domingo, 1 de xuño de 2008

MANIFESTACIÓN EN CONTRA DO PARQUE EÓLICO































Este domingo houbo na Serra da Groba unha manifestación contra do Parque Éolico que se quere instalar nos cumes. A primeira hora da mañan foronse xuntando os participantes chegados de moitos lugares. Dende A Cruz da Calzada, Fonte Salgueiro, O Campuchán, O Foxo Pedriño, O Corno Ladredo, o Curuto do Corvo, Os Altos do Castelo, foronse achegando pasando pola Meniña das Chans e o Padornelo para enfiar cara as Chans de Torroña. Do Costado e o Alto da Lebre e A Gabiñeira foron baixando para a Serriña e a Cruz de Pao. Polo sur, dende os cumes do Carrubelo e a Portela dirixíronse tamén ata o Curro de Torroña onde unha gran cantidade de xente agardaba o paso da manifestación, que fixo unha parada para xuntárense todos antes de facer a entrada no recinto entre os berros e apupos de algúns que non entendían ben tamaña manifestación.








Os manifestantes ían en grande grupos, acompañados de crianzas que tamén quixeron acompañar aos seus maiores na manifestación en defensa dun Espazo Natural e Cultural, que veñen gozando dende vello e que agora está en perigo.








Chegados en tumultuosa grea, fixeron unha entrada impoñente para admiración dos presentes que no poideron conter os urros de admiración e sorpresa.








Xa no recinto decidiron facer un descanso ata despois da hora do xantar en que retomaron os movementos reivindicativos entrando todos a unha no curro. As crianzas foron apartadas para unha gardería feita para acoller aos máis pequenos e librálos de posibles accidentes.








Houbo un tempo de debate e loita con humans, pechados todos no recinto do curro, ata que pouco a pouco se foi chegando a un acordo. Os humans fixeronlle un servizo de perruquería, co corte das crinas e un tratamento para a pel, os insectos e outros parasitos. En troques, as bestas foron saíndo de unha en unha, ás veces manifestando a disconformidade polo trato recibido, outras algo nervosas polo balbordo e os malos modos dalgúns.








De calquera xeito, todo foi saíndo segundo o previsto, e as bestas acordaron seguir facendo o seu traballo nos montes da serra, limpando e desbrozando o mato, coa condición de que os humans coiden a natureza e non lle industrialicen a serra. Tamén acordaron xuntárense outra vez para o mes de agosto. No trato acordouse que no verán hai que repetir o tratamento para os insectos e respectar o pactado perante todo o ano. Outro punto que se acordou foi o de pórlle unha tatuaxe a cada besta na súa anca ( unhas na dereita e outras na esquerda, vai en gustos) e nada de pircins nas orellas nin en calquera outra parte do corpo. Díxose que hai tradicións que pesan máis que calquera lei nova, e que o dereito consetuodinario galego fíxose seguindo o que é costume e ben se acorda entre as partes.








Os manifestantes dispersáronse en pequenos grupos, e os espectadores ficaron contentos e felices polos acordos acadados, prometendo cumprir o pactado e repetir no mes de agosto.








Que así sexa.








Ante o visto hoxe, non hai moito máis que comentar. Só reiterar que apoiamos a manifestación e a reivindicación de deixar a SERRA DA GROBA LIBRE e sen aparellos que perturben o seu desenrolo natural e tradicional: Por un espazo natural e cultural NON AO PARQUE EÓLICO na Serra da Groba.

Ningún comentario:

Publicar un comentario