venres, 2 de maio de 2008

ALGO NON FUNCIONA BEN











Dende os primeiros días de xaneiro viñeronse sucedendo na Serra da Groba os partos das vacas que a habitan. Os xatos co seu coiro limpo, mimetizanse entre o mato cando a súa nai non esta perto. Fican parados aproveitando as raiolas do sol, ou anobelados como lenes fíos do liño cando o curisco bate nas chans entre o toxo e as uceiras. Compoñen, xunto coas "burras", unha estampa que nos trae lembranzas doutros tempos nos que aínda se respectaba o monte e todo o que nel había, como fonte de recursos que era e que supuña a canle pola que viña a mantenza para moitos fogares. O leite, a carne, a leña, o estrume, o pasto, a pedra, a madeira, o mel, as plantas medicinais, a caza, a auga ... todo viña do monte e alí pasaban as horas os nosos avós nun trafego de labores que ocupaban as horas entre lúas, e para os que tiñan algo máis de sorte, entre sol e sol.


Agora ímos á Groba a ver dende o coche os cuxos mamando ou dando brincos entre as abrutias, perto das patas da nai, nunhas estampas que ollamos como de postal ou de película, alleas ao devir das nosas vidas. Ou, cecais non tan alleas?


Xa encetando un maio que ven florido despois dun abril chuvioso, os xatos son xa vitelos e seguen o camiño na súa crianza para ser becerros. Pouco máis adiante han de ser levados polos tratantes para os mercados, ou directamente polos seus propietarios ao matadoiro, para converterse en carne, xarretes, solombo, falda, agulla, callos, costeletas ... Carne da Groba para padales que saiban apreciar as esencias dun bo bocado.


Este sábado, aló polas terras da Serra do Quinxo, en Olelas, no concello de Entrimo, fan unha festa para por en valor e comercializar as saborosas carnes das vacas Cachenas. As Cachenas son esas vacas de pouca alzada e grandes cornas, que teñen o coiro roibo e un ollos de fada engaiolada, con grandes pérfebas mouras e ollada doce e maina. Levan pacendo polas nosas serras milleiros de anos, segundo contan algunhas fontes documentais dos tempos da romanización da Gallaecia. Contábanos o vello e admirado mestre Xoaquin Lorenzo, que as Cachenas eran moi apreciadas polas nosas xentes pois, a pesares da sua pouca envergadura, tiñan unha grande adaptación ao terreo, moi duro, e aproveitaban moi ben a vexetación propia da alta montana para convertela en carne e leite dunha grande calidade. O seu pequeno tamaño permitíalle pasar por lugares onde outros animais máis grandes teríano máis difícil.


Non sei se os ventos da Groba algunha vez levarán a dirección da Serra do Xurés, do Leboreiro e o Quinxo, ou ao revés, sexan os ventos raiotos os que cheguen as encostas da Groba que bican o mar, mais si sei que por isa banda anda o deus Eolo a facer das súas ceibo, empreñando as éguas como na lenda. Que os fados o conserven ceibo e sen aparellos castradores é o noso desexo. Que a festa de Olelas sexa un éxito e que, no futuro, os nosos xatos vaian virando a súa xenética cara a esas razas que tanto teñen do noso e que tanto nos teñen dado ao longo dos anos coa súa presenza nas nosas serras. Cónstanos que dende a Consellaría do Medio Rural estase a apoiar o desenvolvemente de programas para a cría de estes animais. Na Groba temos as características necesarias para producir carne ecolóxica e con razas autóctonas. Só nos queda falar e xuntar esforzos entre todos. Aí estaremos para apoiar a quen queira subir a ese carro, que agardamos non se perda na nosa serra.


Mentres, en Santiago e por todo o país, os nosos gandeiros andan a loitar polo que é de xustiza: que lle paguen o leite e a carne consonte aos prezos que hai no mercado, repercutindo en orixe as subas dos forraxes, cereais e gasoil. Algo non funciona ben. Non pode ser que aqueles que fan o traballo duro e máis arriscado perdan cartos ou ganen menos e, os que fan de intermediarios leven a mellor tallada. Dende aquí pedimos que se axude aos nosos gandeiros e leiteiros. Consumamos os seus produtos, e esixamos aos provedores xustiza cos nosos paisanos que están a manter o sangue que mantén vivo o corazón do noso país: o agro. Ladrillos e perpiaños non se comen, cemento e piche non se beben, leitugas e cebolas, leite e carne si.

Ningún comentario:

Publicar un comentario