luns, 14 de decembro de 2009
NOVA LEI EÓLICA
NOVA EN GALICIA-HOXE
Eólica insustentable
O ecoloxismo asegura que a nova lei atenta contra o patrimonio natural, ó permitir a instalación de muíños de vento en espazos protexidos e desbotar a avaliación de impacto
REDACCIÓN . SANTIAGO
O medio volve quedar nun segundo plano ante o desenvolvemento do sector industrial. O anteproxecto da nova Lei Eólica aprobada pola Xunta deixa os espazos naturais nunha difícil situación: as febles garantías ambientais promulgadas polo bipartito desaparecen, de deito que nin os escasos espazos protexidos pola Rede Natura poderán salvarse de novos muíños de vento. Esta nova aposta polo crecemento industrial en detrimento da conservación dun dos maiores sinais de identidade de Galicia conta coa rotunda oposición do movemento ecoloxista galego, que volve levantarse contra unha lei que ofrece "nulas garantías ambientais".
A posibilidade de instalar muíños de vento en espazos protexidos, a eliminación da avaliación de impacto ambiental dos parques e a simplificación na súa tramitación por medio das licenzas municipais, cando seis de cada dez concellos en Galicia carecen de Plan de Ordenamento Urbanístico, son os tres piares sobre os que se sustenta o último enfrontamento entre colectivos ambientalistas e Goberno. Ante a chegada da lei ó Parlamento, tanto a Federación Ecoloxista Galega (FEG) como a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) reclámanlles ós grupos parlamentarios maiores garantías ambientais para un sector que prevé seguir crecendo.
Avaliar o impacto das pistas e liñas de evacuación eléctrica
O desprezo dunha Rede Natura xa de por si devaluada é un dos puntos quentes da confrontación. O decreto 242/2007 impulsado polo Bipartito recollía a preocupación por estes espazos protexidos, quedando excluídos da implantación de parques eólicos. Esta exclusión, na que se incluían tanto os actuais como os futuros Lugares de Interese Comunitario (LIC) e Zonas de Especial Protección para Aves (ZEPA), de- saparece na nova Lei eólica promulgada pola Xunta popular.
O mesmo decreto, que está a piques de ser derogado, establecía a necesidade de que todos os proxectos de parques eólicos tiñan que ser sometidos a unha avaliación de impacto ambiental e unha posterior declaración de impacto ambiental por parte da consellería competente, establecendo a valoración positiva como un requisito indispensable para outorgar a autorización administración e a aprobación do proxecto. Unha obriga xeral que tamén desaperece coa nova normativa, que limita este trámite a aqueles parques que teñan máis de 50 ou máis aeroxeradores ou que se encontren a menos de dous quilómetros doutro parque eólico. Unha situación que, na práctica, deixa os parques eólicos baixo competencia da Xunta (ata 50 megawatts) excluídos de someterse á avaliación. Fronte a isto, os grupos ecoloxistas non só esixen a súa apliación xeral co fin de protexer uns espazos que albergan hábitats de gran valor ecolóxico e ambiental, senón tamén dos camiños de acceso e das liñas de evacuación da enerxía eléctrica, causantes de importantes impactos nunca cuantificados.
A preocupación ambiental da Xunta á hora de redactar a nova lei materializouse, segundo o Goberno, na aprobación do canon eólico. Seguindo a máxima de "quen contamina, paga", este tributo ambiental permitiría compensar as áreas territoriais que soportan e sosteñen a implantación dos parques. Este imposto non conta, non obstante, co visto e prace dos ecoloxistas, pois recordan que a fiscalidade ambiental ten que servir para "motivar e provocar un cambio de actitudes no consumidor ou o produtor a favor do medio polo feito mesmo da imposición do grave e non a resultas da finalidade que poidan ter os ingresos". Non obstante, tanto a FEG como Adega sinala quen o canon eólico proposto pola Xunta limítase a fixar un gravame no que só contabilizan o número de aeroxeradores instalados e non os impactos xerados, un criterio que non consideran "acertado".
Plan de Ordenamento antes de calquera sectorial
A norma tamén recolle a futura aprobación do Plan Sectorial Eólico de Galicia, de incidencia supramunicipal, ó que se lle deben esixir máximas garantías ambientais, incluíndo zonas e criterios de exclusión que pro riba do negocio eólico poñan en valor os ecosistemas. Por iso, os ecoloxistas reclaman a paralización de todo plan sectorial ata que non exista un Plan de Ordenamento do Territorio.
OS DATOS
Guerra descarta a Rede Natura
O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, defendeu o proxecto lexislativo, argumentando que suporá uns ingresos de 1.032 millón de euros nos próximos 20 anos para a Xunta procedentes do canon eólico, fronte ós 567 millóns do anterior modelo do bipartito. Ademais, certificou as garantías ambientais, aducindo que a lei "non permite" a localización de parques eólicos en Red Natura nin nas súas ampliacións, posto que existe "máximo respecto" a esta figura de protección; ó tempo que asegurou non ter "ningún amigo" no sector eólico a quen beneficiar.
O BNG ve menos respecto ó medio
No primeiro debate da Cámara sobre a nova lei, o BNG criticou que os parques de menos de 50 megawatts estean exentos de presentar unha declaración de impacto ambiental. "As condicións de respecto ó medio redúcense", incidiu o voceiro do BNG e ex conselleiro de Industria, Fernando Blanco, ó evidenciar que "quedan fóra máis da metade". Blanco viu detrás desta medida a necesidade da Xunta de responder a intereses económicos "inconfesables", que suporá a perda de garantías ambientais.
O PSdeG fala de intereses ocultos
A salvagarda ambiental na nova lei eólica tampouco convence o PSdeG."Dedícanse a introducir trécolas para defender uns intereses concretos", denunciou o voceiro de Industria socialista na cámara, Abel Losada. Igual que o seu compañeiro na oposición, o socialista apostou por "ver que empresas" resultan beneficiadas do novo repartimento eólico e vinculou a redacción deste anteproxecto a que "non recibían as concesións" as empresas que os membros do PPdeG "querían".
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario