mércores, 29 de maio de 2013

CURRO EN TORROÑA O DOMINGO?



Este próximo domingo día 1 de xuño toca curro en Torroña. Estamos a espera de que a Consellaría do Medio Rural e Mariño de unha resposta a proposta que se fixo no seu momento para poder celebrar os curros, responsabilizandose por zonas cada asociación que organiza os curros.
Seica ata o venres non saberemos si realmente hai permiso/autorización ou non,  para celebrar o curro de Torroña na súa data histórica, o primeiro domingo de xuño.
Entre os propietarios dos cabalos e a xente en xeral, hai unha grande inquedanza, desánimo e temos detectado unha desafección que está levando a vender as burras ao mellor postor, e incluso regalándoas para desfacerse delas. Xa poidemos ver no pasado curro da  Valga como só entraron 190 animais, cando non baixaba de catrocentos. Hai zonas da serra da Groba na que xa resulta dificil ver burras. Foron retiradas polos seus propietarios que as venderon ou regalaron. Esa gran perda de animais, sendo unha gran perda, aínda estamos a tempo de parala si a Xunta de Galicia está disposta a consensuar medidas que poidan animar á xente a seguir con esta tradición milenaria que, por outra banda tanto gaban dende fora e que se está a publicitar estes días en Madrid coa promoción do curro de Sabucedo e a súa festa da Rapa das Bestas. Os compañeiros de Sabucedo tamén están, igual que estamos nós, a espera dunha resposta da Xunta para buscar solucións.
 Mais hai outra perda que vai a ser moi dificil de recuperar. Os propietarios tradicionais, as familias que teñen marcos herdados de xeración en xeración e que se estan defacendo das burras e do marco, rompendo o elo transmisor nas familias e que é unha grande perda irrecuperable. Por moita xente que consigamos que veña aos curros a velos ou apoie moralmente, se non hai xente para facer o cordon, se non hai xente para xuntar as burras, non vai ser posible celebrar os curros.
Temos que impedir que esto chegue a ocurrir dun xeito irreparable e tentar que este verán os avós poidan ensinar aos netos como se acurran as burras, como se manexan e como se marcan. Teñen que pasarlle a vara de encabestrar, o marco e as tixeiras,  e teñen que transmitirlle o orgullo de ser herdeiros dunha tradición milenaria que só reporta beneficio identitario e cultural. A ver si as autoridades competentes se decatan e podemos todos gozar dun bo verán de curros e burras do monte.
Por outra banda estamos a espera da visita de unha reporteira e un investigador estadounidenses, que recibiremos a semana que ven. Veñen a ver as nosas burras e a levar mostrar de crin para estudar o seu ADN e analizalo con mostras de outros cabalos salvaxes que teñen recollido do resto do mundo, para un traballo de investigación que tenta descubrir a xénese e orixe das nosas burras. Segundo algún investigador unha subespecie das máis antigas e singulares das que existen en liberdade, e que posúe características propias moi singulares.
Os doutores Nuno Vieira, Laura Lagos e Felipe Bárcena

Unha vez máis, ten que ser a sociedade civil e persoas interesadas, as que fagan o labor que tiñan que facer a nosa universidade e patrocinar a nosa administración da Xunta de Galicia. Pero non, non é así, e somos outros os que defendemos,estudamos e promovemos o que é patrimonio de todos e que admira a científicos americanos e de todo o mundo, menos os de aquí, agás escepcións as que non podemos deixar de loubar como son Felipe Bárcena e Laura Lagos.
Tamén os veciños portugueses están a facer unha grande laboura na defensa do Garrano portugués, irmán das nosas burras, e que están levando centos delas para os seus montes e promovendo que o garrano portugués sexa declarado Patrimonio Nacional, como nos explicou o doutor Nuno Vieira Brito, Secretario de estado de Alimentaçao e Investigación Agroalimentar do Goberno portugués, e Coordenador da Candidatura Garrano a Patrimonio Nacional.
Agardamos que a Xunta de Galicia tome nota e faga o mesmo na nosa terra e coas nosas burras. Aí terá sempre o noso apoio.
Ogallá nos vexamos o domingo no curro de Torroña.


Ningún comentario:

Publicar un comentario