Máis eólicas: principio do fin
Artigo de Xavier Vazquez Pumariño en Vieiros.
O artigo completo:
Para que andar con contemplacións, longas explicacións ou disertacións politicamente correctas? Para que contemporizar? As cousas claras: chegar a poñer 6.500 MW de enerxía eólica co actual modelo nun territorio de 29.000 km² é unha salvaxada, unha desfeita sen precedentes, o pesadelo dunha mente febril e enferma.
Explicacións? Se alguén as precisa en detalle é que o tema non lle interesou nada ata agora mesmo e mellor que non lea esta columna, que comece por esta outra de hai xa un par de anos porque a cousa xa vén de antes. Para qué precisar detalles técnicos, sinalar outros modelos sostibles, etc. se, ao final, as respostas, sempre insultantemente simples, veñen a resumirse en: a) logo, os Parques Eólicos matan paxariños?, b) aos ecoloxistas non hai quen vos entenda, estades en contra de todo?, c) e logo ti non consumes electricidade? Qué prefires as centrais térmicas?. En definitiva, como apuntaba, comentarios simples, maniqueos, que o único que denotan é a pouca información e curiosidade ou a demagoxia de quen os emite.Do actual modelo de producción de enerxía eólica só cabe dicir a estas alturas que é o perfecto exemplo de cómo unha boa idea é convertida polas corporacións enerxéticas en conivencia cos diferentes gobernos (ben por interese, ben por ignorancia) nunha idea perversa.Centrándonos no país, os gobernos de Fraga, hai xa algo máis de 10 anos, abriron unha barra libre na que unhas elites se repartiron un millonario pastel cociñado cun ingrediente básico: ocupar algúns dos lugares máis valiosos do territorio galego con centrais eólicas, auténticas instalacións industriais dun forte impacto sobre o teritorio. Así asistimos ao dantesco espectáculo de ver desfeitos eses lugares de xeito irreversible sen que a boa parte da sociedade lle importe o máis mínimo. Como caso paradigmático de extrema gravidade compre citar a Serra do Xistral e os seus valiosos hábitats, os máis singulares que Galiza tiña no contexto ibérico. Daquela só o ecoloxismo tomou cartas no asunto apoiado, e é absolutamente fundamental lembralo mal que lle pese a máis de un, polo mundo nacionalista. Dende a súa óptica, Galiza xa era un territorio cunha producción eléctrica máis que suficiente pois exportaba a maioría da mesma, cuns impactos ambientais e sociais máis que coñecidos, e a enerxía eólica non era senón outra forma de destrucción do noso territorio.O goberno xa non é do PP e a Consellería de Industria está ocupada polo BNG e sen mediar ningún tipo de debate (público) nin ofrecer ningunha explicación convincente preténdese chegar a instalar no país 6500 MW de enerxía eólica nun exercicio de irresponsabilidade sen precedentes na historia máis ou menos recente. Pero é que ademais non so é escandaloso que se vaia facer, senón o cómo se vai facer. A situación actual é que Galiza conta neste momento cunha potencia instalada próxima aos 2000 MW e a través dun decreto eólico ampliarase esa potencia nuns 2500 MW máis. O decreto eólico ven a dar por moi boa e satisfactoria a política do PP pois permite construír máis polígonos eólicos nas zonas que o PP destinou para elo, as chamadas zonas de reserva. A continuación aparece o novo Plano Eólico co que a potencia instalada se ampliaría nuns 2000 MW máis chegando ao obxectivo de 6.500 MW. Sen dúbida todo un récord, de desfeita. Quizais falar de números sexa un pouco abstracto e, en termo xerais, non nos fagamos unha idea real do que esto vai supoñer para o territorio galego: ben, baste dicir que calquera montaña, outeiro, monte, serra, resalte do terreo ou liña de costa vai ter as súas correspondentes centrais eólicas con algunha minúscula e anecdótica excepción polo que todo o país quedará convertido nun gran polígono industrial adicado á producción eléctrica por obra e gracia da Consellería de Industria. Claro que poden pensar que esta é unha visión esaxerada e pasional: para despexar dúbidas remítoos ao plano ofrecido na propia web do INEGA, dependente de dita Consellería. O argumento máis escoitado a favor de estas dúas novas ofensivas eólicas é que vai servir, por fin, para o desenvolvemento do país o que me lembra poderosamente a D. Manuel Fraga cando hai anos lle preguntaron pola contaminación da ría de Pontevedra e el respondeu que ogallá todas as rías estiveran contaminadas pois iso significaría que había moita industria nas súas beiras. Un argumento capcioso, obviamente, pero que ten fondas raíces nun pobo subdesenvolvido como o galego onde o seu déficit máis importante non son xa a día de hoxe os cartos nin os postos de traballo senón a sensibilidade e o respecto polos demais, por un mesmo e a cultura. Curiosamente, neste país, sempre se poñen de exemplo outros máis desenvolvidos e civilizados. Fálase de Dinamarca onde levan moitos anos de vantaxe na producción eólica e onde, loxicamente, ao ser pioneiros na mesma esta supuxo un gran impulso económico (venden tecnoloxía, compoñentes, equipos, etc.). O que non se conta de Dinamarca é que antes de embarcarse na enerxía eólica fixeron un gran esforzo tecnolóxico e de modificación de conductas tanto os cidadáns como as empresas e as administracións públicas de aforro, chegando xa ao principio da década dos 80, cunhas posibilidades tecnolóxicas menores ás existentes actualmente, a diminuír o consumo de enerxía nun 15 %. A comparación é simplemente bochornosa: nos estamos a incrementar vertixinosamente os consumos anualmente. Por outra banda, fagan cálculos e compárense o impacto territorial e social: Dinamarca ten instalados 3.136 MW, son cinco millóns e medio de habitantes e dispoñen de 43.000 km², Galiza terá 6.500 MW, somos uns dous millóns e tan só dispoñemos de 29.000 km². A incoherencia é maior se temos en conta a belixerancia que existente fronte a outras fontes de producción eléctrica como as centrais hidroeléctricas; neste momento existe un ruxe-ruxe sobre a construcción de tal ou cal presa no Miño, no Sil, etc., e o lóxico é preguntarse por qué non centrais hidroeléctricas?, por qué si centrais eólicas?, por qué nos amamos os ríos e odiamos os montes?, foi por algún poema de Rosalía?... E postos a ir un pouco máis alá, por qué o Parlamento Galego rexeita a construcción de centrais eólicas no mar e non en terra? Son máis importantes ecoloxicamente, paisaxísticamente ou economicamente algún fondo mariño por aí diante que os montes? Por qué non no mar? E aínda podemos ir un pouco máis alá, se o que se trata é de producir electricidade a toda costa e acaparar inversión, por qué non apoiamos xa a construcción de centrais nucleares en Galicia? Ao fin e cabo ímolas precisar cando estean todos os AVEs funcionando pois os consumo eléctrico dun destes trens é similar a unha cidade de medio millón de habitantes. Non digan que non sabían este tipo de cuestións ou que non foron advertidos, acaso non teñen asesores?. Os cambios que se van producir son tantos e de tal magnitude que non se trata xa so un problema ambiental e de xestión enerxética; cómo vai ser a cultura galega nas próximas décadas? Existirá? Imaxinan un Uxío Novoneyra ou un Manuel María eólicos? Brétemas do muiñeiro eólico?. Hai moita xente que ten que dicir cousas e non o fai, por exemplo o Consello da Cultura Galega de un bo feixe de intelectuais particularmente activos noutros ámbitos. E os medios de comunicación, en xeral, calados ou desviando o tema como unha mera pugna política PSdeG/BNG na sección de economía sen atender ás consecuencias de tal política. Neste senso, o Conselleiro Manuel Vázquez inhibirase ou fará cumprir a lei inda que lle chovan chuzos de punta no bipartito?.Con todo, quizais, o máis incompresible de todo esto é ver importantes sectores do ecoloxismo galego ben calando ben sendo calculadamente ambiguos ante unha desfeita que coñecen perfectamente; seguidismo de Madrid?, só teñen importancia os ríos?; por qué? Eles saberán, pero baste apuntar que se ben hai unha boa e necesaria oposición ao plano acuícola, os obxectivos eólicos terá unha impacto 1000 veces maior. E a militancia nacionalista qué opina de esto? Cidadáns plenos e conscientes ou volubles seareiros?. O presidente Delano Roosevelt cando recibiu ao dictador Somoza dixo: “si, é un fillo de puta, pero é o noso fillo de puta”; son as grandes empresas galegas (de sempre) o noso dictador Somoza? É esta a filosofía agora?. De esquerdas á chinesa, é dicir, capitalismo salvaxe con estrelas vermellas?. Alguén sabe algunha cousa que os demais tamén deberamos coñecer?. Por último, nun plano absolutamente persoal, o que máis doe é que non vou ter ningún país que ofrecer a miña filla, tan só un polígono industrial.
Ningún comentario:
Publicar un comentario