do día: ASEMBLEA XERAL ANUAL De conformidade co disposto nos Estatutos, o Presidente da Asociación SOS A Serra da Groba convoca as socias e os socios á Asemblea Xeral Anual que se celebrará o venres 20 de febreiro de 2009 en primeira convocatoria ás 19.00 horas e en segunda convocatoria ás 19.30 horas. A dita Asemblea terá lugar na Aula de Cultura Ponte de Rosas de Gondomar de acordo coa seguinte orde do día: 1.- Presentación da Xunta Directiva 2.- Resumo do traballo desenvolvido 3.- Estado de contas 4.- Número de socias e socios Ás 20.00 horas, teremos o pracer de contar con Xavier Simón Rodríguez, doutor en Economía, profesor titular do Departamento de Economía Aplicada e responsable do grupo de investigación en Economía Ecolóxica e Agroecolóxica quen pronunciará a conferencia titulada: “Parques eólicos na Serra da Groba: unha oportunidade para o desenvolvemento rural? ” Como podedes ver, seguimos con moito interese todo o que se refire a evolución do tema eólico no país, e en particular na Serra da Groba. Quremos que os especialistas nos informen, e que vexades e poidades escoitar persoalmente o que opinan para que cada quén faga a súa e teñamos todos/as o maior coñecemento posible. Animámosvos a que nos acompañedes e escoitedes a Xavier Simón.

martes, 17 de febreiro de 2009

SERRA DA GROBA, MARCA DE CALIDADE

Parece que agora todo o mundo comeza a decatarse do que algúns vimos dicindo dende hai m oito tempo. A ver si ao remate somos capaces de facer proxectos en común que sexan vos para todos e que beneficien non só a uns poucos. De entrada o titular que podemos ver hoxe no Faro de Vigo alédanos e dános folgos para seguir na loita por mellorar a calidade de vida dos veciños e de todos os que queremos e creemos na Serra da Groba e as súa potencialidades. Algunhas das que se mencionan no artigo, son unha posibilidade, mais non a única. http://www.farodevigo.es/secciones/noticia.jsp?pRef=2009021700_3_297807__Comarcas-Serra-Groba-marca-calidad

domingo, 15 de febreiro de 2009

GALIZA NON SE VENDE

Hoxe día 15 nas rúas de Santiago escoitarase de novo un berro, ¡Goberne quen goberne GALIZA NON SE VENDE! Somos moitos e de tódolos puntos do país os que berramos e pedimos un novo trato para o país, para a nosa terra. Non basta con boas intencións e palabras ditas ante unha cámara ou un micrófono. Fan falla feitos e realidades que muden cun xeito vello de facer e proxectar accións para facer un país moderno e sustentabel. Sabemos das dificultades, dos atrancos, do poder dos que teñen o capital, mais non é suficiente nin desculpa para deixarse ir nunha inercia que vai a traer para iste país e as súas xentes moitos males de dificil arranxo, se non se lle pon remedio agora. En plena campaña electoral que se convoque unha manifestación coma a de hoxe pode ser entendido por uns e outros de moi distinto xeito. Que non se equivoquen. Galiza non se Vende no é partidista nin pretende darlle un regalo a ninguén. É unha chamada en voz alta, moi alta a tódolos que se moven na política para que se decaten de que hai que mudar, hai que facer as cousas doutro xeito, hai que vivir a realidade nu tempo novo que xa chegou, xa non hai avisos ni temores. Xa está eiquí. Todos temos ideoloxía. Todos defendemos un país mellor. Cada quen co seu punto de vista e coa súa idea. Mais somos independentes e inconformistas. Non podemos admitir unha política que só se lembra dos cidadáns cando hai unhas eleccións. Que pide que esquezamos, que confiemos... O día 1 de marzo cada quen votará aquelo que lle pete. Hoxe berramos e denunciamos , alto, en plural, que hai moito que mellorar e que os contos chinos enganan pouco. A realidade é moi teimuda e pon a cada quen no seu sitio. Iso é o que esperamos, e polo ben de todos: máis reflexión, maís sentido de PAÍS e máis dignidade. Non hai cheques en branco para ninguén. GOBERNE QUEN GOBERNE GALIZA NON SE VENDE http://galizanonsevende.org/?p=650