xoves, 22 de maio de 2008

PENSANDO NO FUTURO
























SOS Groba segue a pensar no futuro e, paseniño pero sen pausas, a traballar para mellorar as condicións do noso patrimonio natural e cultural. Esta semana SOS Groba foi de visita ao IES Auga da Laxe en Gondomar. En doús días sucesivos foron os alumnos de 1º da eso os que escoitaron as explicacións sobre a problematica da nosa serra e os moitos "tesouros" que agocha. O coñecer para valorar e respectar, é unha máxima que hai que espallar, e nada mellor que coas xeracións de rapaces e rapazas que teñen que estudar nos seus curriculums educativos, en primeiro lugar o que teñen máis perto e despois o de máis lonxe. Consideramos que de pouco lle serve a uns rapaces do Val Miñor saber tódolos ríos da península se non coñecen como se chaman nin a flora e fauna que posúen os que están á carón da súa casa.
É moi gratificante ver como profesores e alumnos toman conciencia dos problemas que temos e, mediante a información e o estudo, buscar solucións para construir entre todos un futuro mellor.

NOVAS NA PRENSA

Na prensa de hoxe vemos unha nova que nos gusta e que nos amosa como se pode pór en valor o noso monte, pensando no futuro e sementando esperanza para as xeracións vindeiras. Os que dende nenos poidemos buscar a sombra baixo as ponlas dun castiñeiro, no verán, ou andar as castañas entre os ourizos no outono, temos que darlle as grazas aos nosos avós e bisavós que un día tiveron a paciencia e o agarimo de plantar eses soutos que hoxe podemos ollar e gozar. Si agora, neste século XXI da vertixe e a globalización non somos quen de parar un pouco o ritmo e botarlle unha man á terra, -en todo o seu senso, a palabra terra- estamos certos que non teremos futuro, ni como pobo nin como sociedade.
A nosa Serra da Groba pode ter moitas solucións que nos axuden a vivir mellor a todos e que, algún día, poidamos recoller con agarimo
os froitos da semente que hoxe procuramos sementar. Estes castiñeiros da noticia da Voz de Galicia tamén poderían medrar nalguns lugares da nosa serra. Eses cogumelos tamén poderían medrar neses milleiros de bidueiros e sobreiras que estes días estamos a ver como se plantan na Groba e converterse neses valores engadidos que valorizan o noso monte e lle dan novas perspestivas que, ogallá, se contaxiesen a tódalas comunidades de montes e as conciencias dos nosos veciños.
Aos que sementan coas súas mans esa novas árbores, parabéns e boa andaina no labor. Aos que sementan coa palabra e o exemplo, forza e alento para seguir. O labor é ardúo pero para todos a recompensa será gratificante e, o que é o mellor, manterá viva a esperanza.

http://www.lavozdegalicia.es/ourense/2008/05/22/0003_6838748.htm

http://www.lavozdegalicia.es/ourense/2008/05/22/0003_6838749.htm

1 comentario:

  1. Só un saúdo. Souben do seu blog por unha ligazón dun contertulio nun comentario de As Uvas na Solaina (graciñas tamén pola ligazón). Noraboa e viremos por aquí de cando en vez.

    ResponderEliminar