martes, 20 de maio de 2008

QUEDA MOITO QUE FALAR

http://www.lavozdegalicia.es/dinero/2008/05/20/0003_6833794.htm Como apuntabamos onte, aínda queda moito por falar sobor do tema do traslado de ENCE e a súa posible adquisición por parte dun novo grupo empresarial galego. Segundo declaracións do conselleiro de Industria a Radio Galega, eses empresarios poderían ser compensados con concesións no reparto eólico que está en marcha. O reloxo da bomba está en marcha e os que queren fuxir e máis os que queren que a bomba non estoupe andan a argallar argumentos e preparar apoios para o si e para o non. Atentos o que poida pasar. Non nos faltaban problemas e parece que temos un semilleiro o que, en primaveira, lle agroman as herbas como a o ourizo caheiro as espiñas. MAIS DO DÍA DAS LETRAS O sábado foi unha ledicia ver xogar aos nenos arredor da Galiña azul de Alfonso Soliño. Quixeramos dende aquí felicitar a Alfonso polo acerto eque, consideramos, tivo con esta obra. É unha peza fermosa, moderna e moi equilibrada, tanto nos materiais e a composición do conxunto. Calquera que a vexa vai a sentir o desexo de tocala e admirala con respecto . Quixéramos tamén explicar que esta obra nace da homenaxe que o IEM lle quixo facer a Carlos Casares hai xa tempo, e que por diversos motivos se foi adiando . Alfonso Soliño púxose a traballar e, como adoita cando se trata de facer cousa para o seu pobo ou o Val Miñor, creou desinteresadamente esta obra. O seu pudor e humildade fánno fuxir de recoñecementos e palabras de agradecemento, que nós dende aquí si queremos facer públicas. Parabéns Alfonso e moitas grazas en nome de todos os veciños do Val Miñor aos que nos gusta a túa obra. Explicar, tamén, que a Galiña azul está mirando cara Vilariño, onde está o fogar de Carlos Casares, e que os tres ovos son unha representación simbólica dos tres concellos do Val Miñor. Leer o conto de Casares, e que os nosos nenos inzen de imaxinación e fermosa inocencia as nosa vidas. Tamén queremos salientar o traballo de Concha Costas e todo o equipo de Espazo Lectura polo grande labor que están a facer co seu club de lectura e as súas sesións de conta contos, bukcrossing, etc. Grazas a todas/os por traernos a todos os milleiros de mundos que se agochan nunha lectura. Aos amigos da Asociación Cultural O Ximnbaleu, os noso parabéns e que non se cansen e sigan a sorprendernos e animarnos con actividades como a que fixeron este sábado. Os libros na rúa, as voces dos nosos poetas e escritores nas voces dos veciños e visitantes... unha fermosa actividade que se debería converter nunha rutina diaria ou semanal nos cafes, prazas ou calquera outro lugar público. E, para rematar o apuntamento de hoxe, comentar que xa estan a enraizar nos montes da Groba as novas árbores que estes días andan a plantar. Agardamos que o tempo lles sexa propicio e cheguen a se converter en bosques cheos de vida.

Ningún comentario:

Publicar un comentario