mércores, 18 de decembro de 2019

A Universidade das Nacións Unidas premia un proxecto educativo galego sobre os impactos da minaría





A Universidade das Nacións Unidas premia un proxecto educativo galego sobre os impactos da minaría

·      O proxecto “A mina contamina” entre os 6 máis innovadores do mundo en educación para a sustentabilidade
·      O documentario “San Finx 1960” así como o libro infantil ilustrado e unidades didácticas que dan nome ao proxecto son de acceso libre

18/12/2019.- Esta semana a Universidade das Nacións Unidas, con sede en Toquio, decidiu distinguir unha iniciativa de sensibilización e educación ambiental galega como “Proxecto Insignia Extraordinario” (“Outstanding Flagship Project”) na 8ª edición dos seus Premios RCE aos proxectos innovadores de educación para o desenvolvemento sustentábel, que recoñecen as mellores iniciativas pedagóxicas a nivel mundial neste ámbito.

Trátase do proxecto “A mina contamina” lanzado este ano polo Centro de Saberes para a Sustentabilidade e a Fundación Montescola e que inclúe o documentario “San Finx 1960” dirixido por Irene Pin, pioneiro no ámbito da recuperación da memoria histórica ambiental, un libro infantil ilustrado por Lucía R. Cao e unha serie de unidades didácticas e materiais pedagóxicos que, no seu conxunto, buscan sensibilizar sobre os conflitos e impactos ambientais e socioeconómicos asociados ao extrativismo mineiro. Os materiais utilizaron como exemplo ilustrativo o polémico complexo mineiro “San Finx” en Lousame.

A xurado do Instituto para o Estudo Avanzado da Sustentabilidade da Universidade das Nacións Unidas escolleu “A mina contamina” como gañador na categoría de proxectos que contribúen para o Obxectivo do Desenvolvemento Sustentábel 12 “Produción e consumo responsábeis”, sensibilizando, en base nas evidencias históricas e científicas, sobre as negatividades causadas por unha industria mineira e administración indiferentes frente as consecuencias ambientais e socias que provocan. O proxecto galego foi ademais un dos seis proxectos de todo o mundo que alcanzaron a máxima categoría de “Proxecto Insignia Extraordinario”, reservado para as propostas máis innovadoras e mellor fundamentadas desde o punto de vista pedagóxico e científico.

O Centro de Saberes para a Sustentabilidade, único centro de especialización en educación para o desenvolvemento sustentábel recoñecido oficialmente pola Universidade das Nacións Unidas no Estado español, xunto coa Fundación Montescola, disponibilizaron todos os materiais educativos na súa páxina web (https://www.saberes.eu/css/programas-gl/) mentres que o documentario “San Finx 1960” está disponíbel para o seu visionado público ilimitado.


Contacto: Lucía R. Cao (Presidenta, Fundación Montescola), 652960423 | secretariado@saberes.eu
Documentario “San Finx 1960”: https://www.youtube.com/watch?v=zv_z2EEn_V8

Ningún comentario:

Publicar un comentario