Hoxe estamos preparando os últimos detalles para esta tarde achegarnos ata a Cruz de Pao, onde iniciaremos o paseo polos Tesouros da Groba, entre o lusco fusco, coa lúa como testemuña, faremos un paseo pola Serra da Groba vendo algúns dos seus tesouros.
Os que queirades subir en autobús, tedes que recoller na entrada do Parador do Monte do Boi, en Baiona, os boletos que iremos entregando a partires das 20 h. Hai prazas limitadas. Os que queirades ir nos vosos coches, podedes esperar no aparcamento da Virxe da Roca. Por alí pasaremos ás 20,40 h. Tentaremos estar no punto de partida ás 21 h. para iniciar o paseo e aproveitar as últimas raiolas de sol, se o hai, e botarlle unha ollada ao mar que se come ao sol. A Meniña da Chans, O Foxo Pedriño, a paisaxe e os cabalos ceibes, e para rematar A Laxe Cruzada ou Pedra das Cruces co labirinto máis grande da península, xa sen luz natural e con luz rasante dos focos que levamos.
Recomendamos que levedes lanternas ou focos e roupa para abrigarse por si hai corisco nos altos.
Ao remate, ao chegar de volta a Cruz de Pao, faremos unha pequena festa natural, con música, a proxeccción dunha película e fotos dos tesouros da Groba. Teremos agasallos naturais para todos/as.
Vémonos hoxe pola tarde.
Ningún comentario:
Publicar un comentario