domingo, 27 de marzo de 2011

OPINIÓNS SOBRE UNHA SENTENZA


Seguen as opinións na prensa sobre a sentenza que se fixo pública estes días sobre o Concurso Eólico do bipartito. As consecuencias para o país poden ser moi graves. As indemnizacións a pagar poderían rematar con toda esa riqueza que teroricamente se ía a producir coa nova lei eólica e o novo reparto do conselleiro Guerra.
Hoxe lemos no Xornal de Galicia un artigo asinado polo antigo conselleiro Fernando Blanco,  no que fala das mentiras do PP que levaron a facer unha nova lei e un novo reparto de megawatios para os amigos, e as consecuencias que pode ter para a economía do país,  e o atraso que pode supor todo o proceso que agora comeza.
A verdade e que se analizamos todo o que está pasando seguimos a reafirmarnos nas nosas teses e nas nosas opinións. O anterior decreto do bipartito estaba feito en clave de país, é evidente, mais tiña as súas eivas tamén. Unha das principais era que seguía a ver toda a terra como un eido industrial susceptible de  explotar, co que eso significa para o medio ambiente e a identidade do país. Non se discute o que estaba claro, tentaba crear riqueza e recursos para as "nosas" empresas,  e que estes revertisen no tecido industrial maís achegado e que podía xerar sinerxias importantes.O defecto era o como e o onde. O defecto era estragar máis e destruír máis paisaxe, natureza e medio, en xeral, para producir máis. A clave estaba en facelo sen destruír máis,  e podíase e pódese, e aí estamos e estaremos nós.
A nova lei do PP rematou con todo o salvable que tiña o anterior decreto - que se confirma que era legal con esta sentenza- e pon todo en mans dos especuladores e amigos,  dun xeito que se nos antolla con moita inseguridade xurídica, polos recursos e manifestacións que vemos das grandes empresas non favorecidas, e deixa os recursos económicos que se poidan producir en mans non se sabe ben de quen, indo a parar fora do país e das nosas empresas. Os propietarios dos terreos seguen cautivos e indefensos, e sen dereitos nen beneficios. O medio non conta,  e o patrimonio secular do país será engulido polo masa invasora dos especuladores que só pensan en tirar partido dun negocio que lle poñen nas mans a moi baixo prezo.
En definitiva, imos de mal a pior e sen albiscarse unha solución que non pase pola rebelión, como en Islandia, que poña aos especuladores e malos políticos na cadea ou fuxindo ben lonxe. Mentres, para aclarar as cousas, seguiremos pedindo máis racionalidade e menos especulación. Máis PAÍS, con maiúsculas, e maís visión de futuro. O planeta non permite que sigamos a estragar a natureza para tirar beneficios a curto prazo que teremos que pagar caros nas xeracións vindeiras. Sobran exemplos que se poden ver estes días nas páxinas dos xornais e nos informativos de todo o mundo. Hai que mudar as formas, o modelo económico e os hábitos de consumo. Este sistema non serve e temos que cambiar o mundo.. Ou o facemos nós ou nos destrúen eles.

NOVAS NA PRENSA

http://www.xornal.com/opinions/2011/03/26/Opinion/oportunidade-perdida/2011032622095000222.html
http://www.xornal.com/artigo/2011/03/27/economia/fallo-tsxg-eolico-podria-costar-menos-millones-xunta/2011032701450400598.html


Ningún comentario:

Publicar un comentario