luns, 24 de marzo de 2008

VALOR ENGADIDO



Unha das grandes preocupacións de SOS Groba está no negro futuro que lle albiscamos ao noso Cabalo Ceibe da Groba (CCG), si non se lle pon remedio antes con algunha actuación urxente. Temos feito algunha proposta xa as autoridades e aínda non se fixo nada. As cousas do pazo van despazo, mais non imos a rebaixar o noso ritmo de denuncia e de propostas en positivo. Son moitas as accións e os xeitos que se poden dar para remediar e botar atrás isa crónica dunha morte anunciada -co permiso de García Marquez-. Iste ano periga a celebración dos nosos curros. Os donos dos cabalos non atopan solucións aos seus problemas e, como diciamos, a administración vai lenta, demasiado lenta, lentísima. Si algo ten que cambiar na administración urxentemente, é o ritmo e rematar coas inercias do pasado. Xa sabemos que non só os políticos fan, tamén os funcionarios.
Hai que pór a traballar con outras miras a todo o país para que non se perda o noso patrimonio. Como dirían os médicos, temos que facer máis mediciña preventiva e menos curativa. Hai que educar. Fan falla "misións pedagóxicas" polo país adiante para informar e dicirlle a xente que é o que ten e cal é o seu valor. Deixarse de falar só de euros. Aí, na toma de conciencia pola xente do valor do que temos está a raiz do problema e tamén a solución .

O venres santo vin nas abas do Coto Ladredo nacer a primavera. Vína chegar dando chimpos torpes arredor da nai e atoutiños no seu ventre na percura dunha teta chea de leite de egua recen parida. A primeira cria do noso Cabalo Ceibe da Groba diste ano. Isa é a primavera que eu quero e non outra.


A nova que vos engado niste enlace ao Faro de Vigo e, tamén, unha raiola para alumear o futuro. Todas xuntas, ista e outras, han compoñer un sol con moitas máis de mil primaveras para a nosa serra e os nosos Cabalos Ceibes da Groba. Que os nosos netos as vexan.


Ningún comentario:

Publicar un comentario