venres, 14 de febreiro de 2014

MORTOS NA AREA



MASCATO, ARAO PAPAGAIO E ARAO DOS CONS . MORTOS NA AREA DA MADORRA

Sempre quixen ver de perto un Arao papagaio,  Fratercula arctica. Tiña un anceio forte de que nas Cíes ou en Ons criaran como antigamente e, algún día podelos ollar de lonxe cos prismaticos. Este xoves tiven un moi perto, nas miñas mans. Morto e enchoupado nos areais da Madorra, aí, fronte ao meu fogar. Van morrendo cada día moitos anceios e somos nós, os que os matamos contaminando e desprezando o medio ambiente. Mágoa¡¡ Seguirei soñando un mundo mellor.. e loitando para conquerilo.

Arao dos cons, Uria aalge.
Cando o piche do Prestige tinguíu de negro os areais e as rochas das nosas costas, saía polas tardes a percorrer a costa para detectar varamentos e a chegadas das famosas "galletas" de piche, para dar a voz de alarma ou axudar no que  poidese. 
Daquela atopei, en dúas xornadas distintas,  senllos Araos dos cons nadando perto da area con Piche . Cheguei a collelos vivos e mandalos nunha caixa para que os curasen e limpasen. Non sei si chegaron a sobrevivir, despois de deixalos na caixa de carton sentindo o seu pequeno corazón latindo moi acelerado.
Onte atopei a este morto na area da Madorra. Non sei si foi a raiba do mar deste días ou o lixo que hai nel e que ven aboiando a parar á praia.
De calquera xeito, a mágoa é grande e o sentimento de impotencia maior. No mesmo día e lugar atopei o arao dos cons, o arao papagaio e un mascato. Lonxe do seu habitat, mar adentro e ... mortos.


Mascato,  Morus bassanus .Sempre os vin voando lonxe, mar adentro, rente as ondas que veñen e van póndolle imaxe ao invisibel vento. Fan falla os prismaticos. Non se achegan á costa, gorentan as augas bravas interiores e só os podemos atopar en terra cando aniñan lonxe do home. Telo nas mans perto da casa produce tristura e refexión. Que estamos facendo coa natureza? O mar parece que me quere contestar ás reflexións, estas noites que non me deixa durmir co seu rouco bruir e a  súa forza ao rachar nos xistos da Madorra. Eses ollos azuis, coa cor do mar que arelamos, non é doado esquecelos. Mentres, o mar segue a chamar á porta, unha porta que está moi perto de onde non debería estar. Seguimos a facer mal o que xa sabemos que non non nos vai perdoar por moito formigón que lle poñamos por diante. Neptuno e Eolo cobran a súa peaxe por lles fallar ao respecto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario