NON
QUEREMOS O CAMPO DE GOLF
Hai uns anos tentaron facer un campo de golf nas mellores chans de Chandebrito, Camos e Priegue, pero a oposición dos veciños fixo que A Chan das Pías, O Viveiro e A Chan das Requeixadas se libraran dos buracos. Pouco máis tarde atacaron pola banda de Pinzás nos nacentes do Río Cereixo, o que pasa por Tebra e atravesa o Concello de Tomiño até desaguar no Miño. Aquí o campo ía cheo de buracos e acompañado de 550 chalets adosados. Foi botado abaixo pola insistencia dos veciños e a consellería sentenciou INSOSTIBILIDADE POR FALTA DE AUGA.
Na Serra da Groba tamén tentaron plantarnos 21 muíños de vento de máis de 125 metros de altura. Ían de Monte Redondo á Gabiñeira, saltaban ao Corno Ladredo, ao Alto do Foxo Pedriño, ao Campuchán e ao Castelo. Outro grupo de xigantes ía no Carroubelo ollando para o Mosteiro de Oia. Botámoslle dez muíños abaixo por AGRESIÓN VISUAL AO MOSTEIRO e por INCOMPATIBILIDADE COA RIQUEZA ARQUEOLÓXICA DA SERRA.
Na Groba probaron co “Proxecto Verde” nas Chans por detrás da Cruz de Pau. O nome é moi bonito pero tratábase de encher as nacentes de auga de Belesar de entullo de obra –miles de camións- e logo botarlle herba por riba. E pensaron nunha pista de autocross, e nunha balsa de auga xigante alá pola Pernal de Mougás.
Agora tocoulle a Baredo. Imos ver. En 1936 comezaron a roubarlle aos de Baredo os terreos da Batería e logo de rematar a actividade militar nos anos 80 as terras non volveron máis aos lexítimos propietarios. Nin o Concello axudou. Temos que tentalo, son nosas.
Cando a mediados dos 60 o Concello de Baiona decidiu facer recollida municipal de lixo non pensou nos montes de Sabarís, nin Belesar, nin Baíña, nin nos propios de Baiona. En quen pensou para botar a merda? Home! En Baredo. Máis adiante cando se decidiu trasladalo da subida á Batería continuouse pensando en Baredo e foi para a beira do mar fronte A Carral. Merda e percebes.
Nos 60 fixo falta pedra para ampliar A Doca en Baiona e o buraco fíxose en Baredo. Entre Balea e A Fonte de Anta. Cando fixo falta un campo de fútbol pensouse no Val de Martiño e na Fonte dos Mortos. Xa había o campo de xogaren solteiros contra casados. Outra vez en Baredo, por 30 anos e barato. 0 euros/ano.
Se fai falta rematar a autoestrada metemos un tallo xigante no monte da Fonte de Anta onde o carro non quixo seguir coa Virxe da Cela para Baiona. O do túnel era moi lento e caro e o alcalde tiña présa.
Xa sabedes que a depuradora das augas de todo o Concello tamén está en Baredo. E xa sabedes que cando se botou abaixo o colexio de Sabarís a broza foi para O Río do Parreal nas Xestas de Baredo. Agora toca campo de golf.
O Concello de Baiona no último Plan Xeral de Ordenación Municipal inclúe un PLAN ESPECIAL DE DOTACIÓN E INFRAESTRUTURAS “AS COSTEIRAS” (PE-4). Esta é a maneira moderna de chamarlle a un campo de golf en Baredo que, ademais, non é nas Costeiras.
O que propón o Concello é un campo de golf “COMPLEMENTADO CON PISCINA, HÍPICA, PISTAS DE TENIS E RECINTO PARA CURRO”. Para isto, sen consultar aos veciños nin á Comunidade de Montes, o goberno municipal desenvolve o seu proxecto en 675.000 metros cadrados, case 70 hectáreas ou máis de 1000 ferrados entre A Chan de Morrecán e A Pedra Branca na entrada do curro correndo pola estrema con Mougás até O Outeiro de Rique e incluíndo A Regueira das Mixiñas, a do Malo Paso e a da Presa por riba das Tres Regueiras. Xusto os nacentes de auga da parroquia.
Non falaron cos veciños para escoitar o seu parecer nin falaron cos que teñen burras no monte xa que o proxecto conta con levar para dentro das instalacións un curro.
Ademais o Concello non dialoga para solicitar unha cesión, un alugueiro das terras. O Concello DEBERÁ FACER FRONTE Á EXPROPIACIÓN e ademais ponlle un prezo: 3 euros o metro cadrado, por 675773,63 metros cadrados dá un total de 2 millóns de euros.
O PROXECTO
A proposta do Concello de Baiona é fechar 675773,63 metros cadrados de monte comunal de Baredo entre Baíña e Mougás, entre a entrada á Fonte Regueira, Os Marcos e A Pedra Branca correndo pola estrema cara O Outeiro de Rique e vindo por riba das Tres Regueiras até A Chan de Morrecán.
A estas terras o comprador ponlle prezo sen saber o amo, ao que non lle preguntou se quere vender e dille que son a 3 euros o metro cadrado e o total son 2 millóns de euros. O Concello vai á expropiar e logo quérello dar a unha concesionaria que execute as obras en dúas fases, e explote as instalacións. O novo propietario cobrará 30.000 euros ao ano á concesionaria.
Dentro do muro quilométrico o que interesa facer é un campo de golf de 21 buracos en dúas fases de construción, acompañado, para poder chamarlle instalacións deportivas de interese público, de clube hípico, pistas de tenis e paddle, campos de fútbol sala, balonvolea, baloncesto, balonmán, piscina – que se faría na segunda fase-, club social, cafetería e tamén pista de rodeo, anfiteatro, curro e zona de deportes aéreos. O valor total das obras supera os 14 millóns de euros.
Son
moitos os motivos polos que non queremos o campo de golf:
- Ninguén é quen de expropiarlle case 70 hectáreas aos montes de Baredo poñéndolle prezo e sen preguntarnos. Cobramos unha vez soa e quedamos sen máis do 20% do monte dos nosos avós que temos que deixar aos nosos fillos. Non queremos vender.
- Non son verdade as xustificacións que se indican no proxecto sobre a necesidade destas instalacións para xente do Val de Miñor e os turistas que nos visiten; ademais propóñense unhas instalacións que xa temos e outras que son ruinosas no resto da provincia.
- Manter un campo de golf en condicións precisa do uso de agroquímicos como fertilizantes e fitosanitarios. Os primeiros para manter a herba verde, ancha e perfecta, meténdolle nitróxeno, fósforo, xofre, potasio.... e os segundos en forma de funxicidas, herbicidas e insecticidas. Os estudos demostran que estes produtos administrados en gran directamente na terra, ou por fumigación, acaban entrando nos acuíferos, contaminando as augas, e afectando a saúde das persoas: a pel, os ollos, o fígado, tocando o sistema nervioso central, producindo lesións xenéticas, alteracións hormonais, certos cancros...
- O proxecto fai un estudo de uso da auga que non cremos. Non o cremos nin na cantidade nin na calidade das nosas augas, do que nada se di. As necesidades hídricas son tan grandes que proxectan construír 11 presas nas cuncas das regueiras e facer pozos de barrena, tantos como necesiten. Xa dixemos ao principio que non aprobaron o campo de golf de Pinzás por falta de auga, e aquel ía nos grandes nacentes do Río Cereixo.
- O proxecto repite o pouco impacto paisaxístico que provocarán as obras. Tampouco estamos de acordo cando queren dinamitar outeiros, facer desmontes de 7 metros de altura e recheos de máis de 7 metros nas vagoadas para achanzar o terreo para poderen xogar. Se o impacto fose pouco non lle dedicarían 2.593.746 euros ao concepto de movemento de terras, máis de 200.000 metros cúbicos, que son uns 13.000 camións de 15 metros cúbicos cada un.
- E van deixar sen habitát ás burras do monte, aos garranos, que terán que baixar máis aos campos ou extinguirse. E aínda din que farían un curro novo tendo o de Mougás a menos dun quilometro. Para qué e para quén se deixan ás burras sen monte?
A como lles vai saír
a hora de xogo dun golfista aos veciños de Baiona?
Quén vai pagar todo
ise gasto para que se beneficien uns poucos?
A saúde e o
benestar dos veciños non importa?
NON QUEREMOS CAMPO
DE GOLF EN BAREDO
NON
AO CAMPO DE GOLF EN BAREDO
BAREDO
NON SE VENDE
A
SAÚDE NON TEN PREZO
Visita
guiada a zona afectada
Sábado
16 ás 17.30 h
Punto
de encontro na Chan da Lagoa
NON
AO CAMPO DE GOLF
Ningún comentario:
Publicar un comentario