domingo, 2 de marzo de 2008

"MISIÓNS PEDAGOXICAS"



Onte sábado estivemos en Baiona, na festa da Arribada, recollendo sinaturas e informando a xente sobre o parque eólico. O descoñecemento e a ignorancia son grandes. Moitas persoas nin están enteradas de que se vai a pór un parque eólico na Groba, e por suposto, descoñecen os detalles concretos.

É por iso polo que consideramos moi importante explicar a realidade e informar a xente. O que cada quen decida forma parte xa da súa liberdade e o seu criterio, mais baseado en dados reais e analise dos pros e contras. Con enganos e falsas construccións de paraísos verdes e ecolóxicos, as eólicas van tecendo a súa arañeira. Con excursións pagadas, con xantar incluído e agasallos, non se refutan argumentos, compranse vontades.

O debate, a información e a ilustración, o analise crítico... non son só verbas para pór nun papel ou dicir. A democracia é o dereito a opinar e decidir libremente, o respecto ao contrario e as decisións da maioría. A pesares de que así é sobre o papel, estamos a ver que uns poucos deciden por outros, unhas veces ocultando información e, outras, manipulando. Dende SOS a Serra da Groba gustaríanos ver unha democracia participativa en tódolos entes e asociacións implicados, nos propietarios e usuarios das terras, nos concellos. A xente quere saber e que non a manipulen. Por desgraza, estamos a constatar tódolos días que non é así, e a ignorancia e a manipulación están abollando nestas augas avoltas nas que se moven moitos e diversos intereses.

Seguiremos a traballar para que cada veciño do Valmiñor esté informado e decida o que quere para a súa terra, e aposte por un futuro sostible e ecolóxico, respectuoso co medio e o patrimonio - tan descoñecido e ignorado- e que sexa e siga sendo un sinal de identidade para as xeracións futuras, que polo que se ve e se dí, non vai a ser xa tan verde como a lembran os nosos avós.


Ningún comentario:

Publicar un comentario