O vindeiro sábado, 13
de xuño, a Asociación Cultural A Seneira e O Ximbaleu Tramallo Cultural , entidades culturais de Baiona que teñen entre os seus obxectivos manter viva a cultura galega divulgando as nosas tradicións, organizan conxuntamente o II Serán á Beira do Mar.
Mais que é un serán?
Os Seráns eran, e por sorte seguen sendo, festas participativas que organiza a xente das aldeas no tempo en que non hai verbenas por ningures, e que comezaban, claro, polo “serán”, á tardiña.. Nos seráns xuntábase a xente para ir de festa, tocar, cantar e bailar.. Por iso a festa fana os que van ao serán.
No II Serán á Beira do Mar reuniranse en Baiona afamados (e non tanto) gaiteiros/as, pandeireteiras/as e acordeonistas de todo o Val Miñor, e de gran parte do noso país.
Ao son das pandeiretas, gaitas, pandeiros, cunchas e demais improvisados instrumentos, o parque da Palma converterase a noite do sábado nun lugar de festa e diversión.
Grupos de músicos reuniranse a partires das 19h30 na Praza do Concello desde onde percorrerán as rúas da vila de Baiona animando aos veciños e veciñas ademais dos e das visitantes. Quedando todos e todas convidados a compartir unha noite de troula a partir das 21h30 no Parque da Palma, onde as diferentes agrupacións irán subindo ao palco da música a tocar, bailar e regueifar.
Como peculiaridade, este ano sorteranse unha cesta de froita, un xamón, unha enciclopedia "Biblioteca da Cultura Galega" e unha noite de hotel na vila.
Sen máis, desde a Asociación Cultural A Seneira e O Ximbaleu Tramallo Cultural, convidamos a todos os baioneses e baionesas e a todo o mundo que queira participar deste serán, a animarse a vir a tocar, a bailar ou simplemente a gozar co II Serán á Beira do Mar.
O Ximbaleu Tramallo Cultural Asociación Cultural A Seneira Teléfonos de contacto: - Moncho: 665840710 - Afonso: 660426132
-Alicia: 654838212
Ningún comentario:
Publicar un comentario