Souto de Santa Eufemia, no Courel, un dos poucos redutos de bosque autóctono, afectado polas louseiras
FOTO: FRAN NIETO
FOTO: FRAN NIETO
NOVA EN GALICIA HOXE
R. FERNÁNDEZ . SANTIAGO
A idílica imaxe da Galicia verde é en realidade un monocultivo continuo onde a biodiversidade non ten cabida. Pese a que a superficie forestal representa o 70% do país, do bosque atlántico galego apenas queda o 1% do total -localizado en fragas moi fragmentadas e nas ribeiras dos ríos-, mentres especies foráneas campan ás súas anchas por mor dunha expansión sen freo nin ordenamento. A metade da superficie de eucaliptal presente no Estado localízase en Galicia, onde ocupa máis de 400.000 hectáreas, mentres que o monte público -que a lei asigna un obxectivo de conservación- apenas representa un 2%. Proliferación incontrolada de exóticas invasoras, incendios forestais, curtas incontroladas, pragas e urbanismo desmedido contribúen, ademais de a destruír un dos símbolos da nosa identidade, a acabar cun patrimonio natural autóctono e as especies asociadas ó seu hábitat.
Ante esta situación e con motivo do Día Mundial da Biodiversidade, que se celebra mañá baixo o lema Biodiversidade Forestal, o tesouro vivinte da Terra, ecoloxistas e expertos lanzan un chamamento para recuperar e preservar estes fráxiles reductos de vida. "Unha plantación de piñeiros ou eucaliptos non é un bosque, só un conxunto de árbores. Un bosque é un ecosistema complexo e imprescindible para a vida, ó constituír o hábitat de dous terzos das especies do planeta", explica Adolfo Cordero, profesor da Escola Universitaria de Enxeñería Técnica Forestal da Universidade de Vigo. Ademais, regulan a auga, conservan o solo e a atmosfera e absorben o dióxido de carbono causante do efecto invernadoiro. A pesar da súa importancia, ó redor de 14 millóns de bosque desaparecen ó ano en Europa, segundo os datos achegados onte pola Fundación Félix Rodríguez de la Fuente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario