luns, 19 de maio de 2008

O XOGO DO TROCO








No xornal La Voz de Galicia de hoxe poidemos ler que a Xunta negocia o traslado de ENCE con un grupo empresarial galego e vencella este traslado coa nova adxudicación do negocio eólico en marcha.


Como temos dito en apuntamentos anteriores, seguen a trocar cromos e a xogar unha partida coas cartas marcadas.


Por outra banda en declaracións a Radio Galega, o alcalde da Coruña dí que nin no porto exterior da Coruña nin en Ferrol ten cabida esta nova planta nin unha posible papeleira que remataría todo o ciclo do tratamento da pasta de papel.


En Pontevedra, o seu alcalde congratulase da nova aparecida nos medios, e agradece a Consellería de Industria o traballo que está a realizar para adiantar o traslado de ENCE.


E mentres nós agardando a que alguén da Consellería de Medio Ambente nos explique ese mapa da Rede Natura, que tan ben pintaron nun papel, que afecta a nosa Serra da Groba. Mellor dito, que afecta aos eucaliptais da parte do poñente da nosa serra. Probiños eucaliptos, estaban en perigo e a sensibilidade da Consellería vénnos a salvar.


Namentres, as pozas e os humidais das chans do alto da Gabiñeira, as de Torroña e, xa máis aló, a Chan do Cereixo seguen a mandar un SOS sen que se escoite nas consellerías.


Esa nova que anuncia unha mestura de intereses, como podemos observar, tan contrapostos, e que mete o negocio eólico no mesmo saco que a pasteira e a papeleira cheiranos mal ( nunca mellor dito o do cheiro).


Dende SOS a Serra da Groba ímos estar moi atentos e, por suposto, denunciaremos calquera cambalache que advirtamos.


Mentres, ímonos preparando para a manifestación de este próximo domingo en Vigo. A Ría Non Se Vende convoca a tódolos que queiran parar a desfeita que está a sofrir o sur da provincia de Pontevedra. Iremos comentando pola seman.

Ningún comentario:

Publicar un comentario