venres, 14 de xuño de 2013

!NON PASARÁN¡ MINAS NON



Avaliación Ambiental Estratéxica do Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galicia, 

SR. CONSELLEIRO DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS


D. Xilberte Manso de la Torre con DNI nº xxxxxxxx domicilio en , xxxxxxxxxx actuando en representación da Asociación SOS GROBA, en calidade de vicepresidente, asociación pertencente á Plataforma Pola Protección da Serra do Galiñeiro, e en relación co Documento de Inicio do procedemento de Avaliación Ambiental Estratéxica do Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galicia,
EXPÓN
Consultado o Documento de Inicio da Avaliación Ambiental Estratéxica do Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galicia, publicado na web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras, que se atopa en período de consultas queremos facer as seguintes observacións:
- Segundo se expresa no propio Documento de Inicio (DI) Galicia é unha das comunidades líderes no sector mineiro, isto quere dicir que está por riba da maioría das comunidades autónomas tamén en ocupación de solo polas diversas actividades extractivas. Esta situación de liderazgo é un acicate, segundo o DI para seguir desenvolvendo máis e máis actividade extractiva en Galicia. Todo isto non leva parella unha reflexión sobre o que significa unha maior ocupación do solo por estas actividades, xa que o crecemento das actividades extractivas debe ter inevitablemente un límite, non existe esa percepción nos redactores do DI.
- Os obxectivos e criterios subliñados son tan imprecisos e vagos que realmente non queren dicir nada, e non é necesario redactar un Plan Sectorial para escribir cousas como “desenvolvemento sostible” “coordinación”, cando realmente o DI non ten ningún contido orientado nesa liña. A maior preocupación contida neste documento non é a protección do medio ambiente, é a legalización de actividades extractivas existentes que viven á marxe da legalidade (as actividades sen a preceptiva licenza municipal, son ilegais, non é unha percepción errónea da poboación). Outra preocupación é unha maior implantación de actividades extractivas no territorio.
- Parece que o interese se orienta cara aos solos rústicos especialmente protexidos, aos que este DI lles adica bastantes páxinas para convencermos (non debería ser ese o contido do DI) de que as minas se poden abrir en calquera sitio. No DI reprodúcense os usos permitidos e autorizables nos solos rústicos especialmente protexidos recollidos na LOUG, nos casos nos que non se permiten os usos extractivos (polo tanto serían usos prohibidos), sublíñase que estes pódense autorizar (autorización autonómica) “a través dos instrumentos previstos na lexislación do territorio”. Vese ben a intención dos redactores, xa que copian artigos da LOUG referidos aos usos nas difentes categorías de solo rústico e en todos omiten unha parte esencial: “sempre que non leven a transformación da súa natureza rústica e quede garantida a integridade dos valores obxecto de protección”. Esta omisión é intencionada e significativa, amosa os intereses dos redactores do DI. Tamén nalgún parágrafo do DI cópianse partes do artigo 5º do Decreto 80/2000, pero en ningunha parte deste extenso documento se copia o apartado 3. “No solo rústico de especial protección quedan prohibidas as actuacións que resulten incompatibles cos seus valores ecolóxicos, ambientais, paisaxísticos, históricos, etnográficos, culturais ou calquera outro que sexan obxecto da protección outorgada ou coas protección derivadas da lexislación sectorial de aplicación”. Polo tanto a superposición dos instrumentos de ordenación do territorio sobre a normativa urbanística non é sinxela nin inmediata como pretenden os redactores do DI.
- O DI sinala que “O grao de compatibilidade deberá xustificarse no instrumento de ordenación do territorial (proxecto sectorial) que desenvolva as determinacións e previsións contidas no Plan Sectorial de Actividades Extractivas...”, isto pode significar que o Plan Sectorial non vai facer ningún tipo de planificación, senón que deixará as decisións relacionadas coa planificación aos futuros proxectos sectoriais, redactados polas concesionarias dos permisos.
- O PSAEG reproduce unha parte importante da lei de minas do ano 1973, lei preconstitucional, redactada nunha época na que a sensibilidade e as exisencias en materia de medio ambiente eran outras, época na que non estabamos dentro da Unión Europea. O ingreso de España na UE supuxo un maior impulso das sensibilidades e das políticas medioambientais (aínda que logo, moitas veces, se queden só na teoría e en boas palabras). Con todo o DI na páxina 17, e facendo referenza a esta lei de 1973 recolle: “Cuestión importante prevista na Lei é a facultade que se outorga ao Goberno para declarar determinadas zonas non rexistables para protexer diferentes intereses como o turístico, urbanístico, agrícola, medioambiental, monumental, etc., por razón de interese público”. Porén o DI non parece anunciar un PSAEG con ningún tipo de restriccións, senón que, aparentemente, decántase pola implantación da minería en calquera tipo de solo (incluso nos rústicos de protección arqueolóxica!), omitindo intencionadamente aquelas partes das leis que expresamente prohiben as actuacións que supoñan alteracións dos valores recoñecidos á hora de delimitar os solos rústicos especialmente protexidos e subliñando constantemente a superioridade dos instrumentos de ordenación do territorio sobre a ordenación urbanística (isto según eles é a coordinación e colaboración entre administracións).
- ANÁLISE DE ALTERNATIVAS: As tres alternativas presentadas son a mesma. A alternativa 0 e a Alternativa 1, son exactamente a mesma alternativa, que consiste en no redactar o PSAEG, é dicir, a alternativa 0. A Alternativa 1 é tamén a 0, consiste na non redacción do PSAEG. Aínda que pareza absurdo (que o é) a 0 é non redactar, e a 1 é a de non redactar. Qué pasa se non se redacta o Plan Sectorial?, pois que, no caso de que se pretenda legalizar, ampliar ou realizar unha nova explotación mineira habería que redactar un Proxecto Sectorial individualizado para cada explotación. A alternativa 2, tal e como a redacta este DI, aparentemente é a mesma que a 0 e 1, coa vantaxe dunha AAE, non se deduce deste DI que se pretenda unha auténtica planificación. Tampouco se explica, nin se sabe qué tipo de alternativa é a de realizar un PSAEG. Todas alternativas a avaliar, agás a 0, teñen que consistir necesariamente na redacción dun PSAEG, pero haberá que decidir qué tipo de Plan, qué criterios e como vai ser a planificación de cada alternativa, e qué se vai a avaliar.
Por outra banda, da lectura do DI, dedúcese que todo o territorio de Galicia vai ser posible receptor dunha actividade extractiva, sexa do tipo que sexa, e que será finalmente un Proxecto Sectorial o que avaliará a posibilidade de autorizar, ou non, unha determinada actividade extractiva. Isto, entendemos, cando xa o correspondente permiso estea adxudicado a unha empresa concesionaria, xa que é a concesionaria a que presentaría o Proxecto Sectorial, sen planificación previa. Dá a sensación lendo o DI, que o Plan Sectorial será unha guía de “boas” prácticas para as actividades extractivas e un recordatorio de leis, normativas e instrumentos de ordenación do territorio, mesturado cunha serie de expresións tan bonitas coma manidas: “desenvolvemento sostible” “necesaria coordinación”, etc; que realmente non se reflicten en ningunha das actuacións reais, xa que logo todo queda reducido a nunha serie de medidas correctoras da Avaliación do Impacto Ambiental do correspondente Proxecto Sectorial, que necesariamente terá que ser aprobado, Galicia en mans das empresas que queiran participar no expolio. Isto non é desenvolvemento, e moito menos sostible.
Este DI tenta xustificar a actividade extractiva (sen especificar de qué tipo, mesmo supoñemos que a ceo aberto) incluso na Rede Natura 2000, na nosa excasísima Rede Natura 2000.
Xustifica que os impactos son medios ou baixos, que ademais os terreos son sempre recuperabeis xa que actividade extractiva é sempre temporal. Pero é que as planificacións e as actividades realizadas polo ser humano son sempre temporais, e son estas actividades as que se testan nun procedemento de avaliación ¿qué, se non?. Temporal é a explosión dunha bomba atómica, iso non quere dicir que as súas consecuencias sexan menores ca outras actividades que se prolongan máis no tempo.
Non se pode afirmar que a actividade extractiva pode incluso ser beneficiosa para o medio ambiente, isto é absolutamente absurdo, pola mesma definición do que é o medio natural e que significa a súa protección. Unicamente pode calificarse de beneficiosa unha restauración se a comparamos co terreo despois do remate da actividade extractiva, pero non co primixenio estado natural do mesmo.
Todo isto amosa a intencionalidade do PSAEG, a filosofía dun “todo vale”. O territorio que se destrúe, que se arrinca, que se destroza, non volve a crecer. Un plan de restauración non devolve a natureza ao seu estado natural. A meirande parte dos ecosistemas, por non dicir todos, non se poden reproducir artificialmente. Os ecosistemas non son só as aves nunha canteira, que van e volven.
A escasa e pouco representativa Rede Natura de Galicia está en perigo (Galicia, cunha porcentaxe de 11,65 é a comunidad autónoma coa menor porcentaxe de superficie do territorio incluida na Rede Natura 2000, moi por debaixo do 26,6 da media de España, segundo os datos do “Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural y Marino”, La Rioja ten unha porcentaxe do 33,2%, Cantabria 27,6% e Madrid 39,9%), os solos rústicos especialmente protexidos de protección arqueolóxica, de augas, de espazos naturais, etc, están en perigo. Dedúcese do DI que cun bo Estudo de Impacto e as correspondentes medidas correctoras e de integración paisaxística temos o problema dos posibles impactos controlado. Non é preciso redactar un PSAEG para chegar a esta conclusión. O Documento de Orientación de extracción mineral e Natura 2000 da Unión Europea non nace para favorecer a proliferación de actividades extractivas nas zonas da Rede, nace para non limitar as zonas a protexer, cunha idea de protexer máis superficie de solo e compatibilizar, pero se cita de forma sesgada e interesada.
- Non se fai unha análise previa, nin se explica qué significa a distribución da poboación activa nos distintos sectores. Por exemplo, no caso da provincia de Pontevedra o sector servizos ten unha ocupación moi superior ao resto dos outros sectores (primario 5.747, servizos 56.161), isto débese, en gran parte, a que o sector do turismo, hostalería e servizos relacionados teñen unha importancia vital na economía destas zonas. Qué consecuencia tería a aparición de actividades extractivas á ceo aberto en certas zonas na poboación ocupada no sector servizos? Non pensan os redactores do PSAEG realizar algún tipo de análise sobre a posible destrucción de emprego causada polo deterioro medioambiental do territorio? É demasiado simple a teoría de que a maior número de minas, maior número de empregos, pois é a única teoría que, de momento, sosteñen os redactores. Isto non é avaliar, é expor argumentos erróneos.
- O apartado 5.3.2.2. adicado á Avaliación de efectos ambientais fai referenza a un decreto que se atopa derogado, o Decreto 327/1991 de 20 de outubro de avaliación de efectos ambientais. E ademais di que o decreto 442/1990 foi derrogado polo RDLex 1/2008 de 11 de xaneiro, cousa que é incorrecta. É patente o descoñecemento que os redactores do DI teñe, tanto da lexislación sobre medio ambiente, como do medio ambiente en si. Coñecemento da lexislación sobre actividades extractivas terán, pero da lexilación ambiental, do que representa un DI da AAE, do que é unha análise de alternativas, etc., non o teñen. É totalmente inaceptable que a Xunta de Galicia promova e tramite este Documento de Inicio.
- Do DI dedúcese que a aprobación do PSAEG é URXENTE porque é necesaria a regularización de actividades extractivas existentes na actualidade que non teñen licenza de actividade. Pois no Regulamento de Disciplina Urbanística Decreto 28/1999 de 21 de xaneiro explícase moi clariño o que se debe facer en caso de actividades que non conten coa preceptiva licenza. En ningún artigo da lexislación urbanística se di que deberán regularizarse urxentemente mediante a redacción dun Plan Sectorial. Para calquera dúbida debería consultarse a Sección cuarta “Protección da legalidade en zonas verdes, espacios libres, dotacións, equipamentos e solo rústico con especial protección e outras medidas complementarias”, e tamén Artigo 213º da LOUG: “Protección da legalidade en zonas verdes, espacios libres, dotacións e equipamentos públicos”. Sería bo que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas aplique a estas actividades (como ás outras) a lexislación vixente no que atinxe tanto o relacionado ás obras como aos usos do solo sen contar coa preceptiva licenza municipal.
- E xa por último, e como corolario, para que as actividades extractivas se realicen dun modo coordinado non se precisa un PSAEG, por dous motivos, o primeiro por que se poderían coordinar os Proxectos Sectoriais individuais, e segundo porque realmente non se pretende ningunha coordinación, o que se pretende e legalizar, ampliar, abrir novas explotacións, impoñendo a decisión da Consellería de Industria de fomentar e alentar a minería en Galicia.


Por todo o exposto SOLICITA:


- Que se retire este DOCUMENTO DE INICIO por ser un documento absolutamente inútil. Por carecer dunha redacción axeitada. Por ter un único obxectivo real que é fomentar a toda costa a actividade extractiva en Galicia. Por non ter nin a mínima pretensión de protexer zonas sensibles do territorio de Galicia. Por non recoller unha análise de alternativas. Por non recoller unha alternativa que responda ao criterio da protección das zonas onde non se poden realizar este tipo de actividades dunha forma inocua para o medio.


- De forma subsidiaria que se reforme este Documetno de Inicio paliando as deficiencias existentes especialmente no que atinxe a análise de alternativas, e que se formule, no caso de decidir facelo, a redacción dun auténtico instrumento de planificación e ordenación do territorio, que teña como obxectivo a protección dos solos que a merezan polos seus valores. Que teña en conta o establecido polo artigo 5 apartado 3 do Decreto 80/2000.
- Que se paralicen os concursos de concesións de permisos en trámite en tanto non se redacte un PSAEG que protexa as zonas sensibles do territorio de Galicia.
- Que se prohiba neste futuro PSAEG a realización de actividades extractivas no conxunto da Serra da Groba.
Gondomar, a 14 de xuño de 2013
Asdo.: Xilberte Manso de la Torre





Ningún comentario:

Publicar un comentario