luns, 29 de abril de 2013

ASAMBLEA DE SOS GROBA


Este pasado venres tivemos en Pinzás unha Asamblea aberta na que tratamos das xestións realizadas nos últimos tempos e dos problemas e accións futuras para a serra da Groba.
Como primeiro punto, unha lembranza para o noso compañeiro Xosé Reigosa falecido, e que era membro fundador e directivo da nosa asociación. Sempre nas nosas lembranzas e nas nosas loitas.
Estivemos en Pinzás para explicarlle aos veciños un dos proxectos que ameazan á Groba, a explotación dos recursos auríferos que están no chan da serra. Non sabemos aínda os lugares concretos, aínda que si sabemos onde os romanos xa fixeron extraccións hai dous mil anos, e que hoxe son covas e buratos dos mouros, patrimonio arqueolóxico que este verán visitaremos en varias visitas guiadas, para explicalos e dalos a coñecer.
Falamos tamén do parque eólico, dos cabalos do monte e dos curros, dos xacemento arqueolóxicos, da toponimia, da balsa de auga salgada que queren facer nas chans da fonte da Pernal, en Mougás; da pista de motocros que queren facer no Areeiro; das chamadas zonas deportivas de Baredo (onde queren facer un campo de golf entre outras cousas); das desfeitas no patrimonio etnográfico e arqueolóxico: mámoas, camiños lousados, petróglifos, peches e muros pétreos, etc.
Falamos dos proxectos e accións para o futuro: libro dos cabalos salvaxes, ONG para salvar e apadriñar cabalos salvaxes, o fin de etapa da volta ciclísta a España na Groba e as súas posibles repercusións, publicar un traballo sobre os montes de Oia e a conflitividade social no século pasado e da marcha anual pola Groba.
Intercambiamos informacións e opinións, e sementamos esperanza e traballo para colleitar bos froitos para a nosa serra. Falamos da necesidade de que máis e nova xente se sume a traballar na tarefa de defender a Groba e se incorpore a xunta directiva e aos grupos de traballo. Proximamente faremos outra asamblea na que se fará unha reforma da directiva e se darán datos máis concretos sobre os proxectos mineiros.
Agradecemos a xente de Pinzás o que nos acollesen e nos escoitasen, e esperamos axudar no que poidamos para informar e asesorar ante os posible perigos que se anuncian.
O próximo 1 de xuño teremos unha visista guiada todo o día, polas minas, fontes e regueiras de Pinzás, na cara leste da Groba.
Seguiremos informando e traballando pola defensa da Groba e o seu patrimonio Natural e Cultural.

Ningún comentario:

Publicar un comentario