xoves, 27 de marzo de 2008

CASETA FORESTAL DAS TEIXUGUEIRAS







Algunhas das obras feitas na Serra da Groba hai uns 60 anos, foron construcións para que os vixiantes forestais pasaran as horas a cuberto. Situadas nos cumes da serra, en lugares as veces de difícil aceso, teñen a vantaxe de estar rodeadas polas mellores vistas sobre grandes extensións do mar e a terra. Son un patrimonio que está aí, debuxando nos cumes un pequeno punto mimetizado coa paisaxe, feitas coa pedra dos arredores e cun feitío común. No seu interior, unha planta ás veces cuadrada, outras rectangular, hai un pequeno lar para facer lume e quentarse nos días fríos do inverno. Unha pequena cheminea, tamén de pedra, para facer tiro, situada tendo en conta os ventos dominantes do lugar. Un pequeno banco completaba o aparello constructivo. As paredes de perpiaños, igual que o teito, tiñan unha ou dúas xanelas, dende as que se podía vixiar o monte sen saír a fóra. Hoxe son as cabras e os cabalos os que as utilizan para acobillarse nos días duros do inverno ou cando hai mal tempo. Seguen aí, prestando un servizo e sen estorbar nin impactar cando as ollamos ao lonxe, como se foran unha pequena escultura integrada no seu medio. Son unhas cantas as que se conservan en bo estado. Nós propomos que se conserven e coiden para que sigan a prestar servizo e se consideren patrimonio da Serra da Groba. Para algúns, o patrimonio pobre, mais a fin de contas, patrimonio. Estamos a ver como nalgúns casos o vandalismo e a ignorancia están a danar ás nosas casetas do monte. A tódolos que tedes sensibilidade, e aos que non tamén, pedimosvos que espalledes a voz e que as coidemos. Hai moitas historias arredor destas casetas e queremos que haxe moita máis no futuro.



Imos a poñer, en sucesivos apuntamentos, algunhas fotos dende e dás casetas forestais. Agardamos que vos gusten. Si sabedes algunha história ou conto relacionado, podedes axudarnos e completar a serie anotando nos comentarios as vosas impresións.






Nota: Xa nos imos afacendo a esto do Blog, e xa demos co tintimán de abrir o apartado dos comentarios. Perdoade pola impericia e as imperfecións. Pómoslle boa vontade, aínda que non sempre nos acompañe a fortuna.
Si queredes ver mellor as fotos, podedes picar enriba da foto para ampliala.

Ningún comentario:

Publicar un comentario