xoves, 1 de maio de 2008

ARTIGO DE BIEITO IGLESIAS














A Pexa, de Bieito Iglesias (ECG 1.05.2008)








A pexa ou apea para trabar as patas dos cabalos foi estorbo de uso xeral ata hai poucos anos. Tratábase dunha soga atada a dúas pernas dos solípedos que acurtaba as alancadas e impedía que abeirasen lonxe. Nunha foto de imprensa vexo que se segue utilizando ese xénero de impedimentos co gado equino bravo ou mostrengo: a instantánea -tomada no monte Xiabre- retrata unha besta que leva un pau en forma de forquita prendido nun artello. Infórmame amais o xornal de que tal práctica está hogano prohibida pola Lei de Protección dos Animais Domésticos e Selvaxes en Captividade de Galiza. Parece lóxico e necesario lexislar contra as apeas porque nos incendios de pasados veráns morreu moita cabalada que, por pexada, non pudo fuxir da labareda. Pero, á marxe desta constatación, o feito de que existan esas leis proteccionistas revela a muda profunda que experimentou a sociedade nas últimas décadas, pois non hai tanto que semellantes providencias resultarían estrañas á mentalidade popular. Eu vin afogar unha egua que quería pasar o Miño, desde o coiñal da Chavasqueira ata os prados de Angelita Varela situados na outra banda do río, precisamente porque coas patas enredadas na traba non se remexía e non foi capaz de vadear as correntes. A xente que presenciaba o incidente lamentou esa morte pero non pensaba que atar a besta fose unha crueldade a prohibir. Rexía unha concepción utilitaria no trato coas animalias, exenta de todo sentimentalismo:tanguíanse coa aguillada os bois pousóns; ás vacas lionas púñaselle unha táboa (atada nas cornas) sobre a testa, para dificultarlle a visión e evitar que escornasen.Tense a impresión de que o avanzo da civilización dulcificou o corazón dos humanos, do que se benefician os brutos. No entanto, en escenarios bélicos iraquianos e en domicilios con marido maltratador ou asasino, nótase que o home continúa sendo un lobo para o home. Dito sexa sen ánimo de difamar ao lobo

Ningún comentario:

Publicar un comentario