Onte sábado día 16 de setembro fixemos unha xeira informativa pola contorna da área que ocuparía o proxectado campo de golf denominado As Costeiras, na parroquia de Baredo.
Os veciños de Baredo veñen amosando a súa disconformidade co proxecto, e onte ficou outra volta patente. Xoves e anciáns que case non poden camiñar , achegaronse ata a Chan da Lagoa en coche para amosar o seu descontento e o seu enfado, portando carteis e faixas contra do campo de golf.
Os que non poideron facer todo o percorrido pola súa idade, estiveron sentados na contorna, falando entre eles e cos centos de persoas que se xuntaron para facer a marcha que partindo da entrada do Curro de Mougás, na estrada, foi baixando ata a Pedra Blanca, onde se fixo unha primeira parada para ver a contorna e a paisaxe fermosa que , nese intre, nos permitía ver as illas, e Fisterra no hourizonte como unha balea flotando entre as nubes e o mar.
Xa no Campo de Isabel poidemos ver a contorna onde apareceron os restos arqueolóxicos, e dende alí ir bordeando os montes veciños de Mougás polas estremas ata o punto máis vistoso nos penedos de Enrique e os outeiros do Curro, dende onde se ve como a aba do monte chega ata as chans nas que empezan os campos e as casas dos veciños dos barrios de Baredo.
Vimos as nacentes das augas que abastecen ás fontes das que beben as traídas que levan ata as casas a auga, e as regueiras que no inverno baixan cheas facendo de veas da parroquia que regan campos e montes criando diversidade de flora e fauna no seu redor.
Cando un proxecto é tan malo como este e ten tantos erros na súa elaboración, non se pode argumentar nada a favor, a non ser que se esté cego ou se teña mala intención. Cando os veciños manifestan o rexeitamento que onte poidemos ver, e que nestes días na aldea veñen facendo patente por tódolos recunchos, só queda pedir a súa retirada do plan xeral de Baiona e a súa eliminación. Haberá outras obras e proxectos que sexan máis produtivos e menos lesivos para o medio ambiente e os veciños que merezan o esforzo e o investimento do concello, e que sin dúbida apoiaremos se cumpren coas regras básicas da sostentabilidade e respecto pola natureza e o patrimonio.
Grazas veciños de Baredo por defender o voso monte, que ao remate é de todos, a natureza e o voso patrimonio. Sempre nos teredes aí.
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/baiona/2017/09/17/300-personas-protestan-campo-golf-baredo/0003_201709V17C8995.htm
http://www.farodevigo.es/comarcas/2017/09/12/baredo-quiere-campo-golf/1748256.html
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/baiona/2017/09/10/baredo-rebela-rechaza-acoger-mayor-campo-golf-provincia/0003_201709V10C7991.htm
https://telemarinas.com/continua-la-preocupacion-baredo-campo-golf/
https://valminortv.com/2017/09/16/mas-de-300-personas-muestran-su-rechazo-al-campo-de-golf-de-baredo/
Ningún comentario:
Publicar un comentario