mércores, 14 de maio de 2008

¡BENVIDAS/OS!




Hoxe levámonos unha grande sorpresa. Atopamos un feixe de visitas no noso blog e alguns comentarios dun grupo de rapazas e rapaces de 1º C do IES Auga da Laxe, que andaban a preparar un traballo.


Ana, Elena, Araceli, Paula, Aldara, Sión, Inés... graciñas pola vosa visita e agardamos que poiderades atopar información axeitada para o voso traballo.


SOS GROBA é un grupo de xente que está a defender esa fermosa terra que temos diante dos ollos tódolos que vivímos no Val Miñor, e todo o que nela hai, que é moito e variado. Defendemos vivir nunha relación máis armónica co noso medio, protexer e coidar o noso patrimonio natural e cultural e preparar a nosa terra para que as xeracións futuras poidan sentirse orgullosos dela, como nos sentimos nós. Estamos convencidos de que con xente coma vós ímolo a conquerir. Grao a grao, area a area, ímos a facer o noso traballo para poder pasar o inverno e non facer como a cigarra, que deixou pasar o bo tempo estando sempre de esmorga, esquecendo que despois dos días azuis veñen os grises e fríos.


A nosa terra é envexada polos que veñen de fóra a visitarnos. Gustan dos mil tonos de verde dos nosos campos, dos azuis dos mares e os ríos, dos hourizontes sempre diferentes e cheos de sorpresas a cada paso que se anda. Mais, aínda que todo está aí, non sempre foi igual nin o vai a ser no futuro. Temos na sabiduría das nosas persoas maiores, o exemplo e o aviso. Todo muda, nada permanece igual. Hai que coidar o que temos si queremos mantelo para poder gozalo moitos anos. O pai Miño, as serras e os mil ríos que baixan delas percurando un mar que os chama ao lonxe, como un imán, teñen sufrido nos últimos cincuenta anos moitos ataques e desfeitas. Temos perdido unha grande variedade ecolóxica. As herbas e prantas, os peixes, os reptís, anfibios, insectos, os paxaros, os pequenos mamíferos... foron desaparecendo das súas ribeiras e das fragas. Non hai moitos anos, os sapoconchos, as anguías, os xílgaros, os bufos, as doniñas ... podíanse ver a cotío pechando os seus ciclos vitais con cada estación do ano. Eran compañeiros de viaxe nos nosos campos e medían o grao de pureza das augas, a falla de contaminación dos lameiros e o ar que respiraban as nosas xentes. Hoxe, podes pasar por quilómetros e quilómetros de campos e serras e non ver una bolboreta, ou só ver un ou dous exemplares. Aqueles ceos cheos de anduriñas a xogar co ar, guindando chíos ou en ringleira, á espreita, nun tendal ou nos cables do tendido eléctrico. Os asubíos dos gaios cereixeiros cando, aló polo mes de maio, comezaban a pintar as cereixas; as terras a barbeito cheas de cardos e os xílgaros a debullar as súas sementes, as tartarugas co seu pescozo alongado tomando o sol nas pedras na beira dos regatos, e os milleiros de ras a cantar, día e noite, mentras o lagarteiro pairaba no ceo.


Moitas destas imaxes resultannos hoxe moi difícil de ver. E, o que é pior, non para aí a desfeita.

SEICA VEÑEN MAL DADAS. AS ELÉCTRICAS QUEREN MÁIS.




Nos xornais destes días fálase moito da enerxía e so seu precio. De que se vai subir un 22% ou un 11%. Nenguén dubida xa de que vai a subir. Xustifícase a suba na perda de beneficios das empresas e de que, segundo contan, hai que pagar o verdadeiro prezo dos custos de produción. Coma sempre, somos os usuarios os que pagamos. Dende hai tempo temos no recibo unha porcentaxe para pagar a maiores as perdas sufridas no pasado. Agora seica temos que seguir pagando as que se dan pola subida dos combustibles e os gastos de produción. Mais, e cando ganaron moito, repartirón con alguén os beneficios? Cómo medraron e fixeron investimentos multimillonarios en OPAS e extensión das súas redes noutros países? Quén pagou todo eso?


Si as perdas fosen tantas non poderían facer os investimentos que fan en operacións especulativas, deixando a un lado os investimentos en reformar as lineas e mellorar os servizos que dan aos consumidores.


Que melloren os servizos que prestan. Que se deixen de estafar aos usuarios e que permitan, dunha vez, que verdadeiramente haxa competencia para poder escoller o mellor suministrador e non ter que aturar a súa ditadura.


Esto no é coma a fé e a relixión, que nos dí que hai que creer sin ver. No século XXI, os tempos dos parvos xa é hora de que rematen. E, o goberno que mire ben o que fai e con quen xoga. Non nos poden pedir, agora que se inflaron a ganar cartos nos ciclos alzistas, que paguemos nós as perdas cando veñen mal dadas.


Ningún comentario:

Publicar un comentario