sábado, 24 de maio de 2008

ALGO DE TODO













Hoxe sábado, ás 20 horas no Auditorio de Baiona, a asociación A Seneira ofrécenos a actuación do músico Xavier Blanco. Este home é un folclorista que ten recollido un impresionante traballo da música máis popular do noso país, interpretando un sin fín de pezas acompañado de instrumentos do máis variado. No video do enlace podedes ver unha mostra do seu traballo




Unha vez máis é a sociedade civil organizada a que se preocupa por que a nosa cultura e o noso patrimonio siga vivo, promovendo actuacións coma a de hoxe. Aos amigos da Asociación A Seneira, moita sorte e grazas por estar aí apoiando a nosa música.

O DOMINGO MANIFESTACIÓN EN VIGO














A Ría non se Vende convoca unha manifestación este domingo ás 12 da mañan en Vigo para defender a nosa ría de tódolos ataques que está a sufrir, e tentar de concienciar aos veciños de que non podemos seguir así, maltratando o patrimonio máis grande que temos e que , de seguir polo camiño que algúns están marcando, en pouco tempo convertiráse nun espazo morto e sen esas cualidades tan valoradas que tanto benestar levan producido.





Debemos defender ese inmenso espazo ecolóxico que fixo que naceran nas súas beiras as poboacións máis dinámicas do noso país, e que é envexada e coñecida no mundo enteiro pola súa biodiversidade e a fermosura das súas paisaxes.

Mañán debemos estar aí, apoiando a defensa da ría.


UN NOVO MONTE CON USOS VELLOS






















Estase a celebrar en Ourense un congreso sobre o Castiñeiro. Polas novas que temos da prensa estase a recuperar o coidado e cultivo dunha árbore que ten dado moito ás nosas xentes. Os soutos de castiñeiros eran os fornecedores dun elemento básico na dieta das nosas xentes e dos animais domésticos. Asemade, tamén producían madeira para os mobles, as trabes usadas na construcción das casas e outros moitos usos básicos. Un souto de castiñeiros é un lugar cheo de vida e conforma un micro espazo no que se dan unha grande variedade de especies animais e vexetais, un espazo xerador de lendas e contos, un lugar máxico no que os nosos devanceiros aproveitaron a forza da terra para erguer o xermolo de parte da nosa cultura.


O Val Miñor ten na Serra da Groba lugares onde se da o castiñeiro e outros nos que se podería dar. Os ourizos van sempre adiantados ao respecto dos das terras ourensans, na súa maduración. Esas castañas que se poderían colleitar terían un valor engadido: o de ser temperás. Eso supón un maior prezo no mercado.


Dende SOS Groba apuntamos este dato para un posible estudo da produción e posta en valor da nosa Serra. Xa temos dito que a esto se lle pode engadir o cultivo dos cogumelos e, como non, a madeira a máis longo prazo. Un souto ben coidado e xestionado pode xerar recursos directos moitos anos e, o que é máis importante, indirectos toda una vida.


Póñamonos pois ao choio e sexamos xenerosos coa terra que tanto nos ten dado. Oportunidades e medios háinos, só falla a vontade de quen pode: os donos dos montes. O noso apoio para levar a cabo estas e outras accións xa o teñen.

















Ningún comentario:

Publicar un comentario