sábado, 14 de xuño de 2008

1º VALEDOR DOS CURROS
































Onte en Couso fíxose entrega do primeiro pergameo de honra como Valedor dos Curros, a Xosé Luís Méndez Ferrín. O concello de Gondomar, decidido a botar unha man para que a milenaria tradición dos curros de cabalos non desaparezan, ven de promover unha iniciativa para axudar as asociacións de propietarios de cabalos do monte e organizadores dos curros do seu concello, para colaborar na organización e a difusión dos mesmos. A primeira das iniciativas consiste en editar uns carteis anunciando os curros que se celebran no concello e as datas. Morgadáns o 3º domingo de xuño (mañán), San Cibrán 4º domingo de xuño, e O Galiñeiro 2º domingo de xullo. Tamén editaron uns folletos cun texto de Anxo Angueira e fotografías de Tokio (Alfredo López) nos que se fala dos cabalos e dos curros e algunhas curiosidades relacionadas. A terceira das iniciativas foi a de nomear Valedor dos Curros a Ferrín. Nunha cea na que estaban presentes os representantes dos curros de Gondomar e da Serra da Groba, así como amigos e amantes dos cabalos, fíxose a entrega do pergameo que acredita o nomeamento. Ferrín agradeu a honra que lle fai o concello de Gondomar e contounos a súa relación e posición co mundo do cabalo, que ven de vello e que ten amosado tanto na súa obra poética como na xornalística.





Anxo Angueira recitou do poemario Estirpe un poema alusivo e Antón, o concelleiro de medio ambente fíxolle a entrega do pergameo, ante a presenza dos amigos e o alcalde Antonio Arauxo e outros membros do equipo de goberno do concello.





Nós, SOS a Serra da Groba, estivemos presentes e tamén agasallamos a Ferrín coa nosa camiseta e a nosa chapa, así como con un detalle que tíñamos pendente con él, e que agradeceu publicamente.





Queremos salientar o compromiso de Ferrín coa defensa do cabalo do monte e a colaboración que sempre prestou a SOS Groba e que, onte unha vez máis, manifestou con palabras de alento e apoio para a causa que defendemos: a posta en valor da Serra da Groba e a defensa do seu patrimonio natural e cultural.





Parabén para o concello e todos os que colaboraron nesta iniciativa, e o noso apoio persoal e colectivo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario