ARARON O CAMPO GRANDE.
AGRESIÓN
AO PATRIMONIO NATURAL NA GROBA
Estes
días atrás poidemos comprobar como as agresións ao patrimonio
natural da Serra da Groba seguen a darse e non sabemos como, nestes
tempos nos que estamos, aínda se poden levar a cabo accións tan
agresivas co medio, a pesares de ser, teoricamente, especialistas os
que deseñan ditas accións, e aos que se lle supón un grao de
coñecemento sufuciente e especializado. Non sabemos, e por eso
preguntamos , como e por que se aran superficies tan extensas de
terreos sensibles, nos que está acreditado que
nos solos turbosos deste espazo natural desenvólvense dúas
comunidades vexetais que están consideradas como "prioritarias"
pola lexislación comunitaria: os cervunais (código 6230) e as
carrasqueiras húmidas atlánticas (código 4020). Ademais de
formacións de turbeira e outros hábitats incluídos na Directiva
42/93/CE?
Como
se ara na dirección da pendente e a tanta profundidade para plantar
piñeiros e freixos nun lugar no que as secas estacionais van facer
que alomenos os freixos sequen?. Que necesidade ten a CMM de Mougás
de plantar piñeiros nas zonas dos nacentes de augas que, asemade,
teñen valores vexetais que debería protexer? Por que se fai un
peche tan extenso con postes e arame en lugares que non deberían
estar pechados, dado o seu interese patrimonial? Por que se arou por
riba das pedras e as laxes, en lugares nos que as árbores non se van
a dar, rachando laxes e o solo transformando a paisaxe? Por que se
pecha polo medio unha poza que ten un grande interese natural,
situada nunha chanciña, nun alto con fermosas vistas? A tanto chega
o sentimento de propiedade que hai que cercalo con arame para que se
saiba ben ata onde chega Mougás e onde comeza Baíña? Que proveito
tiran os veciños comuneiros de Mougás con esta acción que deturpa
a paisaxe e estropea a contorna? Que beneficio económico van sacar
os comuneiros de Mougás con esta prantación? Cal é o beneficio
social, ecolóxico e natural de esta intervención que custou,
segundo o cartel que está tirado no chan , 71.369,54 € e dos cales
se subvencionarón, é dicir, pagamos todos 37.526,81 €?
Con
tódolos respectos para a xente que traballa no monte e que tenta pór
en valor as grandes superficies que temos na Serra da Groba, non
entendemos certas actuacións nen as compartimos. Respectamos os bos
traballos e as intervencións que coidan o monte. Respectamos as
comunidades que con grande esforzo tentan xestionar o monte e tirar
proveito para as súas comunidades, sempre e cando o fan con respecto
por os valores naturais que tamén son patrimonio de todos/as,
facendo compatibles os usos sociais e naturais cos das explotación
forestais e do patrimonio cultural, as da fauna e a paisaxe. Non
podemos comprender, neste caso, a actuación no Campo Grande, nunha
zona que con un pouco de intelixencia, consideramos non debía ter
sido arada destruíndo e/ou alterando gravemente a vexetación
protexida pola lei e os acuíferos que van a ser alterados polos
regos a xeito de drenaxe artificial. Non entendemos que non se deixe
unha entrada para as persoas para poder visitar o Cortello do Porco,
e se cerque todo con arame. Non entendemos que se peche ao medio unha
poza, aínda que o linde natural da parroquia pase por aí. Non vemos
esa necesidade, e ise gasto en materiais, para un proveito dificil
de imaxinar.
Pórlle
arames ao monte e arar as carrasqueiras e humedais non o consideramos
nin produtivo, nin necesario e parécenos un destrago de diñeiro
público que, neste caso serve máis para destruír que para crear
riqueza. A biodiversidade e a maior riqueza que temos e isa non ten
prezo, si ten moito valor e non podemos tentar comerciar ou xogar
irresponsablemente con ela, a pesares de que os léxitimos donos da
terra así o decidiran, sexan estes comuneiros, enxeneiros ou
políticos. Tanto ten. Os erros non saben de títulos nen de cargos,
as consecuencias pagámolas todos, agora e mañán, nós e os que
veñan despois de nós.
Con
moita door, pesar e respecto polos veciños de Mougás, así e dese
xeito, non. Non ás desfeitas na Groba.
19
de xaneiro de 2016
Ningún comentario:
Publicar un comentario