Xurxo González . Empresas seleccionadas polo bipartito lamentan o derrotismo do presidente, mentres grandes eléctricas como Gas Natural confían en que o PP as beneficie nun hipotético novo reparto
Un operario nun parque eólico A consellería de Economía e Industria insiste en que está revisando “todo o proceso do concurso eólico para evitar calquera tipo de inseguridade xurídica”. Pero aínda que a seguridade xurídica é un valor moi prezado polos empresarios, un grupo importante dos implicados no negocio eólico en Galiza non parecen estar moi conformes. A preocupación por parte das compañías que o bipartito seleccionou nos últimos días de 2008 medra conforme pasa o tempo sen coñecer máis noticias da revisión ou anulación do proceso. A tardanza na concesión definitiva e a autorización para comezar a instalación de novos parques eólicos introduce incerteza sobre a rendibilidade dos aeroxeradores galegos. O negocio do vento produce grandes beneficios porque o Goberno central outorga unha prima á produción deste tipo de enerxía para intentar que se dependa menos do petróleo e o carbón. O problema é que esta subvención pública segue unha tendencia descendente desde hai anos, polo que canto máis se tarde en resolver o concurso, máis probable é que a enerxía producida en Galiza valla menos que a doutras partes do Estado, onde os gobernos autonómicos están a emitir concesións.
6.000 Mw inscritos no Ministerio, pero ningún galego Alberte Núñez Feixóo, presidente da Xunta, desatou as iras das compañías seleccionadas pola anterior consellaría de Industria ao dicir nun encontro con empresarios que Galicia “perdeu xa o tren das subvencións”. Esta declaración é do pasado 30 de xuño, pero os afectados non pensan o mesmo. Adxudicatarios consultados por A Nosa Terra afirman que é certo que as retribucións que concede o Ministerio de Industria son agora menores que as que había en 2007, pero non deixan de ser moi apetecíbeis, xa que aseguran a rendibilidade do negocio. Para optar a estas subvencións os novos parques eólicos deben inscribirse nun rexistro que abriu o Ministerio a primeiros de maio. Os empresarios implicados no negocio eólico galego afirman que non se sabe con certeza cantos megavatios se inscribiron xa, e que polo tanto non se pode saber se se perdeu a oportunidade, como afirma Feixóo. En todo caso, canto antes se resolva o concurso, máis opcións terán para entrar en próximos repartos.
A Asociación Empresarial Eólica (AEE), patronal do sector no ámbito estatal, estima que até xuño se presentaron solicitudes no Ministerio para instalar en torno a 6.000 megavatios, pero ningún no territorio galego. Non obstante, a inscrición nese rexistro non garante que a Administración aprobe a instalación, xa que os requisitos son numerosos e estritos. Por exemplo, para que se dea luz verde ao inicio dos traballos, os solicitantes deben acreditar que dispoñen de polo menos o 50% dos recursos necesarios para o investimento. Se os inscritos con máis antigüidade non son quen de cumprir os requisitos, quedarían descartados e a opción pasaría aos seguintes por orde de chegada. Por iso as empresas afectadas afirman que é importante desbloquear e acelerar o concurso galego.
As grandes eléctricas orixinan dúbidas A rendibilidade do vento en Galicia non semella en dúbida polo momento. Así o indican as palabras de Rafael Vilaseca, conselleiro delegado de Gas Natural, quen declarou na xunta de accionistas da compañía do pasado 27 de xuño que estabelecera contactos coa Xunta do PP. O obxectivo da eléctrica catalá, que está a piques de absorber Unión Fenosa, é que o goberno de Feixóo cambie o reparto do bipartito e incorpore os seus proxectos, que non foron seleccionados daquela. Vilaseca afirmou estar convencido de que haberá unha nova lista de ganadores que incluirá as súas reivindicacións, xa que na súa opinión existen “razóns suficientes”. Non obstante esta modificación dos adxudicatarios en Galiza non semella nin fácil de argumentar nin de artellar de xeito legal. As actuais empresas seleccionadas, entre as que se contan as caixas, conserveiras, construtoras e cooperativas gandeiras galegas, pensan que teñen a razón da súa parte e que o proceso de selección do anterior goberno foi rigoroso e acorde á legalidade. De feito, de modificarse o reparto estabelecido, os actuais beneficiarios afirman que reclamarán os gastos nos que teñen incorrido até agora (documentación presentada, estudos realizados sobre a viabilidade dos parques), así como o lucro cesante, isto é, os beneficios cos que xa contan e que deixarían de ganar. Así mesmo, as reclamacións xudiciais derivadas de cambios da actual situación poderían alongar o proceso demasiado, até reducir moito o posíbel beneficio para o país.
Ningún comentario:
Publicar un comentario