martes, 23 de outubro de 2012

TEMPO DE COGUMELOS E CASTAÑAS



É TEMPO DE COGUMELOS
Xa chegou o outono e con el as choivas tan desexadas. A auga que escomeza a encher os regatos e os ríos, baixa xa polos camiños e corredoiras e molla os lameiros e os campos onde comezan a aparecer os cogumelos e fungos, como se foran habitantes soterráneos que estiveron agochados nas profundidades agardando pola humidade que os fai renacer. Como nos contos infantís, as casiñas dos trasnos aparecen cheas de cores e formas e, moitas veces, o trasno non se ve pero a imaxinación lévanos a imaxinalo habitandoun fermoso choupin, zarrote ou cogordo (que todo é o mesmo) que se vai abrindo como un parachoivas máxico. As lermas e babosas aledanse pois estas casiñas dos trasnos son un gorentoso alimento que devoran paseniñamente ate rematar con elas.
Nos que gostamos de pasear e gozar da paisaxe e da contorna miñorana, tamén nos aledamos pola chegada do tempo dos cogumelos e saímos aos campos na percura dos máis coñecidos e que sabemos de certo, que son comestibles.
Quremos convidar a todo a mundo que sae na percura dos cogumelos, e non é moi coñecedor ou especialísta, a seguir unhas mínimas normas de seguridade e de prevención , polo noso propio ben e polo da propia natureza que nos da está regalía de produtos naturais, cada vez máis buscados.
. 1- Saír con alguén que coñeza as distintas especies e teña experiencia contrastada, para irse iniciando dun xeito ordeado no mundo dos cogumelos.
. 2- Facerse cunha boa guía ilustrada, preferentemente con fotos, para coñecer aspectos básicos que nos van a servir de axuda.
. 3- Saír ao monte co idea de aprender e coñecer, valorar e respectar, non convertíndonos en depredarores e esquilmadores de especies. Collerémos só os que vaiamos a consumir e coñezamos con certeza.
.4- Non destruir, pisar, romper aqueles que non coñecemos ou non nos gustan. Cada especie ten a súa función no equilibrio natural do monte ou o lugar no que nace, e debemos respetalas.
.5- Cortar cunha navalla o talo ou pé. Non arrincar as especies, é moi importante para a pervivencia dos cogumelos e poder recoller en anos sucesivos no mesmo lugar outros exemplares.
.6- Levar unha cesta de bimbio ou salgueiro, para que os cogumelos non se deterioren, respiren e se conserven ben ata chegar á casa.
.7- Gozar do paseo e non estragar o medio. Deixar algo para outro día e coller só o que vaiamos a comer.
.8- Se se ten cámara de fotos, facer fotos, serán una boa lembranza e unha axuda para seguir aprendendo despois na casa, analizando e comparando, vendo guías e informacións de páxinas webb especializadas.
.9- Ante a dúbida, non coller un exemplar do que non estamos absolutamente seguros de que é comestible.É preferible deixalo no monte que sufrir as consecuencias dun erro de identificación que pode ser mortal.
10. Compartir con amigos a saída e, por suposto, a preparación dos cogumelos. Comelos en compañía e compartir receitas é unha máis das satisfacións que nos pode dar o tempo dos cogumelos.
Tentaremos facer unha saída común para compartir experiencias e aprender algo máis sobre os cogumelos. Hai moitas historias e contos, que forman parte da nosa cultura, na que os cogumelos son os protagonístas . Estade atentos ao blog no que iremos informando. Polo de agora, a gozar do outono e do tempo dos cogumelos .






Ningún comentario:

Publicar un comentario