venres, 26 de xuño de 2009

ARTIGO EN TEMPOS NOVOS

Interesante artigo que aparece publicado en A Contratempo A única alternativa de futuro na Revista TEMPOS NOVOS ( recomendamos que vos subscribades, paga a pega e necesitan axuda para seguir editando unha cabeceira independente niste país de mentiras e manipulacións).
Un artigo de Xoán R. Doldán García, profesor titular de Economía Aplicada da USC
A sustentabilidade non é unha alternativa entre outras ao modelo capitalista, hexemónico na actualidade, senón que é a única posible, inexorabelmente, se querermos garantir a nosa supervivencia como especie no longo prazo. Un artigo de Xoán R. Doldán García Moi grosso modo falamos de economía sostíbel ou sustentábel cando se dan as condicións para satisfacer as necesidades dunha poboación nun determinado espazo garantindo que as xeracións futuras van poder satisfacer igualmente as súas. Isto significa que esa economía debe ser solidaria inter e intra xeracionalmente, e asegurar a súa universalización. De acordo con isto, unha opción non sustentábel supón que non se garante esa satisfacción de necesidades para o conxunto da humanidade: ou ben garantimos só para as xeracións actuais a súa supervivencia pero non ás futuras, ou ben garantímola por un prazo máis prolongado para parte da humanidade actual e os seus descendentes pero sen asegurar que esta poida darse para toda a humanidade no presente e menos no futuro. O modelo económico capitalista é, por definición, insustentábel xa que se basea na acumulación continua do capital, no incremento indefinido da produción e do consumo, na ampliación permanente do mercado, etc. Até agora mostrou certo éxito con base nunha destrución brutal da diversidade ecolóxica e cultural, no esgotamento de recursos non renovábeis e nunha grave polución ambiental que mesmo ameaza con cambiar as condicións climáticas do planeta, xunto co empobrecemento de gran parte da poboación mundial, elementos estes apenas incorporados na análise convencional, no entanto esenciais para comprender as raíces da situación actual. Mantivo a crenza nunha capacidade ilimitada da natureza para absorber os residuos da actividade económica, así como para subministrar recursos. Se a isto se engaden a falacia da substituibilidade sen fin, que fai recaer no progreso tecnolóxico a resolución dos límites naturais, e a falacia da desmaterialización da economía, que presupón o incremento da produción cun menor uso de materiais e enerxía, acaba por agromar a mistificación lexitimadora do sistema económico capitalista: a crenza nun crecemento ilimitado non suxeito ás leis da física e da bioloxía. Unha economía sostíbel non é só un verniz verde aplicado sobre o modelo actual, ou unha certa preocupación ambiental. A loita contra o cambio climático, a optimización no uso de materiais e enerxía, a reciclaxe dos residuos, a conservación de paraxes naturais etc. deben estar incorporados no tránsito cara a sustentabilidade pero esta é algo máis profundo e global. É un camiño e, sobre todo, un obxectivo ao que debemos aproximarnos aplicando o principio de precaución que nos obriga a anticiparnos aos problemas ecolóxicos ou sanitarios que unha acción presente puidera chegar a provocar, evitando así danos que poden ser irreparábeis. Na nosa vida social e persoal debemos considerar en todo momento que somos aquí e agora só unha pequena representación da vida humana na historia do planeta. Non somos propietarios senón usufrutuarios obrigados a conservar para os futuros habitantes a posibilidade de gozar dos recursos de modo semellante a como nós o facemos. Para iso debemos modificar radicalmente as estruturas sociais, políticas e económicas, e renunciar ao noso papel de saqueadores das xeracións futuras e espoliadores dos desfavorecidos do mundo. A sustentabilidade non se alcanzará até o momento en que deixemos de ver a natureza como algo do que apropiarnos e pasemos a considerala algo do que somos parte.
.

mércores, 24 de xuño de 2009

PARABÉNS

Fotos: Curro de Morgadáns 21 de xuño 2009
Os nosos parabéns ás xentes do IES Terras de Turonio e ao Concello de Gondomar e ao seu concelleiro de Medio Ambiente, Antón, poo labor que están a facer a prol dos Cabalos Ceibes e dos nosos Curros.
NOVA NA PRENSA HOXE en VIEIROS
Ceibes no monte O Concello de Gondomar apoiará a iniciativa traballada polo alumnado do IES Terras de Turonio, estabelecendo roteiros culturais polos camiños do monte deica os curros. Redacción - 11:15 24/06/2009 Tags: cabalos Gondomar IES Terras de Turonio roteiro cultural Cunha camiñada polos roteiros de Vincios e Morgadáns, rapazas e rapaces do Instituto Terras de Turonio, acompañados por profesorado e polo concelleiro de Medio Ambiente en Gondomar, inauguraron este martes os roteiros. A idea abrollou no propio instituto, no marco do Ciclo de Actividades Físico-Deportivas impartido neste centro e que inclúe no seu currículo as actividades de monta a cabalo e sendeirismo. Deste xeito, e baixo o epígrafe "Ceibes no Monte", desenvólvese un proxecto no que colaboran co Instituto local o propio Concello e os gandeiros propietarios de cabalos e das comunidades de montes. O obxectivo inmediato é elaborar unha sinalización específica para o camiño das greas desde o punto onde son xuntadas até o lugar do curro. Segundo explican desde o centro escolar, a presenza dos cabalos en liberdade nas serras do Galiñeiro e da Grova é unha "práctica ancestral" mesmo documentada nos petroglifos achados nos montes da zona, con escenas de monta equina atopadas en Couso, Sabarís ou Oia. "Esta actividade de cría e de mantemento de mandas de cabalos no monte mantense viva no Concello de Gondomar grazas aos gandeiros que herdaron de xeracións anteriores os saberes e as prácticas de coidados e mantenza dos animais en liberdade", contan. Escola e institucións colaborarán así en espallar e converter en atractivo turístico esta manifestación cultural, nunha idea que xa foi ademais premiada pola Fundación Antonio Fraguas e polo Museo do Pobo Galego. Inicialmente vanse estabelecer tres roteiros das "burras" como sendas de interese cultural (con "burra" refírense no Val Miñor aos cabalos). Na área do curro e no de concentración dos cabalos colocaranse paneis informativos co esquema do itinerario e unha explicación sobre as actividades gandeiras e a vida dos cabalos en liberdade. O IES Terra de Turonio forma parte da rede de centros da Axenda 21, programa que se está a desenvolver tamén no Concello de Gondomar e que procura contribuír a un desenvolvemento sostíbel fomentando prácticas ecolóxicas e sustentábeis.