No DOG do venres día 12 de decembro sae publicado o chamado "Decreto Equino" que pretende regular as explotacións e manipulacións dos équidos, é dicir, os cabalos.
Por unha banda parecenos ben que se regule e se poñan normas para a mellor manipulación e conservacións dos nosos cabalos. Dicimos "nosos" por que consideramos que aínda que non teñamos en propiedade nengún cabalo, como galegos somos herdeiros dun patrimonio que si existe e temos que axudar a conservar entre todos. Aí, nise eido, é onde os integrantes de SOS a Serra da Groba nos posicionamos en defensa do Cabalo Ceibe da Groba, que como sabedes son cabalos ceibos con propietario cun rexime de vida especial e que constitue un patrimonio de todos. O Cabalo Ceibe da Groba é un dos poucos elementos patrimoniais que lle quedan aos nosos montes, e está en perigo de extinción e con graves problemas para o seu manteñemento como elemento patrimonial, cerne e codia dunha festa moi nosa: Os curros da Groba.
O nacemento do Decreto Equino tenta pór orde alí onde non o hai e buscar solucións para evitar moitos problemas que se están a dar cos cabalos en xeral, e cos que viven ceibos en particular.
Atopamos algunha eiva no decreto a que habera que porlle solución e aportar axudas para, entre todos, atopar o mellor para os nosos cabalos Ceibes e a nosa tradición e cultura.
Recoñecemos o esforzo por meterlle man a un tema espiñento e que é dificil tratar. Por iso, en nome de SOS A Serra da Groba, estivemos iste venres en Santiago para pedir e ofrecer colaboración para buscar solucións para os problemas que temos cos nosos cabalos. Non vamos a deixar que desaparezan, nin os cabalos nin os curros. Sabemos do grande problema que supón esta nova normativa para os nosos curros e os propietarios de cabalos. Pero tamén sabemos que entre todos temos que buscar o xeito de que se chegue a unha solución que satisfaga as necesidades que hai polas dúas partes, administración e propietarios, que son , en definitiva, os que están mantendo un patrimonio milenario que corre o risco de desaparecer.
As normas e leis europeas, as propias, e os novos tempos, xogan en contra do noso cabalo. O descoñecemento, a evolución e explotación económica do monte e os seus recursos leva a unha confusión de termos legais que non lle acaen ben a o noso cabalo. É por iso que temos que explicar ben a súa funcionalidade e especificidade para que sexa tida en conta, e sen desbotar nada, cheguemos a un punto común no que a tradición e as novas demandas sanitarias e legais, non sexan incompatibles. O Cabalo Ceibe da Groba ten por riba de todo iso un grande valor non ben ponderado que temos que potenciar e conservar, sen desbotar a necesidade de ir cos tempos e a loita contra da disvirtuación dunha tradición milenaria.
Quédanos moito traballo por diante. Seguro que coa axuda de todos podemos e debemos conquerir chegar a valorización dos nosos cabalos, os curros e a Serra da Groba, A Valga e O Galiñeiro, patrimonio natural e cultural.
http://www.xunta.es/dog/Dog2008.nsf/69dbe571cfe9ff2ec1257251004b10d8/7740523f0616ff7bc125751c005720f6/$FILE/DOG_20081212_NUM_241.PDF
Ningún comentario:
Publicar un comentario