venres, 5 de xuño de 2020

NO DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE, A TRISTE REALIDADE

No día mundial do Medio Ambiente publicamos o comunicado enviado á prensa pola Plataforma Pola defensa da Serra do Galiñeiro e SOS Groba, ante as ameazas dos proxectos industriais para esta serras do sur de Pontevedra.



NO DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE

Denunciamos e solicitamos que se mollen!
As Plataformas SOS Groba e Serra do Galiñeiro, que son a suma de diversas entidades e colectivos medioambientais, ecoloxístas, veciñais, deportivos e comunidades de montes, ante a celebración este venres 5 de xuño do Día Mundial do Medio Ambiente, queremos aproveitar para reivindicar ante toda a cidadanía e a clase política en xeral, a necesidade dunha maior concienciación sobre a nosa terra, os nosos montes e serras, que despois de milleiros de anos de uso e abuso, vénse neste primeira parte do século XXI ameazados por intereses especulativos e a ameaza real da súa transformación radical por a implantación de varios proxectos de parques eólicos e de minería invasiva.
Somos ecoloxístas, somos veciños concienciados sobre a necesidade de que se mude o modelo que nos trouxo ata hoxe cunha terra, un planeta, que xa non soporta máis a explotación dos recursos sen ter en conta os valores medioambientais e patrimoniais, que con subterfuxios legais son, teoricamente protexidos e na realidade, estragados e destruídos.
Non somos os propietarios da terra (nin sendoo), somos usufructuarios dun monte que ten donos, múltiples, como os seus usos e aproveitamentos. Somos unha xeración que ve como a terra que lle imos deixar ás xeracións futuras se empobrece e se contamina, como cada día se extinguen especies que os nosos fillos e netos só poderán ver en fotografías; como os nosos ríos e regueiras perden a pureza e a diversidade, como a paisaxe se deturpa, se destrúe e se contamina en aras duns beneficios que non teñen en conta o futuro nin o propio presente, que xa nos está a avisar de que debemos mudar o noso xeito de relacionarnos co medio ambiente.
Ante os proxectos que a Xunta de Galicia ten para as nosas serras do Galiñeiro e da Groba, nós dicimos alto e claro que NON, que NON queremos máis proxectos especulativos co noso medio ambiente; que queremos mudar de modelo e que queremos que se respecte a terra que nos foi legada polos nosos antepasados, para tentar deixarlle un mundo mellor e máis limpo aos que veñan trás de nós.
Por todo isto mandamos a tódolos partidos políticos dos concellos afectados polos proxectos dos parques eólicos previstos, concellos de Vigo, Gondomar, Mos, O Porriño, Tomiño, Oia, O Rosal , Baiona e Nigrán (afectado indirectamente) esta carta que esperamos contesten publicamente antes de que se inicie a próxima campaña eleitoral.
No día do Medio Ambiente, máis conciencia ecolóxica e protección real dos valores naturais e patrimoniais das nosas serras.
Val de Miñor, 5 de xuño de 2020


PLATAFORMA DO GALIÑEIRO E SOS GROBA
Adxuntamos a continuación a carta que foi enviada o día tres de xuño a tódolos partidos políticos

PETICIÓN SOBRE A SÚA OPINIÓN E POSICIONAMENTO AOS PARTIDOS POLÍTICOS NOS CONCELLOS DO VAL DE MIÑOR, BAIXO MIÑO, A LOURIÑA E VIGO SOBRE A CONSTRUCCIÓN DE PARQUES EÓLICOS NAS SERRAS DA GROBA E O GALIÑEIRO.

Ante a aparición nestes días de pandemia e confinamento de novas sobre a aceleración de proxectos eólicos para as serras da Groba e do Galiñeiro, e outros proxectos industriais polo país adiante, e visto no Rexistro Eólico de Galicia (REG) https://www.arcgis.com/apps/webappviewer/index.html?id=4bae3fad95b6439bacef9d1a316765e9

a aparición de novos proxectos na Serra da Groba, sumados aos xa vellos , e polo que a sociedade civil de Galicia e maís dun cento de colectivos recorren e piden a suspensión das dúas ordes da Xunta que reactivan a tramitación de procedementos administrativos durante o estado de alarma.

107 asociacións e colectivos presentan recurso de reposición no que se pide a suspensión cautelar das Ordes do 27 de abril e do 5 de maio polas que a Xunta dá luz verde á continuidade da tramitación administrativa de case 1000 proxectos industriais de grande impacto en pleno estado de alarma.
Tamén solicitan á Delegación do Goberno en Galicia que revise se estas disposicións se axustan a Dereito.

Este recurso foi presentado polo grupo de traballo denominado ALERTA AMBIENTAL GALEGA que nacía hai menos dun mes como resposta ao acordo do Consello da Xunta do xoves 30 de abril do 2020 (DOG deste 4 de maio) no que se aprobou reactivar a tramitación administrativa en materia de avaliación ambiental de 975 proxectos que estaban paralizados polo Real Decreto que declarou o Estado de alarma. Posteriormente, a Xunta de Galicia ditou unha nova Orde a través da Consellaría Industria, que se publicou no DOG do 11 de maio, pola que non só se daba luz verde á continuidade da tramitación de centos de expedientes administrativos con forte impacto ambiental, senón que lexitimaba á Xunta para aprobar tales proxectos industriais de grande impacto.

E ante a reiteración de proxectos lexivos para as serras da Groba con seis proxectos distintos cos nomes de P.E. AlbariñoI, Torona, Torroña I, Torroña III, Rosal e Merendón con un total de 44 torres de aeroxeradores e 4 subestacións de transformación e transporte. Na Serra do Galiñeiro irían 13 torres de aeroxeradores. A todo isto habería que sumar as respectivas pistas de acceso e evacuación de varios milleiros de metros por zonas de grande valor ecolóxico e patrimonial, creando un grande impacto visual e ambiental, xa denunciado hai varios anos cando se iniciaron os primeiros procedementos, e nos que a sociedade civil manifestou o seu rexeitamento. Non famalos de euros nin de prezos de alugueiro, nin de postos de traballo, discursos que o grande capital quere vender para convencer e evitar o rexeitamento. Tampouco estamos a falar de enerxías limpas nin de transición ecolóxica. Non estamos encontra da enerxía eólica, estamos en contra dos modelos de explotación que explotan recursos para tirar beneficios para grandes emporios e tentando mercar patrimonios que non teñen prezo e si moito valor, como son os do medio natural, a paisaxe, o patrimonio cultural e o monte multifuncional explotado polos veciños e comuneiros.

As Asociacións Plataforma Serra do Galiñeiro e SOS GROBA ante o exposto:

SOLICITAMOS DO SEU PARTIDO POLITICO

Se posicione publicamente e nos plenos dos concellos onde teñen representación a maior brevidade, e antes da campaña eleitoral sobre estes proxectos concretos.

Val de Miñor, a tres días do Dia Mundial do Medio Ambiente, maio de 2020.




Ningún comentario:

Publicar un comentario