domingo, 16 de marzo de 2008

MÁIS FOTOS DA SERRA DA GROBA








Algunhas partes do patrimonio que se atopan en perigo son as regueiras, regueiros ou regos, pequenos curso de auga que, segundo a época do ano na que nos atopemos, están cheos de auga a correr e burbullar (recomendo subir a escoitar as regueiras que vedes nas fotos, na boca da Groba, unha tarde serea de primavera e ceo limpo ) emitindo sons que ecoan en múltiples notas evocadoras. Istas regueiras teñen unha vida propia que vai trocando ao longo dos días, ofrecendo estampas de vida xermolando en tódolos recantos no seu devalo cara ao mar e os días do verán.

Por outra banda están os camiños , isas veas a seguir polo corpo da nosa serra, que teñen un feitío ás veces lene e pracido e outras rexo e duro, mais sempre evocador e respectable. Un camiño é a memoria viva do paso do tempo polo corpo esgrevio da nosa serra, os renglóns escritos de baril caligrafía nas raigañas da codia da serra, a tatuaxe do guerreiro repousando entre as batallas co tempo e os elementos. Non merecen nin esquecemento nin desprezo. Só botando unha ollada cara atrás e imaxinar o trafego cotían que tiñan, cando ises camiños se ían facendo con grandes esforzos por parte dos que no seu ir e vir erguían o pó da nai terra que os mantiña. Animais e persoas, carruaxes con estrume, pedra, leña, madeira, herba... A memoria dun pobo está aí, agochada nas reviravoltas dos seus camiños, nos chanzos e encostas, nos pousiños, nas lousas e rodeiras impresas a forza de pasar, cantandolle o eixo, os carros.

Máis respecto, e moitos folgos para ser pegoreiros do século XXI polos camiños da Groba.

Ningún comentario:

Publicar un comentario