sábado, 4 de setembro de 2010
MANIFESTO CONTRA OS LUMES FORESTAIS
GALIZA NON SE VENDE
MANIFESTO CONTRA OS LUMES FORESTAIS
Este ano 2010, como todos os das últimas décadas, volve ser negro para os montes galegos, e mesmo tráxico, coa morte de dous traballadores da loita contra o lume.
Galiza perdeu o bosque orixinario que a cubría enteira. Perdeuno século a século, co avance da agricultura e da gandeiría, como ocorreu en casi todo o mundo. Daquel bosque quedan, tan só, algúns vestixios. Sen embargo, as árbores ocupan dous terzos do territorio galego. É a masa forestal da repoboación do franquismo, que invadiu os pastos e as terras de labor con especies arbóreas alóctonas e pirófitas, que acabou nunha década cun sistema agrogandeiro que levaba funcionando séculos, e que acabou, tamén, con valiosos reductos de árbores autóctonas.
Esta masa forestal de máis de 600 millóns de árbores, é na súa meirande parte un cultivo forestal abandoado. Pero tamén un tesouro económico de 28.000 millóns de euros, do que, sen embargo, apenas se tira rendemento. Só o nove por cento da superficie forestal de Galiza está cuidada e explotada comercialmente. Malia ser unha das comunidades con máis masa arbórea, Galiza ocupa os últimos postos en termos de investimento no sector forestal.
Esta masa forestal é un enorme ecosistema, valioso por sí mesmo pero, sobre todo, necesario para unha transición que permita recuperar de forma equilibrada o bosque autóctono e, con él, a súa grande biodiversidade, o seu valor coma recurso, dada a diversificación dos seus usos, e a súa resistencia aos lumes, que fai del a mellor maneira de prevelos e combatilos.
Pero o valor ambiental desta masa arbórea tamén é desprezado. Só o 18 por cento dos bosques galegos están incluidos nunha área natural protexida pola Administración, a peor ratio do Estado. E o seu valor como paisaxe é ignorado. As masas arbóreas de calquera lugar de Galiza están desprotexidas ante o avance das actividades humanas, malia a súa cualificación como Solo Rústico de Protección Forestal, e malia a existencia dunha inoperativa Lei da Paisaxe.
Dende Galiza Non Se Vende temos que denunciar a nefasta política forestal practicada, goberno tras goberno, dende a Xunta de Galiza. Unha política cegamente economicista e allea ao mundo rural que, por unha parte, abandoa o monte e, por outra parte, continúa a práctica franquista da repoboación forestal con especies alóctonas e pirófitas, que fan da masa arbórea unha tea inmensa que en calquera momento pode arder.
A política de eucaliptización beneficiou, e beneficia, dende hai décadas, a uns poucos empresarios a costa da degradación do noso medio natural, non só mediante o cultivo forestal, senón tamén mediante o lume. As empresas madereiras e as industrias da celulosa obteñen grandes beneficios dos incendios forestais, debido ao baixo prezo da madeira queimada, que chega, incluso, a saír de balde, co falso argumento de que recoller a madeira equivale e limpar e sanear o monte. É curioso que as plantacións destas empresas nunca se queiman.
Tamén buscan beneficio, malia a restricción da Lei de Montes sobre a súa recualificación tras un incendio, as empresas enerxéticas do sector eólico, as empresas da canteiría, as empresas industriais e incluso as empresas inmobiliarias e construtoras. O resultado é que máis do 90 por cento dos lumes forestais en Galiza son intencionados.
A catástrofe incendiaria que vivimos dende hai décadas provoca perdas económicas e sociais, ás veces tráxicas. Pero tamén provoca unha gravísima alteración do ecosistema forestal, e do solo que é o seu soporte, e dos acuíferos, e dos regatos, e das augas das rías, e dos seres vivos que os habitan. E tamén provoca unha grave perda de patrimonio arqueolóxico.
Arde o monte e con cada lume desaparece a vexetación que ampara e fixa a terra, que será arrastrada polas chuvias, invadindo os ríos e as rías, e colmatando as lagoas e os encoros, e acabando cos seres vivos destes ecosistemas. O monte queda desertizado e as súas posibilidades de rexeneración, quedan imposibilitadas durante milleiros de anos.
Con cada lume carbonízase a flora e morren abrasados, ou desprazados do seu territorio, os seres vivos que habitan o monte.
Con cada lume quéimase unha parte de nós, porque somos parte desta terra, e respiramos o osíxeno que produce a vexetación dos nosos montes.
Con cada lume quéimanse e desaparecen os filtros naturais dos nosos acuíferos que nos regalan a imprescindible auga potable, e que aínda hoxe, como antano, son o única fonte de abastecemento en centos de parroquias.
Con cada lume desaparecen centos de restos arqueolóxicos, moitos aínda sen estudar, moitos, incluso, descoñecidos, víctimas do desprezo dos nosos gobernantes polo noso patrimonio cultural e pola nosa propia identidade.
Con cada lume prodúcese unha gravísima perda ecolóxica e cultural que nunca aparece nas cuantificacións de danos.
O fenómeno incendiario constitúe, en suma, un atentado ecolóxico e cultural que se repite ano tras ano ante a pasividade dos responsables da Xunta de Galiza, cómplices, por acción ou por omisión, desta catástrofe ambiental.
Para colmo, os medios para luitar contra o lume son unha parodia do que deberían ser. A inexistencia de políticas dinamizadoras do rural provoca a falla de implicación da veciñanza (mesmo pola súa inexistencia) na vixiancia e loita contra o lume e poñen en perigo a vida das traballadoras e traballadores das brigadas contraincendios, que traballan con escasa formación, con medios precarios, en condicións extremas, durante xornadas abusivas, e sen medidas eficaces de prevención de riscos. Así hoxe temos que lamentar a morte dos dous traballadores veciños de Nigrán e Tomiño que perderon a vida apagando un lume en Fornelos con poucos medios, nunha actuación descoordinada e sen ter recibido a debida información sobre o lume e o terreo afectado.
Por isto, dende Galiza Non Se Vende manifestamos a nosa indignación ante a incompetencia demostrada, unha vez máis, polo goberno galego, que ten a obriga de prever os desastres ecolóxicos, minimizar as súas causas e facer fronte aos seus efectos; minimizar os riscos laborais que causan mortes, e garantir unha información obxectiva e fluída á cidadanía e aos axentes sociais involucrados no terrible e persistente problema dos incendios forestais.
Como remate, a Xunta actual practíca unha política expresa de manipulación informativa e falla de transparencia, ocultando os datos sobre o número de focos de lume e as superficies queimadas. Deste xeito, a cidadanía non pode saber canto se queima, onde, cando, como, nin por quén, nin os medios dipoñibles para as intervencións contra o lume, nin os medios realmente necesarios. A Xunta intenta minimizar os efectos dos incendios para ocultar a súa propia incompetencia na politica forestal e na loita contra o lume.
Galiza precisa un cambio radical na xestión do monte. Galiza precisa revitalizar o rural, recuperar a actividade agrogandeira e recuperar o bosque autóctono nunha transición equlibrada e sustentable. E, durante esa transición, os lumes han de ser previdos e combatidos con medios e medidas eficaces, e a cidadanía debe ser informada con transparencia.
Ésta é a responsabilidade da Xunta de Galiza, e ésta é a responsabilidade que lle esiximos.
POLO MAL GOBERNO DA XUNTA DE GALIZA
POLA SÚA NEFASTA POLÍTICA FORESTAL
POLA SÚA INCOMPETENCIA E INOPERATIVIDADE
ESIXIMOS RESPONSABILIDADES
ESIXIMOS UN CAMBIO RADICAL NA XESTIÓN DO MONTE
GOBERNE QUEN GOBERNE, O NOSO MONTE NON SE VENDE
TERRA VIVA E DIGNA PARA TOD@S.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario