luns, 14 de novembro de 2011

PALABRAS CONSELLEIRO. SÓ PALABRAS

Anotamos a nova que aparece hoxe na páxina da Consellería de Medio Rural. Palabras do conselleiro - estamos a espera de que nos reciba para falar sobre o novo decreto equino que menciona- que nos coidamos, non van  a ter os efectos que el menciona.
NOVA
http://mediorural.xunta.es/nc/institucional/comunicacion/nova/?tx_ttnews%5Btt_news%5D=4831&cHash=216e1c3cfd

Juárez lembra o compromiso da Xunta coa ordenación e fomento do Cabalo Galego 

  • O conselleiro visitou o Centro de Razas Equinas Autóctonas de Galicia, en cuxas instalacións desenvolve a súa actividade a Asociación Pura Raza Cabalo Galego e coñeceu un curso experimental de mozo de cuadra equina que se imparte neste centro cunha axuda da Consellería de Traballo e Benestar
  • Lembrou que Medio Rural redactou un borrador de decreto sobre identificación dos cabalos de monte para compatibilizar os dereitos e deberes dos donos destes animais e dos propietarios dos terreos nos que se atopan
  • A Consellería esfórzase na divulgación da obriga da identificación imposta pola Unión Europea e na posta a disposición dos propietarios dos cabalos de axudas para que non se lles faga especialmente gravoso o seu cumprimento

Santiago, 14/11/2011
O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, visitou hoxe o Centro de Razas Equinas Autóctonas de Galicia, en cuxas instalacións desenvolve a súa actividade a Asociación Pura Raza Cabalo Galego e que está situado no Pazo de Quián, en Sergude (concello coruñés de Boqueixón) nun espazo cedido pola Consellería, que conta alí con diferentes servizos. Juárez coñeceu o funcionamento desta entidade sen ánimo de lucro, que traballa a prol do fomento e recuperación desta raza autóctona galega en perigo de extinción.
O titular de Medio Rural coñeceu tamén o desenvolvemento dun curso experimental de mozo de cuadra equina que se imparte neste centro e que conta cunha axuda da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta. Neste curso, que se enmarca na aposta do Goberno Galego pola formación cara á empregabilidade de traballadores, participan 15 alumnos, dos cales dous xa atoparon traballo.
Fomento e ordenación do cabalo
Samuel Juárez aproveitou a súa presenza neste recinto para lembrar as principais liñas de traballo do seu departamento en relación co cabalo en xeral e, de maneira particular, no que atinxe ao de pura raza galega.
Fixo referencia ás medidas de fomento, recuperación e posta en valor desta especie, tanto no plano lexislativo e de ordenación como no das axudas e subvencións.
Decreto de identificación
Así, destacou que a Consellería elaborou un borrador de decreto (actualmente en fase de exposición pública) sobre identificación dos cabalos de monte, cuxo principal obxectivo é favorecer o uso racional das superficies e os pastos nos que se atopen estes animais de xeito respectuoso cos propietarios dos terreos, que son os que, en definitiva, teñen que decidir os límites de acceso deste gando.
Esta norma prevé unha serie de actuacións no caso dos cabalos que se encontran sen identificar e non se lles coñece dono (é dicir, cando se trate de animais mostrencos), para axilizar a xestión destes exemplares, en colaboración coas administración locais. O que busca este norma é, tamén, acurtar os prazos de actuación tanto para axilizar os trámites como para abaratar os custes.
A filosofía que inspirou a redacción deste texto é a de favorecer unha convivencia harmónica de tódolos axentes interesados na cuestión, permitindo ao cabalo exercer a función de desbrozador natural do monte, de gran importancia para os terreos forestais e para o conxunto da sociedade rural galega. De feito –engadiu Juárez– Medio Rural ten un especial interese en resaltar esas magníficas cualidades do cabalo á hora de realizar a limpeza da biomasa de xeito natural e sostible.
Obrigatoriedade da identificación
O conselleiro puntualizou tamén, en relación con esta norma, que o valor (natural, social, económico, cultural ou mesmo etnográfico) do cabalo de monte non exime á Consellería de cumprir a normativa europea sobre identificación de animais a través do seu correspondente dispositivo de identificación (microchip). Unha norma que é de obrigado cumprimento por parte da Xunta de Galicia xa que a lexislación comunitaria prevalece sobre as normativas nacionais.
Tamén volveu a explicar que aquí non se cumpre o suposto de excepcionar a obriga da identificación destes animais ata o momento do seu transporte, A realidade en Galicia é que hoxe os cabalos non están confinados en zonas illadas, polo tanto non hai garantía de que non poidan escapar dos lugares nos que habitan en semi liberdade ou liberdade. Neste senso, lembrou a crecente preocupación que existe na sociedade galega en xeral por temas relacionados cos animais e que teñen que ver coa seguridade vial ou os cultivos agrarios.
Divulgación e axudas para a identificación
Para afondar na procura de solucións a estes problemas, Medio Rural está a traballar ademais (en permanente comunicación cos donos dos cabalos e dos terreos) en diferentes liñas de actuación, entre as que salientan a divulgación, a tódolos niveis, da obrigatoriedade da identificación, así como a posta a disposición dos propietarios dos cabalos de axudas (xestadas no marco da revisión da PAC) para facilitarlles unha ferramenta que non lles faga economicamente gravosa a obriga de identificar os animais. Juárez sinalou que esta política de axudas continuará en marcha e que, de feito, a convocatoria de axudas para 2012 verá a luz, previsiblemente, antes de que remate este ano 2011 como orde anticipada de gasto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario