PERIGO, OBRAS
PÚBLICAS !!!
A CIMEIRA DO CLIMA , A RESPONSABILIDADE SOCIAL E AS MENTES
PRIVILEXIADAS
Ós que nos preocupa o cambio climático, a natureza e o medio
ambiente, temos o costume de mirar e tentar ver máis aló do que se ve a simple
vista, e pensar nas consecuencias das
accións humáns que consciente e inconscientemente están axudando a que o
noso planeta vaia a pior, e que as xeracións futuras teñan moi difícil poder gozar
de moitas cousa das que nós e os nosos pais gozaron. Nos últimos cincuenta anos
a perda de biodiversidade e de patrimonio natural é innegable. Aínda que hai
negacionístas, ninguén con unha idade
que supere eses cincuenta anos, pode negar que hai unha grande evolución a pior
no que a medio ambiente se refire. E que estamos a facer para mudar ou tentar
facer mudar a tendencia e porlle algo de remedio a ese previsible caos que se
achega a nós? . Cara a galería hai proxectos,
ideas e moitas horas de debates que os políticos fan para contentar as
súas consciencias e ós seus votantes. Na práctica diaria vemos como pasa o
tempo e seguimos cos mesmos hábitos e xeitos de facer, sobor de todo nas
institucións e organísmos públicos. Menos na cidadanía que , cada vez máis, vai
tomando conciencia aínda que en minoría respecto da grande masa de habitantes
que poboamos este mundo. Hai que entender que os ricos e poderosos seguen a ser
os que o teñen máis fácil e os pobres, como pobres loitan por sobrevivir e se o
conseguen, despois pensan no futuro, que non sempre e doado nin vai máis aló do día seguinte,
sobor de todo si se vive nalgunhas partes do mundo.
No Val de Miñor estamos no chamado primeiro mundo e temos a
sorte de vivir nunha contorna privilexiada. Temos mar, ríos, monte e serras, un
clima agradabel e ata o de agora non tivemos falla de auga. Hai sistemas
públicos de abastecemento e privados (moitos en proporción ó total da poboación) que ata o de agora ían
funcionando. Hai recollida de lixo e control sobre as augas residuais (teórico:
A Foz segue agardando por alguén que lle bote un salvavidas). A xente recicla o
vidro, o cartón e os plásticos ( que porcentaxe da poboación ?) e os concellos
deixan en mans de empresas privadas esa xestión. Mais nos montes segue deitandose lixo. Os
ríos están cheos de entullos e variedade de materiais ( grazas o Proxecto ríos
e os voluntarios, todos os anos se fai unha recollida nas praias e nos ríos do
Val); a Foz do Miñor segue contaminada e con perda de biodiversidade. Xa non
hai marisqueo nin nada que mariscar. As especies invasoras están campando sen
que ninguén faga nada por frear a súa expansión. A nivel faunístico a tan
nomeada vespa velutina está acabando coas
abellas, os visóns americanos con todo o que pillan na costa; temos cotorras, rulas turcas e bandadas de
páxariños africanos a peteirar nos nosos campos, cangrexo americano en Zamáns e
varios tipos de insectos foráneos que se están establecento pouco a pouco nos nosos montes e prantas (gonipterus dos eucaliptos, dryocosmus kuriphilus ou avespiña dos
castiñeiros, a psila africana dos
cítricos, a tecia solanivora ou couza
guatemalteca da pataca, etc.); os sapoconchos autóctonos xa case desapareceron
dos nosos regatos e ríos e, pola contra,
atopamos tartarugas da Florida nos encoros e ríos, no mar non pinta mellor o
panorama con algas e peixes nunca vistos por estas latitudes e as rías están
sufrindo mudanzas moi serias que ameazan coa desaparición do sustento de moitas
familias e empresas que ata o de agora viviron do mar.
Nos montes o eucalipto fáise dono e xa coloniza as beiras dos ríos
e os nacentes da auga que fornecen ás aldeas. As terras que onte foron de
labradío agora son montes de eucalipto e de acacia
melanoxylon, acacia negra, á que
ninguén pon freo. As herbas da pampa ou cortadeiras, cortaderia selloana, están colonizando A Foz do Miñor, os ríos e os montes. As mimosas, acacia dealbata, están xa nas beiras do
Miñor e agora, gracias as obras da Xunta nese mal chamado carril bici de
Gondomar a Ramallosa, están a tapar as vistas dos campos que hai entre a
estrada e o río e non tardarán moito en chegar ó canle se non se lle pon
remedio axiña.
De entullo nos montes e recheos,
mellor xa non falamos. Quén se ocupa de controlar , vixiar e
denunciar os aterramentos e recheos de
valgadas, montes e campos? Se se dá unha volta pola contorna pódese ver como non hai respecto polo medio
ambiente, nin polo máis básico que sería
respectar os nacentes das augas, os regatos e ríos e as fontes e presas. Nos espazos urbanos, mellor non falamos para non ferir
sensibilidades, mais nos tres concellos
miñoráns temos mostras de actuacións que non teñen en conta esas medidas tan
necesarias que nos tempos que vivímos serían de obrigado cumprimento. Mais as
inercias son moitas e a consciencia ecolóxica só aparece os días que se
conmemora algo. O día de... do que se tercie, ese día todos somos
ecoloxístas e apagamos a luz, limpamos o río, recollemos o plástico... o que
faga falla. Despois, máis nada e unha realidade que nos abafa ata que chega o
impacto seguinte, xa sexa un incendio, unha praia que se queda sen area, o mar que rompe os chamados paseos marítimos,
uns verquidos á Foz ou unhas árbores que
morren (non nos esquecemos do picudo vermello das palmeiras, rhynchophorus ferrugineus) xa sexan
palmeiras - que gran perda das centenarias do edificio vello das Escolas Proval
- ou calquera outra . É triste ver como se prantan e se talan árbores sen
sensibilidade nengunha. Se hai obras ou eleccións á vista adornanse rotondas,
beirarrúas, xardíns e o que faga falla, aínda que pasados uns dias se deixen
morren ou se cencenen como o magnífico liquidambar que acompaña ó conde de Gondomar na rotonda
de entrada a vila condal do Miñor, que para adornar con luces o Nadal se viú privado das follas , das puntas das
pólas e da copa, esquecendo o que eso fixo que cada árbore ten a súa,
poderíamos chamar, personalidade, e que
se debería respectar pois cada un é escollido para un lugar concreto precisamente por iso, e se non, non plantalo
onde non se pode desenrolar (exemplo:
rúa Carabela Pinta, Baiona) .
Estas doce son as formas máis comúns das árbores con algúns
exemplos:
· Aparasolada: Pinus pinea.
· Cónica estreita: Thuja occidentalis ou juniperus communis.
· Cónica ou piramidal: Abies alba, Abies pinsapo ou Araucaria araucana, Cupressus sempervirens “Stricta” – ciprés piramidal
· Columnar: Cryptomeria japonica, Podocarpus neriifoliu ou Populus nigra.
· Esférica ou globosa: Acacia dealbata, Acer campestre ou Citrus aurantium.
· Extendida: Melia azederach, Parkinsonia Aculeata ou Prunus armeniaca, Albizia julibrissin – acacia de Constantinopla
· Fastigiada: Cupressus sempervirens.
· Irregular: Robinia pseudoacacia, Salix alba ou Laburnum anagyroides, Eucalyptus globulus – eucalipto macho ou medicinal
· Ovoidal: Acacia melanoxylon, Acer palmatum o Firmiana simplex.
· Palmiforme: Washingtonia filifera, Washingtonia robusta o Phoenix canariensis.
· Pendular: Betula pendula, Salix babylonica o Schinus molle.
Temos dentro duns días a cimeira do clima en Madrid. Todos os medios de comunicación están a falar do evento e dos pormenores. Teremos perante uns días o ecoloxísmo e as accións para parar o cambio climático nas axendas e nas bocas dos políticos. Despois só quedaran as lembranzas, e as persoas comprometidas que non necesitan de ninguén que lles lembre que hai que mudar o xeito de vivir, os costumes e o xeito de relacionarnos co medio. Os educadores e os plans de estudo aínda non prestan, agás as escepcións dos verdadeiramente comprometidos, a atención que merece o tema. Os políticos non son moi de acreditar, pois todo o fían ós votos, se se perden ou se gañan, e o futuro está moi lonxe e as súas miras están na data das próximas eleccións. E despois do inverno ven a primavera e o verán, e a xente ven á praia, e os turístas moven o mercado do traballo e hai que darlles bandeiras azuis, bancos e duchas na praia, areas limpas de algas e sitio para aparcar, e todo o que falamos do medio ambiente xa non conta e nadie fala dos milleiros de quilos de pomadas e aceites que verquemos ó mar na tempada de verán, os plásticos e microplásticos, etc, etc, etcera. O que conta é o presente, e o futuro... xa se verá.
Entón toca falar de responsabilidade social, e do que cada un de nós temos o deber de facer cando nos venden fume e nos alustran con luces de Nadal ou do verán. E para rematar, falando de luces, lembrando a un dos tres Ramóns máis importantes da historia literaria de Galicia, inventor do esperpento, na súa obra Luces de Bohemia falaba das "mentes privilexiadas" daquela España que lle tocou vivir, e nós desta Galicia do sur que nos toca sufrir. As obras fánse e desfanse con diñeiro público. As desfeitas non hai cartos que as paguen nen planeta que as soporte.
Donas e cabaleiros, sentidiño.
Bo Nadal ecolóxico para todas e todos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario