sábado, 30 de setembro de 2017

LEI DE DEPREDACIÓN DE GALIZA. PAREMOLA XA¡

Manifesto contra a Lei de Depredación de Galiza. (Lei de Fomento de Implantación de Iniciativas Empresariais -LFIIE-)


LFIIE
Un nome de verdade complexo para unha intención ben simple.
LFIIE
Fume de siglas para agocharse.
LFIIE
A proposta dun oco para a nosa terra.
LFIIE
Lei de Depredación de Galiza.
LFIIE
Mais a verdade non é unha mentira percutida.
A verdade non se fala nesa lingua, non está nos seus petos nin será decretada.
Non existe verdade nesta tinta LFIIE.
Non existe nestes momentos en Galicia unha preocupación compartida por axentes sociais e grupos políticos relativa á necesidade de tomar medidas para que a implantación empresarial na nosa Comunidade resulte aínda máis atractiva para os investidores.”
O que existe en Galiza é un apaño de elites políticas e económicas que queren facer deste lugar un espazo extractivo para o capital globalizado. Existen as grandes empresas mineiras, eléctricas ou forestais a querer máis facilidades para o seu negocio: maior acceso á terra e menos normas sociais e ambientais.
E di o texto:
Que ningunha traba administrativa poida obstaculizar o crecemento de Galicia nin minguar a súa capacidade de competir coas moi favorables condicións de implantación empresarial que ofrecen outras zonas limítrofes”.
E cando escriben Galicia a verdade perde algo máis de alento. Cando Galicia e grandes empresas que operan en Galicia son o mesmo para quen goberna, comprendemos mellor quen goberna. Comprendemos ese seu “desexo apaixonado de traballo servil e máis barato”, esa fame de nós e da nosa terra. Mais “nesta terra temos o que paga a pena a vida”.
LFIIE:
Para a redacción desta proposta “promoveuse a máis ampla participación da cidadanía en xeral”.Frases depredadas da verdade. Verdades LFIIE…
… E principios LFIIE para a implantación das iniciativas empresarias:
a) Liberdade de empresa.
b) Eficacia, eficiencia e coordinación das Administracións públicas para fomentalas.
c) Facilidade para o acceso ao solo.
d) Calidade das áreas empresariais e responsabilidade pública e privada no seu mantemento.
e) Simplificación da normativa autonómica e municipal.
f) Simplificación tributaria e incentivos fiscais ás empresas.
Nin nos principios nin nos finais desta proposta está a garantía dos dereitos sociais e laborais, do respecto ás comunidades locais, da conservación da nosa natureza. Nin nos principios nin nos finais. Deprédannos por lei.
Unha lei que é un elo máis da versión neoliberal do capitalismo, coma os tratados de libre comercio internacional, co fin de eliminar límites ao negocio, mesmo se eses límites teñen que ver con dereitos básicos das persoas ou a conservación do medio ambiente e os recursos naturais.
Así que aquí estamos. Minoría absoluta resolta a non calar. Triste maioría absoluta a de quen precisa facerse trampas até a si mesmo. Mentir e ocultar coa palabra mesmo dende o poder do número. Triste poder o poder que así se mantén.
Nós, minoría absoluta, non cremos na linguaxe LFIIE nin nas súas matemáticas. Non outorgaremos os números nin os significados e aquí, hoxe, denunciamos esta proposta do Partido Popular de Galicia,
– Porque é un texto que afecta ámbitos nada casuais, transformando unha morea de leis anteriores como a da minaría, a de montes ou a eólica.
– Porque non sirve para a necesaria defensa dun mundo rural vizoso, con capacidade de tomar iniciativas propias e sustentábel, senón que pola contra incide no espolio dos seus recursos naturais e territorio sen ningunha contrapartida para as súas comunidades.
– Porque facilita os procesos de expropiación forzosa e acaparamento de terras en mans das empresas, mediante figuras como a declaración de utilidade pública ou o proxecto de especial interese.
– Porque reduce tanto os prazos para a emisión de informes en materia ambiental que fai case imposíbel o traballo do persoal técnico encargado de redactalos.
– Porque recorta e mesmo elimina procesos de participación pública, necesarios xa que así o marca a lexislación europea mais, sobre todo, porque eliminalos supón un novo deterioro do concepto de cidadanía e da calidade democrática das institucións.
– Porque non só limita os tempos ao máximo nas tramitacións ambientais e exposición pública, senón que en caso de vencer o prazo de emisión dos informes considera en xeral isto como silencio positivo para os proxectos, mesmo se o documento final é desfavorábel.
– Porque furta información á poboación sobre iniciativas empresariais que poden ter unha grave afección nas súas vidas, permitindo por exemplo ás mineiras decidir que documentación consideran reservada.
– Porque reduce o papel dos concellos, a instancia administrativa máis próxima á veciñanza, á hora de velar polo seu propio territorio.
– Porque fai prevalecer o aproveitamento industrial do monte fronte aos tradicionais e comunitarios.
– Porque estende o emprego de meras declaracións responsábeis para aproveitamento de especies forestais como o eucalipto, mesmo en masas con presenza de árbores autóctonas.
– Porque suprime a necesaria autorización de Medio Ambiente para os aproveitamentos madeireiros en zonas protexidas e ameaza ao patrimonio cultural dos nosos montes.
– Porque suprime os criterios de respecto á natureza á hora de outorgar en concorrencia os dereitos de construción dun parque eólico.
– Porque outorga boa parte da capacidade decisiva sobre cuestións ambientais e relacionadas co territorio naos organismos que acollen ás propias actividades económicas, nomeadamente á Dirección Xeral de Enerxía e Minas.
Cando escriben Galicia pensan negocio. Cando cidadanía, consellos de administración. Cando pechan unha porta, abren unha fiestra na gran empresa privada. Porque o cargo de hoxe pode ser o posto de mañá. Porque queren a Galicia coma unha mina, deprédannos.
Mais aquí estamos. Se cadra nós non tan minoría. Se cadra a maioría non tan absoluta neste mundo exterior. Non imos entregarlles a palabra. O dereito á palabra terra.
Eran nosos o tempo e os soños,
eran nosos porque non tiñan prezo
porque eran coma o vento e a chuvia.
Pero os espazo para soñar e o transcorrer do tempo,
onde caia a chuvia e sopraba o vento,
adquiriu un prezo e xa non foi noso.
Porén, só se compra o que se vende e aquí temos o que merece a pena na vida. Así que,
Pasaxeiros entre palabras fugaces
cargade os vosos nomes e marchade
e levade os vosos reloxos do noso tempo e marchade
e “depredade” o que queirades do azul do mar e da area da memoria
e “depredade” o que queirades das fotos, para que saibades
que nunca saberedes
como unha pedra da nosa terra construíu o ceo.
Vós depredar,
vós LFIIE, decretos, business
vós ocultación, fume, urxencia no lucro.
Vós sentados na poltrona dos pazos
nas xuntas directivas.
Nós de pé, aquí, sostendo a palabra polo seu lado exacto, mesmo se doe. Sodes depredadores de nós.
Non á LFIIE.
Non á Lei de Depredación de Galiza.
Terra viva e vida digna para todas!

ASINA E DIFUNDE:

https://www.change.org/p/paremos-a-leidepredaciongaliza-do-pp-galego-antes-do-17-de-outubro?recruiter=18777000&utm_source=share_petition&utm_medium=copylink&utm_campaign=share_petition

Ningún comentario:

Publicar un comentario