NOVA NA PRENSA
Siguen aparecendo novas na prensa relacionadas cos posibles dereitos das resultas do concurso eólico.
O nefasto Concurso Eólico, que parece que non chega nunca, está producindo máis noticias especulativas que espectativas de futuro para un país que necesita máis eficiencia enerxética e sentidiño na explotación dos recursos. Unha mala xestión e programación, dende o noso punto de vista, por parte da Xunta de Galiza do futuro enerxético galego, estános levando a observar como as políticas que deberían ser sociais, progresistas e sustentableis - entre outros adxectivos- só reflexan máis do mesmo ( aínda que se tente disfrazar de outra cousa): continuísmo, especulación, desfeita do patrimonio natural e patrimonial, irracionalidade, colonialismo e dependencia de potencias económicas depredadoras que só buscan beneficios e contas de resultados. E mentres, perdemos o tempo e o capital natural que é patrimonio de todos, póndo en mans de especuladores que só van deixar no país unhas cantas migallas, mentres non creben ou vendan os seus dereitos. -legal ou ilegalmente- a segundos e terceiros.
O capital non ten patria nin corazón. Non ten sentimentos.
Cando esta Xunta de Galiza nova entrou a gobernar, moitos fomos os que sentimos un ar de esperanza, un vento de cambio que parecía que ía a deixarnos, por fín, algo de ilusión e posibilidades de ver como os esforzos de toda unha vida podían ter sentido nun novo país transformado entre todos. Xustiza, racionalidade e planificación para artellar as ferramentas que nos ían levar a construcción dunha Galiza máis forte, moderna e sustentabel, preparada para abrirse camiño nun século de grandes transformacións, sociais e tecnolóxicas.
Pasada a lexislatura, e feita a reflexión demorada que require non ser imprudentes nas calificacións, só nos queda unha grande anguria e a palabra decepción.
Non se trocou de modelo enerxético, non se mudarón certas costumes e xeitos de facer da administración, e non se tratou ao cidadán como verdadeiro destinatario dos beneficios que secularmente reclama e se lle agochan. Un goberno de esquerdas non pode cifrar na política da propaganda e o fume a súa xestión. Non pode enganar ao cidadán un día si e outro tamén. Seguir coa arañeira de accións pantalla que non teñen por trás maís que atrezzo para un escenario falso no que se representa unha obra pretenciosa, mala e insolidaria.
Poido o capital. Nin Psoe ni BNG foron quen de facer a metade do que prometeron e só nos poden vender palabras e máis palabras. Os feitos son teimudos e quitan e dan razóns, maís aló dos grandes discursos e despilfarros en medios de propaganda e empeños en amosar pequenos logros.
A tarefa era dura, non o podemos negar, máis en moitos casos non se estivo a altura, e o que é pior, nin siquera parece que se quixera estar. Alomenos así o vemos.
O modelo fai auga, fracasa, e os patróns seguen a defendelo contra dos intereses dos que os puxemos aí.
Moito teñen que mudar as cousas, e moito algunhas persoas, para que gañen credibilidade e sexan capaces de manter nas nosas mentes a esperanza e os azos para defender siglas e equipos que traizoaron ao pobo galego.
Seguiremos loitando pola xustiza, por trocar o modelo de sociedade e construir un país máis xusto, menos agresivo e sustentabel. Os nosos fillos meréceno. Os que críamos que estaban con nós na loita por un mundo mellor, agora só son burócratas agarrados a unha nómina e unha posición moi vantaxosa para eles que nos vai facer máis pobres a tódolos demais.
Por iso berramos
¡Goberne quen goberne, Galiza non se vende!
Ningún comentario:
Publicar un comentario