xoves, 26 de febreiro de 2009

ENTROIDO

Estamos en tempo do Entroido. Xa se ve e xa se escoita. Onte enterraron a sardiña nas vilas e os pobos do país que quere alegría e festa. A xente está moi farta e aburrida. A crise e a cita electoral do domigo xuntáronse co entroido. Entre mitíns e coches que abouxan a un polas rúas coas mensaxes partidistas, guindadas ao ar por uns altofalantes que, aínda que non o queiras ou che proan os ouvidos, tes que escoitar, estés onde estés. Os medios de comunicación, prensa, radio e televisión, tamén se suman ao entroido e mesturan entre a información entroidadas con intencións moi claras: confundir a xente e facer que esta vote a unha determinada opción política que, polo que podemos ver e leer en distintos medios, está a xogar suxo, moi suxo para non perder un tren que non merece coller e que xa levou moitos anos. Tamén leemos artigos de opinión nos que se fala moito de enquisas e de intencións de voto. Todo o mundo sabe o que pasa e pontifica sobre o que cree que pensan os demais. Cada quen tenta achegar cara aos seus intereses as vontades dos posibles votantes e, mentres o fagan con corrección e con argumentos, nada temos que opór. Xa remata a campaña e os altofalante ficarán mudos. Xa era tempo. Mais os atarefados siareiros dos distintos partidos non farán xornada de reflexión. Está moito en xogo e ninguén quere deixar nada sen enfiar ata a ultima hora. Agora nós si reflexionamos e facemolo en alto: Que lle convén ao noso país? Que opcións hai para chegar ou aproximarse ao que consideramos é o mellor para todos/as? É tempo de ser prácticos ou de deixar que os de sempre sigan a facer o que sempre fixeron? Tal como están as cousas, entre que escollemos, seguir laiándonos e ver como non nos fan caso nengún ou ser críticos, falar alto e claro pero empurrar para que verdadeiramente se leven a cabo as transformacións polas que tanto loitamos? A verdade é que temos moitos motivos para queixarnos e para non estar contentos, e non o estamos, mais ante unha volta ao pasado e a aposta por mellorar no futuro, eticamente non nos queda outra que empurrar e xuntar esforzos para ir cara adiante. Non imos deixar nin por un intre de denunciar e criticar, de propór solucións, de achegar esforzos e facer escoitar a voz dos que foron ou son silenciados dun ou doutro xeito. Pero sen dubidalo nada, Galiza necesita un goberno forte de esquerdas, que defenda a nosa língua e os dereitos de todos ante a terrible globalización e especulación e o fascismo do capitalismo abafante. Mentres non consigamos trocar de sistema, hai que usar o sistema para cambiar o mundo. Outra cousa , nos tempos que corren, sería un suicidio. Esta é a nosa opinión aberta e sinceira. O entroido e as entroidadas distes días derónnos folgos para animar a todos a reflexionar e pelexar para non voltar atrás. ¡Mete medo só pensalo! O año metido na gaiola pareceunos unha boa metáfora do que nos estamos a xogar e a onde nos queren levar algúns. Os demais persoaxes, unha loita entre os soños e a realidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario