venres, 30 de novembro de 2012

ALEGACIÓN DA PLATAFORMA POLA PROTECCIÓN DO GALIÑEIRO

ALEGACIÓN AO PARQUE EÓLICO DO GALIÑEIRO



Na mañá deste xoves 29 de novembro, o Instituto de Estudos Miñoranos e mais S.O.S Groba presentamos as respectivas alegacións ao proxecto de execución do Parque Eólico do Galiñeiro, que se van a sumar as outras corenta e dúas que os diversos colectivos que forman a Plataforma Pola Protección do Galiñeiro van a presentar ata o venres día 30 en que remata o prazo de presentación de alegacións. Todas estas sumaranse ás 8055 que a mesma Plataforma presentou onte no rexistro das oficinas da xunta de Vigo, nese caso, alegación individuais resumidas nun texto de dúas páxinas nas que se salientan os valores do Galiñeiro e as desfeitas que suporía para todo o patrimonio natural e cultural que posúe a serra.
As alegacións presentadas polo IEM e SOS GROBA son un rigoroso estudo de 90 páxinas , elaborado por técnicos en urbanismo, patrimonio, bioloxía e xeoloxía que aportaron unha análise pormenorizada dos defectos e mentiras que o proxecto presentado pola empresa Terra do Vento conten non diversos apartados do mesmo. Un traballo conxunto de xente da Plataforma e os colectivos que, ademais do seu rigor, supón un estudo exhaustivo dos bens patrimoniais, naturais e culturais da serra do Galiñeiro que non son tidos en conta e valorados pola empresa, que falseando a realidade e acochando no seu interese moitos valores presentes, tenta acabar coa riqueza que tódolos veciños e veciñas das bisbarra de Vigo e o sur da provincia de Pontevedra veñen gozando dende hai centos de anos.
O IEM e SOS GROBA queren pór de manifesto a súa rotunda negativa a que se siga desfacendo o patrimonio de todos en beneficio duns poucos, e que se siga a estragar o medio ambiente e o noso patrimonio cultural, etnográfico e arqueolóxico. Asemade, tamén quere agradecer a tódolos colectivos que integran a Plataforma,o seu traballo e entrega desinteresada a prol desta causa compartida pola maioría da cidadanía do Val Miñor, Vigo e a Louriña e todo o sur da provincia. Tamén salientar o traballo persoal dos compañeiros/as que levaron o peso da elaboración deste estudo que forma a base das alegacións presentadas. A todos/as eles o noso agradecemento e o ánimo para seguir loitando nesta e noutras causas que nos ameazan, como a minería a ceo aberto das Terras raras, as canteiras ilegais e as agresións ao medio ambiente e o patrimonio da serra.
 O IEM e SOS Groba sempre estaremos aí.


Ningún comentario:

Publicar un comentario