mércores, 5 de outubro de 2022

GAÑAMOS UNHA BATALLA. SEGUIMOS NA LOITA






 


Hai uns días, o 22 de setembro, saíu publicada no DOG sa resolución sobre a Declaración de Impacto Ambiental do Parque Eólico Albariño I. Clave : 2020/0241 na que se resolve formular a declaración de impacto ambiental desfavorable para o proxecto do parque eólico Albariño I. Despois de 15 anos dun longo proceso administrativo, con moitas horas empregadas en reunións, palestras, xornadas, manifestacións, xeiras e visitas a oficinas das distintas administracións, reclamacións e reivindicacións, alegacións múltiples, chegamos a esta publicación no DOG que nos enche de ledicia por unha banda, e de carraxe por outra.

Antes de nada, e despois dunhas horas de reflexión e análise, temos que facer memoria e lembrarnos dos compañeiros de esta longa loita que xa non están con nós, e que neste día de celebración estarían moi ledos. Vai por eles e a súa memoria esta vitoria parcial, esta batalla gañada. Aló onde se atopen estamos certos que hoxe botarán un sorriso ledo e erguerán as botellas das súas cervexas para brindar con nós por este éxito. Xosé Reigosa, Paco de Pinzás, Alfonso Soliño, Enrique Romasanta. Vai por vós e na vosa memoria. E , grazas compañeiros por non desfalecer nos peores intres desta longa loita e pola entrega e o exemplo dado, cada un dende distintas áreas e tarefas. A vosa memoria seguirá a empurrarnos para non parar nin dar un paso atrás.

Tamén é o intre de dar as grazas ás compañeiras e compañeiros que dende a gran diversidade de colectivos dun xeito ou de outro, foron colaborando e apoiando esta longa loita. Esta vitoria nesta batalla é un logro da suma de esforzos, é unha vitoria colectiva, común, das xentes que non se arredan e que , cada un co seu gran de area, sumou para chegar ata aquí. Grazas a todas e todos. Unidos venceremos.

A xente  descoñece o que no seu nome algúns políticos e empresarios fan, destruíndo valores patrimoniais que non nos pertencen e que non teñen prezo, nin falta que lles fai, mais que teñen un grande valor natural e patrimonial que temos que conservar para que este mundo mellore e deixe de empeorar. As xeracións futuras teñen dereito a un mundo mellor. Nós tamén.

Dedicar parte do noso tempo a defensa do común , sen buscar beneficio económico ou rendibilidade política, é unha obriga que algunhas e algúns nos damos como xeito de contribuír a mellora deste mundo, da terra que pisamos e na que moramos, de pagar unha débeda que temos cos nosos devanceiros que nos legaron a memoria, a lingua e todos os saberes que nos fixeron crecer e deambular polo mundo como usufrutuarios dunha natureza que non nos pertence, mais da que si podemos tirar proveito, sen esquecer que para iso hai que coidala e protexela, para que os que veñan despois de nós sigan a gozar dela igual ou mellor que nós.

Gañamos unha batalla, é a primeira frase do encabezamento deste escrito. É a ledicia expresada con orgullo. Mais,  tamén ven despois da lectura demorada da resolución a carraxe.

Cada un dos parágrafos desta resolución non ten desperdicio. A información evidente da que nos fornece súmase a subxacente que aínda é máis valiosa, pois nela advertimos como o nivel de manipulación negativa é moi grande e os intereses empresariais e especulativos están por riba dos interese comúns e da defensa do patrimonio. As contradicións evidentes entre o que di a empresa promotora e a realidade, entre o que defendemos e denunciamos todas e todos os que estamos nesta loita, trátase dun xeito diferente dependendo do organismo que faga o informe. Sendo nalgúns casos baseado na análise da realidade que é obxecto do proxecto, e noutros de consideracións subxectivas, falsas e/ou sen xustificación analítica, virando cara aos intereses da empresa promotora que,  evidentemente, tenta conseguir os seus obxectivos minimizando as posibles afeccións e impactos.

Todo o dito fainos seguir en alerta e a non parar nin a crer que xa gañamos esta loita. Aínda hai moita mentira que denunciar, moita hipocrisía e falsidade que non parará. Hai en tramitación máis proxectos para a Groba que teñen que levar o mesmo camiño que o Albariño I. Pero non será sen o esforzo e o traballo común de moitas e moitos compañeiros e amigos que apoien esta causa. Por nós non a quedar. Imos seguir igual que ata hoxe, e animamos a todos os colectivos que polo país adiante  sofren este mesmo andazo, a que non se deixen enganar. Que sigan na loita e na denuncia. Co apoio de todas e todos acadaremos a vitoria final.

Grazas polo camiño andado,  e grazas por seguirnos no que fica por andar.

SOS GROBA

Val de Miñor, outono de 2022

Ningún comentario:

Publicar un comentario