venres, 29 de febreiro de 2008

Resposta a Eurovento


No día de hoxe enviamos á prensa a contestación de SOS Groba a empresa Eurovento e á súa campaña de desinformación e contaminación que está a facer pagando xantares e visitas a parques eólicos.



"No mes de agosto de 2007, a sociedade civil do Val Miñor e Baixo Miño xuntouse para crear a asociación SOS A Serra da Groba como unha iniciativa para concienciar á cidadanía dos graves riscos que correría esta serra en caso de que se construíran os tres parques eólicos que EUROVENTO ten proxectados, ademais da subestación eléctrica e a liña de alta tensión para evacuar a corrente eléctrica producida, que atravesaría a Groba polo leste.
Desde a nosa constitución levamos a cabo unha labor de difusión e concienciación da enorme riqueza que encerra a Serra da Groba a través da realización de visitas guiadas diurnas e nocturnas, charlas nas aldeas afectadas, reunións cos distintos gobernos municipais, autoridades da Xunta de Galicia e xuntas directivas de montes.
O descoido de anteriores gobernos municipais e do país esqueceu reclamar a inclusión da Serra da Groba na Rede Natura 2000 polas súas características naturais e o seu ecosistema senlleiro. As autoridades e tamén a sociedade civil e os propietarios do monte esqueceron valorizar o riquísimo patrimonio cultural tanto material coma inmaterial. Perante este panorama de abandono, as multinacionais repartíronse Galicia en polígonos de instalación de parques eólicos, verdadeiros polígonos industriais, a prezo de saldo pero cun alto custo natural e patrimonial.
A través dos medios de comunicación escritos e audiovisuais e das devanditas charlas e visitas realizadas, a sociedade do Val Miñor e do Baixo Miño, e a sociedade galega en xeral, puido coñecer a grande riqueza da Serra da Groba:
- A maior trampa para lobos de Galicia (máis de 1200 metros de paredes)
- O máis importante labirinto gravado de Europa na laxe cruzada
- Varios cemiterios neolíticos de hai 5000 anos
- A maior reserva de cabalos salvaxes de raza galega que crean os milenarios curros da Valga, Torroña, Mougás e San Cibrán
- Unha intensa explotación mineira tanto de ouro como de wolfram
- Vestixios dunha intensa ocupación no período paleolítico (varias ducias de miles de anos)
- Un castelo medieval esbarrullado
- Numerosas cortes e aldeas medievais soterradas
- Hábitat de especies protexidas polas distintas directivas europeas.
- Existencia de numerosas turbeiras das que a Unión Europea esixe a conservación
E agora que temos as serras do país masacradas por uns 3000 aeroxeradores, aínda vén Eurovento (50 % capital xaponés) e mediante un informe de impacto ambiental que falsea completamente a realidade tenta instalar estas enormes estruturas de 125 metros de altura nos lugares máis elevados da Serra da Groba (O Custado, A Chan da lebre, A Gabiñeira).E falsea a realidade enganando os comuneiros e as autoridades non citando no seu informe ningunha das características antes citadas.
Para defender hai que coñecer e desde SOS A Serra da Groba alertamos do enorme estrago medioambiental e cultural que causaría a instalación destes enormes aeroxeradores na nosa serra.
Por iso SOS Groba estará presente na festa da Arribada pedindo sinaturas en contra do parque eólico Albariño I."

1 comentario:

  1. Ola somos unhas alumnas de I.E.S Auga da laxe estamos convosco para que non poñan o paque eolico ,porque se perderian moitas cousas coma animais arbores...Máis na Groba que e un paixaxe moi bo

    un Agarimo
    Do intituto i.e.s auga da laxe

    Araceli*Paola*Aldara

    ResponderEliminar