Interesante artigo que aparece publicado en A Contratempo
A única alternativa de futuro na Revista TEMPOS NOVOS ( recomendamos que vos subscribades, paga a pega e necesitan axuda para seguir editando unha cabeceira independente niste país de mentiras e manipulacións).
A sustentabilidade non é unha alternativa entre outras ao modelo capitalista, hexemónico na actualidade, senón que é a única posible, inexorabelmente, se querermos garantir a nosa supervivencia como especie no longo prazo. Un artigo de Xoán R. Doldán García
Moi grosso modo falamos de economía sostíbel ou sustentábel cando se dan as condicións para satisfacer as necesidades dunha poboación nun determinado espazo garantindo que as xeracións futuras van poder satisfacer igualmente as súas. Isto significa que esa economía debe ser solidaria inter e intra xeracionalmente, e asegurar a súa universalización.
De acordo con isto, unha opción non sustentábel supón que non se garante esa satisfacción de necesidades para o conxunto da humanidade: ou ben garantimos só para as xeracións actuais a súa supervivencia pero non ás futuras, ou ben garantímola por un prazo máis prolongado para parte da humanidade actual e os seus descendentes pero sen asegurar que esta poida darse para toda a humanidade no presente e menos no futuro.
O modelo económico capitalista é, por definición, insustentábel xa que se basea na acumulación continua do capital, no incremento indefinido da produción e do consumo, na ampliación permanente do mercado, etc. Até agora mostrou certo éxito con base nunha destrución brutal da diversidade ecolóxica e cultural, no esgotamento de recursos non renovábeis e nunha grave polución ambiental que mesmo ameaza con cambiar as condicións climáticas do planeta, xunto co empobrecemento de gran parte da poboación mundial, elementos estes apenas incorporados na análise convencional, no entanto esenciais para comprender as raíces da situación actual. Mantivo a crenza nunha capacidade ilimitada da natureza para absorber os residuos da actividade económica, así como para subministrar recursos. Se a isto se engaden a falacia da substituibilidade sen fin, que fai recaer no progreso tecnolóxico a resolución dos límites naturais, e a falacia da desmaterialización da economía, que presupón o incremento da produción cun menor uso de materiais e enerxía, acaba por agromar a mistificación lexitimadora do sistema económico capitalista: a crenza nun crecemento ilimitado non suxeito ás leis da física e da bioloxía.
Unha economía sostíbel non é só un verniz verde aplicado sobre o modelo actual, ou unha certa preocupación ambiental. A loita contra o cambio climático, a optimización no uso de materiais e enerxía, a reciclaxe dos residuos, a conservación de paraxes naturais etc. deben estar incorporados no tránsito cara a sustentabilidade pero esta é algo máis profundo e global. É un camiño e, sobre todo, un obxectivo ao que debemos aproximarnos aplicando o principio de precaución que nos obriga a anticiparnos aos problemas ecolóxicos ou sanitarios que unha acción presente puidera chegar a provocar, evitando así danos que poden ser irreparábeis.
Na nosa vida social e persoal debemos considerar en todo momento que somos aquí e agora só unha pequena representación da vida humana na historia do planeta. Non somos propietarios senón usufrutuarios obrigados a conservar para os futuros habitantes a posibilidade de gozar dos recursos de modo semellante a como nós o facemos. Para iso debemos modificar radicalmente as estruturas sociais, políticas e económicas, e renunciar ao noso papel de saqueadores das xeracións futuras e espoliadores dos desfavorecidos do mundo. A sustentabilidade non se alcanzará até o momento en que deixemos de ver a natureza como algo do que apropiarnos e pasemos a considerala algo do que somos parte.
.
Ningún comentario:
Publicar un comentario